Bienvenido

"RAIO DE LUZ, BOLBORETA"

viernes, 27 de mayo de 2016

A piques de rematar o 3º trimestre e con este o curso de 4 anos, esta semana farémosvos partícipes dos nosos avances sobre un ámbito de traballo que xoga un papel indiscutible en Educación Infantil: a expresión plástica.
Os distintos materiais, elementos e técnicas que configuran esta linguaxe, convértense en alicerces excepcionais cos que comunicar aspectos da nosa vida cotiá grazas á riqueza de medios que emprega, á sinxeleza de técnicas que utiliza e á variedade de soportes sobre os que traballa.

Lonxe quedan xa para moitos de nós aqueles debuxos básicos e sen detalles de cando tiñamos 3 anos, incluso do comezo de 4 anos froito da nosa inmadurez. Agora, os nosos debuxos, na maioría dos casos, inclúen elementos e detalles que moitas veces pasan desapercibidos para os adultos, desenvolvendo un exercicio de creatividade, imaxinación e fantasía.
Ben é certo que, durante o curso, realizamos múltiples actividades relacionadas coa expresión plástica:
debuxamos sobre o centro de interese que traballamos en cada caso,... ben bonito segue o noso corcho cos debuxos da viaxe de MOLI in London!
debuxamos os nosos personaxes de ficción e de contos favoritos ou visitas como a da Garda Civil alá a finais do mes de novembro,
debuxamos nas fichas de lectura da actividade do préstamo semanal de biblioteca,
tamén cando accedemos ao rincón do encerado, unha vez feitas letras e números,... debuxos e máis debuxos!...
Esta semana incluso pechamos a última semana do Plan de Consumo de Froita nas Escolas recreando a nosa propia froitería... mmm!
Ah!... e sen esquecer os debuxos libres unha vez rematado o traballo obrigatorio para os máis “lixeiros” no traballo cotiá!
Asemade, ao longo do curso tamén traballamos o mundo da arte co uso sistemático de distintos bits de intelixencia relacionados. Como xa vos contaramos, este recurso ao tempo fomentou un sempre grato achegamento a este mundo da man de autores de renome como Goya, Andy Warhol ou o mesmísimo Leonardo Da Vinci, posiblitando a observación detida de distintas obras de arte e a descrición dalgúns dos seus detalles.
O encontro con obras de arte de todos os tempos e de distintos autores -algunhas delas de valor universal-, supuxo a proposta de diversas experiencias nas que creamos e recreamos algunhas destas obras desenvolvendo a creatividade e sensibilidade na elaboración de obras plásticas propias, respectando progresivamente as producións alleas e desenvolvendo habilidades do pensamento a través da arte... un exercicio do máis completo!

"A terraza de café pola noite" de Vincent Van Gogh
"A terraza de café pola noite" de 4 ANOS B
Agora xa, a vindeira semana viviremos uns días ilusionantes coa conta atrás para a saída de fin de curso ao zoo de Vigo do vindeiro luns 6 de xuño... canto nos está tardando!... Para que a espera se faga máis levadeira, comezaremos o derradeiro libro dos Bloques Lóxicos de MOLI... con tanta emoción, coidamos atinar en cada actividade!



Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: