Bienvenido

PAPOULIÑA, PAPOULA...

viernes, 24 de marzo de 2017

Sabiades que este luns comezamos unha nova estación?... Siii, a primavera xa está aquí!!, e con ela os días serán máis longos e o sol debera quentar con máis intensidade...
As modificacións que se producen no contorno coa chegada dunha nova estación non pasan desapercibidas na nosa aula, e como non podía ser doutro xeito, suscitaron diversas actividades que nos serviron para observar e identificar algúns elementos do inverno e da primavera.
Así pois, a mañá do xoves resultou unha xornada diferente, pois de camiño cara a escola... nevaba!... Loxicamente, durante os momentos iniciais da xornada, este acontecemento suscitou interesantes conversas nas que axiña acordamos que poderiamos facer coa neve: bonecos de neve, batalla de bólas de neve, montar en trineo coma Heidi, esquiar... un montón de cousas!
Nesta xornada marcada pola neve intensa que caía por momentos, non puidemos ter mellor idea que deixar as cortinas abertas... embelesados estabamos cun espectáculo tan xenial!


Tamén aproveitamos para redescubrir a indumentaria propia que precisamos para protexernos do frío, valorando a necesidade de abrigo como medida fortalecedora de saúde para evitar arrefriados, gripes, dores de gorxa…
Por outra banda, co gallo do inicio da primavera, colaboramos onda os nenos e nenas de 3 e 5 anos na decoración do corcho da entrada, recreando un arco da vella que, no canto de ter as súas correspondentes cores, tiñan unhas flores colorín coloradas, -no noso caso, con series de dúas cores-, que axiña ensinamos ás nosas familias no momento da entrada... que ilusión!




Esta actividade, ao tempo, serviunos para lembrar algunhas necesidades básicas das plantas: luz, auga e terra, entre outras, concienciándonos da importancia de non arrincar as flores da zona axardinada do patio, de non pisar o horto...
Neste senso, como vén sendo decote neste 2º trimestre, esta semana tivemos a visita da “profe do horto” que, por si quedara algunha dúbida, concienciounos se cabe aínda máis da necesidade de coidar as plantas da nosa contorna, incidindo no traballo transversal da Educación Ambiental.
Nestas sesións quincenais de horto, subdivididos en dous grupos, habitualmente acudimos á horta establecida nun lateral do patio, pero esta semana como o tempo non o permitía, desenvolvemos na aula un obradoiro no que mentres uns traballabamos nunha actividade impresa alusiva ao tema, outros plantabamos unha legume... nun algodón?


Agora xa, observando, preguntando, formulando hipóteses, experimentando, extraendo conclusións,... comprobaremos nas asembleas se verdadeiramente dun algodón nace ou non unha planta... a ver que pasa!


E para rematar, mentres escoitabamos a Primavera de Vivaldi, que mellor que recrear cadansúa primavera nuns debuxos con flores, bolboretas, abellas, árbores, paxaros, soles, nubes e, sobre todo... arcos da vella!... cantos arcos da vella!... 


MAURO!, coidamos que non foi unha boa idea proxectar no Encerado Dixital Interactivo (E.D.I.) o arco da vella...

 

Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: