Bienvenido

UN REI PARA DÚAS RAÍÑAS.

viernes, 12 de febrero de 2016

“O día do aniversario, Marcel invitou a Tristán a merendar na súa casa.
- Felicidades! - dixo Tristán ao ver ao seu amigo, e deulle un pequeno paquete.
Marcel abriu o agasallo e preguntou: - Isto que é?
- Sobroume das cortinas da cociña - explicou Tristán.
- Gústache?
- Prefería mellor unha buxaina pero...”

Extracto do conto: Un agasallo diferente. Edit. Kalandraka.


Indubidablemente, un dos acontecementos sociais das nosas vidas é o noso aniversario con todo o que isto conleva: preparación da festa, agasallos, cumprir anos... como pasa o tempo!
Así pois, á volta das vacacións do Nadal, nunha das primeiras asembleas matinais do ano, colocamos a tarta de 5 anos logo de retirar a tarta de 3 anos que quedara baleira tras os aniversarios de EVA e YAIZA.
A partir deste momento xurdiron dúbidas e preguntas inevitables para moitos de nós...
- Xa logo, cando a tarta de 4 anos quede baleira poñeremos a tarta de 6 anos?...
- Claro que siii!..., pero para iso todavía queda moito tempo, teremos que agardar de novo ao Festival de Nadal de 5 anos.
- E logo da tarta de 6... poñeremos a tarta de 7 anos, non si?...
A resposta nesta ocasión foi inesperada e fixo replantexarnos moitas cousas coas que non contabamos, pois para ese tempo, xa estaremos na planta dos maiores...
Uf!, a moitos de nós a idea gustounos; esquecerémonos do mandilón e, sobre todo, por fin estaremos na hora do patio na zona de xogos dos maiores, unha zona que invita máis que a nosa á expansión vital e ao esparcemento.
Simultaneamente, sucedéronse sentimentos atopados, pois o feito de subir para a planta dos maiores supón unha serie de condicións coas que moitos de nós non contabamos, pero para iso todavía queda moito tempo, así que alomenos de momento non hai que preocuparse de nada.
O xoves e venres, tras os días de tolería do antroido, voltamos ao cole.
Comezamos desenvolvendo as rutinas de entrada e asemblea marcadas nesta ocasión pola celebración dos aniversarios de PAULA, de GAEL e de SABELA R.G., realizamos as actividades de aprendizaxe na zona do traballo obrigatorio e chegou o momento do aniversario.
Coma decote, na celebración dos aniversarios seguiuse o ritual establecido xa dende o curso pasado: decoración da coroa, soprado de velas, fotografías de grupo...



... e traspaso da foto para a tarta de 5 anos, un momento que sempre se converte en algo especial e do que non perdemos detalle... fantástico!















Logo de cantar e mimar: “Tengo 5 años”, puxémonos a comer os cakes que os nosos cumpreañeiros trouxeron: o xoves o de PAULA con gominolas e lacasitos e o venres o de GAEL e SABELA R.G. que recreaba unha das secuencias do Rei León... mmm deliciosos!... Así dá gusto voltar á escola!...
Como vedes, as pequenas cousas contan cunha significatividade especial na nosa aula convertíndose en alicerces excepcionais que nos fan cada día un pouco máis maiores, axudándonos a comprender mellor o noso pequeno-gran mundo. Agora xa, para a vindeira semana, continuaremos recreando este ambiente de festa que tan grato e estimulador resulta para a aprendizaxe de distintas nocións, e entre todos prepararemos unha súper-festa a un dos compañeiros máis especiais de 4 ANOS... axudádesnos a soprar a vela?...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: