Bienvenido

"APRENDENDO IGUALDADE".

viernes, 1 de junio de 2018

Durante estes días participamos na campaña escolar “Aprendendo Igualdade”, unha iniciativa do Goberno da Deputación dirixida a máis de 10.000 alumnos de Educación Infantil e Educación Primaria da provincia co obxecto de adquirir elementos eficaces cos que aprender igualdade nas aulas.
Este proxecto do organismo provincial está concibido para fomentar entre o alumnado actitudes favorables á educación e á convivencia en igualdade entre nenos e nenas, eliminando vellos estereotipos.
A partir do conto “Vanesa non quere ser princesa”, escrito polo xornalista e escritor lucense Xosé A. Perozo e ilustrado por Jaime Asensi, descubrimos que as profesións non teñen sexo, que non hai traballos diferentes para homes e mulleres.


“Vanesa non quere ser princesa”, conta a historia dunha nena que decide por si mesma o seu futuro profesional. O luns Vanesa decide ser mestra, o martes doutora, o mércores arquitecta, o xoves xuíza, o venres xornalista, o sábado actriz e o domingo astronauta.
Neste senso, convén sinalar que durante moito tempo, a sociedade presentou aos homes cun papel dominante e ás mulleres cun papel de sumisión alentadas a abandonar o éxito académico e o mundo laboral.
Afortunadamente, nas sociedades occidentais, vanse superando os estereotipos ligados ao sexo, a pesar de que aos máis pequenos e pequenas nos custe moito desinhibirnos. Seguimos falando de cousas de nenos e nenas, cores de nenos e nenas, actividades de nenos e nenas,...; de aí que na nosa aula se eviten estes estereotipos e prexuízos en xogos, actividades, cores...
Porén, con Vanesa, ao tempo de traballar conceptos e ideas que melloran a igualdade, aproveitamos para identificar e valorar oficios e profesións do contorno, indicando que nos gustaría ser de maior e fomentando a idea de que a elección dun traballo, dunha carreira e dun compromiso coa sociedade nos fai máis libres. Indubidablemente, como era de agardar, os estereotipos propios para cada sexo resultaron inevitables: elas mestras, perruqueiras e doutoras, eles bombeiros e policías... tema complicado!
Asemade, o rincón de xogo simbólico coa cocinita, carriños, babies e demais xoguetes de habituación para a vida práctica, convértese nun dos espazos privilexiados para detectar posibles estereotipos e para representar diferentes personaxes. 


Neste rincón polo momento participamos nenos e nenas, pois en ocasións, os nenos, -máis rixidamente tipificados que as nenas-, co tempo amosan dificultades para desinhibirse das presións sociais propias do contexto, ridiculizando e desaprobando a todo aquel que se desmarque daquilo que non estiman propio do xénero ao que pertence. Polo momento... nin rastro!


É por iso que contrarrestar os efectos dos estereotipos sexuais constitúa un ámbito de traballo da Educación Infantil a través do tratamento transversal da “Educación Sexual” e da “Educación para a Igualdade de Oportunidades entre Ambos Sexos”, promovendo unha educación non discriminatoria, evitando o sexismo nas aulas e fomentando o respecto cara os demais con independencia do sexo... canto lle queda á sociedade que aprender!



Para rematar esta semana de traballo, xa hoxe venres 1 de xuño, marcamos no calendario do panel de rutinas da asemblea os pequenos-grandes acontecementos que, se o tempo o permite, viviremos xuntos no mes de xuño. A conta atrás comeza e... isto promete!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: