Bienvenido

EDI: Encerado Dixital Interactivo.

viernes, 15 de abril de 2016

A incorporación, cada vez máis xeralizada, das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) ás aulas de Educación Infantil permite personalizar a educación e adaptala ás demandas e ao ritmo do alumnado.
Como xa vos contaramos no 1º trimestre, a nosa aula non podía permanecer á marxe das TICs, por iso, este curso decidiramos incorporar ás nosas actividades cotiás a interacción co Encerado Dixital Interactivo (EDI).
O EDI é unha ferramenta tecnolóxica que permite proxectar contidos dixitais nun formato axeitado para a visualización en grupo, tamén realizar actividades moi diversas en diferentes linguaxes, axudar a centrar máis facilmente a atención, desenvolver a creatividade e o pensamento intuitivo… aproveitando as posibilidades educativas dos recursos multimedia da aula.
Así pois, ocasionalmente en gran grupo desfrutamos das actividades que nos ofrece MOLI no seu CD de tarefas reforzando e ampliando algúns contidos propios da etapa: lóxica-matemática, lecto-escritura, grafomotricidade, as cores, nocións espaciais, temporais, topolóxicas, musicais…



Ao tempo, e sen decatarnos, iniciámonos na adquisición doutras capacidades, competencias e habilidades máis específicas como manexar con precisión o punteiro do rato, prender e apagar o ordenador, identificar e empregar as iconas para acceder aos programas e/ou xogos... valorando as TICs como medio de información, coñecemento e expresión.
Agora xa, convertidos en pequenos-grandes expertos no uso do EDI, a semana pasada aproveitando que comezabamos unha nova rolda de súper-encargados e encargadas, incorporamos á nosa parrilla de clase a rutina do EDI... unha idea fantástica!
Ata o momento foi a quenda de: NICOLÁS, XIMENA, SANTIAGO, PAULA, NAIRA e EVA.


Estas e outras actividades, axudarán a contribuir ao desenvolvemento da Competencia Básica establecida pola UNESCO: Tratamento da Información e Competencia Dixital, acadando obxectivos incluídos no “Plan de Integración das TIC´s” do centro... que interesante!
Como dato anecdótico, e dada a novidade dos primeiros días, resulta curioso como nos colocamos arredor do EDI e do súper-encargado para ver como xoga... non perdemos detalle!  
Agora máis que nunca, contamos os días que quedan para ser súper-encargado/a… xogar co EDI é divertidísimo!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: