Bienvenido

FELICES E MERECIDAS VACACIÓNS!

jueves, 21 de junio de 2018

Tras unha andadura chea de vivencias, experiencias, descubrimentos e aprendizaxes, hoxe xoves 21 de xuño chega o final do curso co inicio do verán.
Así pois, para rematar o curso como ben merece, esta semana gozamos de diferentes actividades que mudaron de xeito considerable o desenvolvemento de cada xornada escolar... canta cousa concentrada!
Para comezar, organizamos, arquivamos e lembramos parte das actividades impresas desenvoltas ao longo do curso. Neste senso, os materiais que causaron máis expectación foron as actividades impresas que alá polo mes de outubro comezabamos a arquivar en cadansúa gabeta. Había actividades impresas que nin lembrabamos: do San Froilán, do Samaín-Halloween e do outono, da Semana das Letras Galegas... canto traballamos!
Estas e outras actividades impresas tomaron formato de caderniño cunha portada inspirada na película de Buscando a Nemo que, días atrás, visionamos no momento da merenda... estupendo!


Asemade, e ao tempo que faciamos un flashback con algúns dos momentos significativos do curso, xa o LUNS agardábanos a primeira da sorpresas: un pícnic no patio de Educación Primaria onda o resto de nenos e nenas de Educación Infantil. Así que, collemos mochila e gorra e organizámonos nunha roda para gozar do tempo de sol propio destes días.


Pola súa parte, o MARTES, no momento da asemblea anunciouse unha nova coa que non contabamos: a saída ao Parque Rosalía de Castro que quedara suspendida por mor do tempo, tería lugar hoxe... non o podiamos crer!


Ese día, logo das rutinas do súper-encargado -nesta ocasión foi a quenda de PABLO F.-, establecemos algunhas normas e regras de seguridade que debiamos seguir na saída, prestando especial atención ao uso das papeleiras para tirar os restos da merenda -non somos contaminadores-... Tamén, logo da experiencia do pasarrúas do Arde Lvcvs, e para non deixar nada á improvisación, practicamos onda a nosa parella... asi si!


Convertidos nuns auténticos excursionistas: mochila e gorra incorporada, saímos do cole e camiñamos amodo, agarrados da man da nosa parella, non era tempo de correr nin de culebras... xuntos descubrimos nas costas do parque un espazo recollido e apenas coñecido... espectacular!


Non había tempo que perder, así que logo de merendar -este día todos e todas rematamos ao tempo-, deixamos que o noso corpo rode, trepe, caia, corra... resultou un tempo de lecer excepcional.



Na volta, parada obrigada no estanque dos parrulos... que pequerrechos!... que cores!... mágoa dun anaco de pan!... hai que repetir!...


Ao tempo, xa o MÉRCORES e como prometera a profe da horta, en pequeno grupo levamos a cabo a colleita de todo este tempo. Estabamos ilusionados, proba disto foi que na asemblea varios de nós lembramos este pequeno-gran acontecemento no que nas bolsas aportadas polas nosas familias levariamos a colleita para a casa... que ilusión!
E por fin, por fin chegou o XOVES 21 de xuño, día que tiñamos marcado no calendario do panel das rutinas cun corazón en cor vermella... o día no que levariamos todos os traballos elaborados durante o curso.
Hoxe foi un día diferente... era un día de festa onde unicamente tivo cabida a asemblea matinal como actividade dirixida. ICÍA foi a súper-encargada de despedir o curso cunhas rutinas un chisquiño máis longas do habitual que anticiparon parte das novidades do vindeiro curso. O resto foi tempo de xogo libre, tempo de gozar cos xogos e xoguetes da que foi a nosa primeira aula no cole dos maiores, a partires de setembro, un novo espazo dará cabida a todas as experiencias que nos esperan... uf, case preparados!
E aínda quedaba o máis xenial... gozar coas cancións do momento a través da proxección no Encerado Dixital Interactivo (E.D.I.) das últimas novidades do Just Dance 2018... canto rimos!...



Neste ambiente de festa e diversión, xa máis tranquilos xusto uns minutos antes de despedirnos ata setembro, vivimos un momento emotivo cuns convidados especiais... as nosas familias!... GRAZAS de corazón!...
Agora xa, sen esquecer todo o vivido, a disfrutar das tan merecidas vacacións que comezan, aproveitando estes meses de verán para recargar as pilas para os retos e actividades que nos agardan a partir de setembro... este cole como mola!


OS NENOS E NENAS DE 3 ANOS A... DESÉXANVOS UNHAS FELICES VACACIÓNS DE VERÁN!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: