Bienvenido

EDUCACIÓN EN VALORES.

viernes, 31 de marzo de 2017

Na redacción dos principios establecidos no actual sistema educativo, ocupa un lugar relevante a transmisión daqueles valores que favorecen a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza, así como aqueles outros valores que axudan a superar calquera tipo de discriminación.
Neste senso, e como xa vos contaramos, o 30 de xaneiro conmemoramos o Día Escolar da Non Violencia e da Paz. Non obstante, isto non quere dicir que este ámbito de acción o limitemos exclusivamente a esta data, pois ao longo de distintos momentos da xornada, traballamos transversalmente elementos da Educación Moral e Cívica e para a Paz.
Sen ir máis lonxe, o momento da asemblea posibilita o traballo desta temática progresando na escoita activa e atenta ao resto do grupo, no respecto de opinións distintas á propia, levantar a man para falar... fenomenal!
Tamén traballamos elementos relacionados con esta temática cando a principio de curso establecemos as normas que rexen a vida da aula ou cando aprendemos formas pacíficas e máis aceptadas socialmente para resolver os conflitos cotiás que forman parte do noso proceso de socialización.
Ademais de todo isto, esta semana redescubrimos a... HEIDI!, pero ollo, porque non se trata da ultra-modernizada-cambiada HEIDI da serie de debuxos en 3D que existe na actualidade, tratábase da HEIDI de toda a vida, da HEIDI que marcou a toda unha xeración... fantástico!


HEIDI, Pedro, Copito de Nieve, Niebla, Clara, Srta. Rottenmeier, Sr. Sesemann... ensinarannos o valor da amizade, determinados valores humanos e o amor cara a natureza, transmitindo parte dos valores, normas, actitudes e condutas desexables na actualidade.


Para comezar, todo un clásico, os capítulos nº 8 e nº9 onde HEIDI ten a PITCHY de mascota. Canto disfrutamos con este episodio e que silenzo encolledor cando de súpeto, descubrimos que PITCHY desaparecera. 


Xa outra semana, un capítulo de CLARA para valorar e respectar a diversidade como un elemento positivo e enriquecedor... cantas queremos ser CLARA!
De sobra sabemos como nos temos que portar en cada momento, que as flores non se arrincan ou que non se poden matar miñocas no patio, que debemos ser amigos sen pelexar nin “chinchar”, que hai que compartir, que temos que traballar sempre ao xeito..., uf!, pero segue custando máis do que debera... coidamos será cuestión de tempo... paciencia...
Asemade, e tomando este fío condutor como alicerce para redecorar o corcho da aula, hoxe venres, coloreamos seguindo o código establecido a HEIDI: de cor rosa, vermella, amarela e carne.


Finalmente, cadaquén debuxou no ceo aquel elemento que considerou: soles, nubes, estrelas, arcos da vella, bolboretas... e corazóns, moitos moitos corazóns... canto amor!


Ah!... E que mellor xeito de terminar esta semana que escribindo palabras bonitas: AMIGA, GUAPA, PRECIOSA, “TE QUIERO”... ben bonito quedou o corcho... HEIDI, es única!

 

Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

PAPOULIÑA, PAPOULA...

viernes, 24 de marzo de 2017

Sabiades que este luns comezamos unha nova estación?... Siii, a primavera xa está aquí!!, e con ela os días serán máis longos e o sol debera quentar con máis intensidade...
As modificacións que se producen no contorno coa chegada dunha nova estación non pasan desapercibidas na nosa aula, e como non podía ser doutro xeito, suscitaron diversas actividades que nos serviron para observar e identificar algúns elementos do inverno e da primavera.
Así pois, a mañá do xoves resultou unha xornada diferente, pois de camiño cara a escola... nevaba!... Loxicamente, durante os momentos iniciais da xornada, este acontecemento suscitou interesantes conversas nas que axiña acordamos que poderiamos facer coa neve: bonecos de neve, batalla de bólas de neve, montar en trineo coma Heidi, esquiar... un montón de cousas!
Nesta xornada marcada pola neve intensa que caía por momentos, non puidemos ter mellor idea que deixar as cortinas abertas... embelesados estabamos cun espectáculo tan xenial!


Tamén aproveitamos para redescubrir a indumentaria propia que precisamos para protexernos do frío, valorando a necesidade de abrigo como medida fortalecedora de saúde para evitar arrefriados, gripes, dores de gorxa…
Por outra banda, co gallo do inicio da primavera, colaboramos onda os nenos e nenas de 3 e 5 anos na decoración do corcho da entrada, recreando un arco da vella que, no canto de ter as súas correspondentes cores, tiñan unhas flores colorín coloradas, -no noso caso, con series de dúas cores-, que axiña ensinamos ás nosas familias no momento da entrada... que ilusión!




Esta actividade, ao tempo, serviunos para lembrar algunhas necesidades básicas das plantas: luz, auga e terra, entre outras, concienciándonos da importancia de non arrincar as flores da zona axardinada do patio, de non pisar o horto...
Neste senso, como vén sendo decote neste 2º trimestre, esta semana tivemos a visita da “profe do horto” que, por si quedara algunha dúbida, concienciounos se cabe aínda máis da necesidade de coidar as plantas da nosa contorna, incidindo no traballo transversal da Educación Ambiental.
Nestas sesións quincenais de horto, subdivididos en dous grupos, habitualmente acudimos á horta establecida nun lateral do patio, pero esta semana como o tempo non o permitía, desenvolvemos na aula un obradoiro no que mentres uns traballabamos nunha actividade impresa alusiva ao tema, outros plantabamos unha legume... nun algodón?


Agora xa, observando, preguntando, formulando hipóteses, experimentando, extraendo conclusións,... comprobaremos nas asembleas se verdadeiramente dun algodón nace ou non unha planta... a ver que pasa!


E para rematar, mentres escoitabamos a Primavera de Vivaldi, que mellor que recrear cadansúa primavera nuns debuxos con flores, bolboretas, abellas, árbores, paxaros, soles, nubes e, sobre todo... arcos da vella!... cantos arcos da vella!... 


MAURO!, coidamos que non foi unha boa idea proxectar no Encerado Dixital Interactivo (E.D.I.) o arco da vella...

 

Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

ALFABETOMOTRICIDADE.

viernes, 17 de marzo de 2017

Convencidos que un lector non nace, faise, a partir desta semana adicaremos gran parte do traballo aos contidos vencellados á lecto-escritura, transmitindo o valor da lectura como unha fonte de aproximación a novos coñecementos e como unha porta aberta á fantasía.
Neste senso, son diversas as actividades e rutinas cotiás nas que se presentan situacións excepcionais nas que o uso, case sistemático da lectura e escrita, faise de obrigado cumprimento.
Así pois, nas asembleas matinais realizamos o fichaxe de ausencias e presenzas -identificando o nome dos compañeiros e compañeiras ausentes-,


escribimos a data no encerado e en cada actividade impresa -con día e número-,
escritura no encerado do nome do súper-encargado, así como outras palabras significativas que xa temos automatizadas...,


escrita de grafemas, asociando a nomes de compañeiros e compañeiras, -isto a algúns séguelles custando máis do que debera... ánimo!-...


ilusionados escribimos o nome e número na coroa de aniversario,


ollamos os días da semana de PIPO, os meses do ano no tren dos aniversarios, todos os rótulos das gabetas, rincóns e armarios...



Indubidablemente a nosa aula convértese nun verdadeiro entorno receptor alfabético, onde a lecto-escritura é unha aprendizaxe máis que construímos e reconstruímos a partir dunha visión construtivista escolar.


Xa dun xeito máis formal, este trimestre iniciámonos na escrita enlazada a través das historias de PATA, PATO, INMA, ÚRSULA, ANA, EMILIO e ÓSCAR, que onda AURELIO e JULIETA, ensináronnos un xardín onde en vez de tomates, leitugas ou patacas, nacen flores que teñen no centro unha letra.

El jardín de las letras (Edit. Algaida)
De momento traballamos o “I” e o “U” e xa suamos bastante, porque iso de non levantar o lápis, polo momento, non vai moito con nós... que paciencia!
Asemade, e tras a incertidume suscitada coa actividade do préstamo semanal, cada venres convertémonos nuns fantásticos contacontos nos que intepretamos as imaxes, ensinamos as páxinas ao resto do grupo-clase, pasamos de folla... e todo sen perder o fío condutor do relato!
Ler ten que ser un tempo de pracer, de diversión e disfrute, de aí que a utilización dos contos como unha rutina da aula, sérvenos para crear un clima de diversión e festa que resulta tan grato e estimulador para a aprendizaxe.


Son moitos os contos que traemos ilusionados cada mañá, ás veces desesperamos porque non chega a nosa quenda, pero paciencia, ao final todos se len... moitas veces como premio ao noso tempo de adicación e esforzo na realización do traballo cotiá. O ritmo de traballo e afán de superación nos traballos deste 2º trimestre é... de súper-maiores!... noraboa!... sen palabras!...
E para rematar, estes días repasaremos todos os grafemas do alfabeto, no que traballaremos trazo, identificación e escrita significativa en galego, introducindo a outra lingua oficial de Galicia. Siii, son actividades impresas doadas dabondo, pero o trazo non serve de calquera maneira, amodo, sen présa e con letra mediana... canto traballamos!


Este repaso viranos xenial, pois a pesar de todo o traballo realizado dende comezo de curso, seguimos cometendo erros con grafemas que deberan estar máis que consolidados... a ver que inventamos para superar estas inseguridades!...
Un saúdo acompañados de lectura e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

ARTE POR TODAS PARTES.

viernes, 10 de marzo de 2017

Logo do antroido, voltamos facervos partícipes da nosa vida cotiá no colexio, nunha semana na que convertemos a aula... nunha galería de arte!
Así pois, para mergullarnos no mundo da arte mediante o descubrimento e identificación de distintas obras de todos os tempos e de diferentes artistas, que mellor que facer uso, unha vez máis, dos “Bits de Intelixencia”. Para iso, en primeiro lugar, decidimos ollar os elementos do Sistema Solar traballados no 1º trimestre: Marte, Xúpiter, Saturno, Hale Boop... nin moito menos esquecemos os nomes e características dos planetas, constelacións e cometas.
Neste senso, e para deixar constancia da nosa misión interestelar, recreamos cadansúa bandeira do mesmo xeito que o fixeran o estadounidense NEIL ARMSTRONG, VALENTINA TERESHKOVA e mesmo LAIKA, o primeiro animal en orbitar a Terra... siii, misión cumprida!


Sabedores da adquisición destes logros, chegou o momento de realizar unha primeira aproximación á linguaxe plástica acompañados de artistas de renome tales como: Picasso, Leonardo Da Vinci, Miró, Salvador Dalí, Goya...
A través desta rutina, poñémonos en contacto con diferentes expresións artísticas, desenvolvendo a capacidade de ampliar o noso sentido artístico, así como ofrecernos unha ampla gama de posibilidades coas que contribuír ao desenvolvemento da competencia cultural e artística... case nada!
O traballo a partir destas láminas de arte, supón coñecer, comprender, apreciar e valorar criticamente diferentes manifestacións culturais e artísticas que promoven un xuízo crítico e creativo da realidade. Ademais, día a día, aprendemos máis de cada obra: autor, movemento pictórico, características salientables... e todo aquilo que nos amose un coñecemento o máis completo posible das 12 obras seleccionadas... non se nos escapa unha!
  1. “Persistencia de la memoria” y “Mujer en una ventana” de Salvador Dalí.
  2. “La gallinita ciega” de Francisco de Goya y Lucientes.
  3. “Campo de tulipanes en Holanda” de Claude Monet.
  4. “El gran canal desde el palacio Balbi” de Canaletto.
  5. “El hombre de Vitruvio” de Leonardo Da Vinci.
  6. “Latas de sopa de tomate” de Andy Warhol.
  7. “Madre e hija delante del Sol” de Joan Miró.
  8. “Niños jugando a los dados” de Murillo.
  9. “Las Meninas” de Pablo Ruiz Picasso.
  10. “Las bañistas” de Pablo Ruiz Picasso.
  11. La Gioconda de Leonardo Da Vinci.
  12. “La conversación” de Henri Matisse.










Case con cada lámina de arte, realizamos unha lectura espontánea, global, descritiva, narrativa, con transposición do gravado a posibles experiencias vividas... achegándonos á profesión de PINTOR (materiais que emprega, se coñecemos algún, tipos...) e aos MUSEOS (espazo de ocio que serve para conservar as obras expostas).
Finalmente, como colofón a todas estas experiencias, hoxe venres, convertemos a aula nunha improvisada galería de arte, onde o encerado mudou as letras e os números, pola exposición das 12 láminas seleccionadas.
Hoxe non había lugar a ficha de MUNELA, e con este ambiente tan propicio para a estimulación da imaxinación e creatividade, reinterpretamos, como auténticos artistas, a nosa obra favorita. Para iso, observamos, identificamos, coñecemos e diferenciamos, -se cabe aínda con más detalle-, cores, formas, tamaños e todo aquilo que configuraba a lámina.




Previamente, na asemblea matinal, destacamos a nosa obra de arte preferida. Non sabemos si pola sinxeleza das imaxes, das formas ou as cores empregadas, pero La Mona Lisa de Leonardo da Vinci e Latas de sopa de tomate de Andy Warhol, foron as máis destacadas.















Uf, que complicado!... nalgúns casos as obras non son de todo claras e non sabiamos como interpretalas; así que para estar inspirados, o silenzo durante a actividade, máis que obrigatorio, necesario... máxima concentración!


Agora xa, se o tempo estimado o permite, iniciaremos o traballo das marabillas do mundo viaxando a París, México, Venecia, India e mesmo China. Seremos conscientes da “marabilla” da nosa cidade?... 
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!