Bienvenido

XoGaMoS COMA GALEGOS!

domingo, 8 de mayo de 2016

Como preludio á Semana das Letras Galegas 2016 que culminaremos o venres 20 de maio, esta semana desenvolvemos diversas actividades que nos achegaron ao descubrimento, coñecemento, valoración e respecto de elementos representativos da nosa Comunidade Autónoma: Galicia.
Así pois, o luns discorremos entusiasmados polas rúas da nosa vila identificando diferentes espazos emblemáticos como a casa na que naceu e viviu A.D.R. Castelao, escritor da nosa literatura e que dá nome ao noso centro. Ao tempo, unha guía turística igual de documentada que Alison, a que coñecera MOLI en Londres, contounos a historia de “Peito de Lobo”... que interesante!


Xa o xoves, coñecedores das potencialidades e posibilidades que ofrece o xogo en Educación Infantil, participamos activamente nun obradoiro de xogos populares que nos aproximaron a xogos de sempre, a xogos de toda a vida que quizais apenas coñeciamos.
A xornada resultou ben diferente, pois logo das rutinas de entrada -este día nin tan sequera houbo tempo para a asemblea matinal- saímos ás pistas para gozar das distintas estacións dispostas no exterior do cole.
Había xogos de todo tipo e para todos os gustos: probamos equilibrio cos ZANCOS de cores, enxeño e paciencia no circuíto das CHAPAS, tamén forza e tesón no TIRO DE CORDA... que risas!, puntería e acertos varios nos BIRLOS de plástico e na , tirando a bóla ou os “pellos”, respectivamente... e que memoria no PANO contra os nenos e nenas da clase da profe Silvia... había números do 1 ao 20!












Foi unha mañá do máis divertida na que ao tempo que coñeciamos aspectos representativos do patrimonio cultural de Galicia referidos aos xogos populares, desenvolvemos valores como o traballo en equipo, a cooperación, a solidariedade, a tolerancia, o respecto...
Agora xa, entrando na recta final do trimestre e do curso, a vindeira semana teremos un cometido dobre: por unha banda, seguir participando nas actividades propias da Semana das Letras Galegas 2016, e por outra, rematar o agasallo que con tanto esmero comezamos a ultimar co gallo do Día Internacional da Familia o 15 de maio... que ilusión!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: