Bienvenido

BUFANDA VIOLETA... PARA ANDAR EN BICICLETA!

viernes, 18 de marzo de 2016

Sabiades que o vindeiro luns 20 de marzo comeza unha nova estación?... Siii, a primavera xa está aquí!!, e con ela os días serán máis longos e o sol quentará con máis intensidade...
Se ben é certo, no noso cole dalgún xeito a primavera comezou un chisquiño antes, pois o 2 de febreiro celebramos o “Día da Candeloria”, día no que se marca a metade do inverno, considerado o preludio da chegada da primavera, do renacer da natureza e da festa da luz. É o día do casamento dos paxaros, o día dos namorados. A partir deste día ningunha ave voa soa. Saen os paxaros a celebrar a súa voda e ter pitiños pola primavera.
Deste xeito, a entrada do noso pavillón está presidida por un colorín colorado arco da vella que recrea un poema de Manuel María, autor homenaxeado este ano polo “Día das Letras Galegas”.


E para completar este fantástico mural... que mellor idea que cada clase recrease o casamento dos paxariños dos que vos falabamos antes mediante o emprego de materiais, elementos e técnicas da linguaxe plástica.


No noso caso, foi ben doado: témpera de cor vermella e purpurina, moita, moitísima purpurina. Finalmente, para darlle unha visión de conxunto: rotuladores fluorescentes e corazóns grandes, medianos e pequerrechos!...


Se ben é certo, as modificacións que se producen no contorno coa chegada dunha nova estación non pasan desapercibidas na nosa aula, e como non podía ser doutro xeito, suscitaron diversas actividades que nos serviron para observar e identificar algúns elementos do inverno e da primavera.


Comezamos ollando as roupas dos percheiros, recoñecendo a indumentaria propia que precisamos para protexer o noso corpo contra o frío: pezas máis grosas, uso de materiais máis cálidos, maior cantidade de roupa e accesorios específicos desta estación: bufandas, gorros, guantes, abrigos...


A necesidade de abrigarse no inverno como medida fortalecedora de saúde para evitar arrefriados, gripes, dores de gorxa… quedou claríiisima!
Ademais de todo isto, non podía faltar o elemento por excelencia do inverno: a neve! E que podemos facer coa neve?... Uf!, un montón de cousas: bonecos de neve, batalla de bólas de neve, montar en trineo, esquiar... e ata “ángeles” de neve!!... Que ben o pasaron varios compañeiros que nos contaron a súa recente experiencia na neve... fabuloso!


Aproveitando os primeiros raios de sol dunha semana de primavera anticipada, voltamos disfrutar do momento do patio: corrimos, saltamos, trepamos, rodamos... ata un día que o sol quentaba dabondo, decidimos organizar un pícnic á calor do soliño e merendamos no patio... algo distinto!


Por outra banda, aproveitando o inicio inminente da Festa da Pascua en Padrón, recreamos en cadanseu debuxo coelliños de Pascua, iso si, rodeados de moreas de ovos de delicioso chocolate como cos que os nosos padriños e madriñas nos agasallarán nos vindeiros días... mmm!


Nembargantes, por si a algún padriño ou madriña se lle esquecese este día, de maneira anticipada o venres levamos cadanseu ovo de Pascua nun sobre con forma de coello que recreamos con rotuladores logo do momento da merenda...quedaron ben simpáticos!


E para pechar este 2º trimestre, sesión de contacontos dobre. Por un lado DANIELA, elixiu o conto de Verónica el hada buena (Edit. Vicens Vives) e MICAELA o conto de Los osos toman el sol (Edit. Vicens Vives), cada unha no seu estilo... estiveron fantásticas!



Agora xa, toca descansar, repoñer forzas e disfrutar dunhas merecidas vacacións para enfrontar con todas as ganas do mundo as actividades que nos agardan no 3º trimestre. Boa Pascua, familias!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: