Bienvenido

"OS LIBROS SON PARA VALENTES".

viernes, 22 de abril de 2016

“Teño follas de marfil, palabras, máis de mil e o meu día é... o 23 de abril!” con esta adiviña, comezamos unha semana na que conmemoramos o “Día do Libro 2016”.
Sabedes por que se celebra o “Día do Libro” cada 23 de abril?...
Para celebrar o “Día do Libro” escolleuse o 23 de abril por coincidir este día co falecemento de grandes escritores universais tales como: Miguel de Cervantes, Garcilaso de la Vega ou o mesmísimo William Shakespeare.
Deste xeito, no ano 1995 a UNESCO promulgou o 23 de abril como “Día Internacional do Libro”, a pesar de que no caso concreto de España xa se viña celebrando dende o ano 1930.


Esta conmemoración, non pasou desapercibida no noso cole, e aproveitando que o 17 de maio celebraremos a Semana das Letras Galegas 2016, o xoves fomos ao Auditorio Municipal para asistir a unha “sesión de contacontos” moi particular sobre a vida e obra de Manuel María.
Ese día non tivemos asemblea, aproveitamos para traballar nunhas actividades de MOLI... coas que axiña remataremos o libro 5!... Pronto vos contaremos cantas cousas aprendemos de Londres, a capital inglesa!...
Así pois, en parellas baixamos as rúas da nosa vila ata chegar ao Auditorio. 


O certo é que non sabemos ata que punto comprendemos o mensaxe da historia que relatou aquel entregado actor enriba, abaixo, a un lado e ao outro do escenario -non parou un minuto... que actividade!-, pero do que non cabe dúbida algunha e do moito moitíiisimo que rimos...


Por outra banda, xa hoxe venres, dende primeira hora, descubrimos que o “Equipo de Biblioteca” nos deixara un agasallo en forma de conto.


Así, aos contos do noso rincón de biblioteca, engadimos un novo: Cuando me convertí en lobo (Edit. Anaya).


Cuando me converti en lobo é a historia dun pai que lle conta un segredo á súa filla. Algo que lle ocorreu de pequeno e que lle serve de escusa para descubrirlle algo moi importante para deixar de ter medo polas noites...


Unha vez desvelado o título do conto, nesta ocasión as hipótesis sobre o que escondía o agasallo resultaron innecesarias, -estaba clarísimo, o agasallo era un conto-, conversamos sobre os nosos contos preferidos decatándonos de todos os que coñecemos. Saíron, dende os contos de sempre, os contos de toda a vida como Caperucita Roja, Los 3 cerditos ou El patito feo, ata outros que toman como protagonistas personaxes de debuxos animados da tv: Peppa Pig, Mickey Mouse, Elsa e Anna de Frozen, as incombustibles Tortujas Ninja...
Asemade, nesta escolma de contos, tamén destacamos os da Colección Serie Azul da Editorial Vicens Vives cos que os derradeiros contacontos do curso nos están deixando sen palabras cos seus primeiros exercicios de prelectura: La vaca bailarina, Verónica el hada buena, Los osos toman el sol...
De todos é coñecido que os contos se convirten en aliados excepcionais nos procesos de ensinanza-aprendizaxe que levamos a cabo na aula. Os contos serven para atoparnos cos problemas éticos fundamentais favorecendo a adquisición dun primeiro código moral ao tempo que reforzan virtudes e cualidades como o valor da amizade, a humildade, a exaltación da intelixencia e do enxeño...
Facéndonos eco das palabras de Pedro Feijoo para Bibliotecas Escolares de Galicia no Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor 2016: “para todos hai un libro. Ou dez. Ou mil. Outra cousa é que esteamos dispostos a abrilos. Que me dicides, valentes, atrevédesvos?”...
Un saúdo acompañados de lectura e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: