Bienvenido

LETRA A LETRA.

viernes, 26 de febrero de 2016

A partir desta semana, xunto co conto e a ficha de lectura do préstamo semanal, levaremos para a casa unha cartilla de lectura na que se presenta o traballo sistemático das letras do alfabeto. Semanalmente, engadiremos a lectura silábica dunha nova letra... que emocionante!

O valor da lectura convértese nunha fonte de aproximación a novos coñecementos e nunha porta aberta ao mundo da fantasía. Neste senso, son diversas as actividades e rutinas cotiás nas que se presentan situacións reais e contextualizadas do uso sistemático da lectura e escrita.

Así pois, nas asembleas matinais realizamos o fichaxe de ausencias e presenzas -identificando o nome dos compañeiros e compañeiras ausentes-,


escribimos a data no encerado e en cada actividade impresa -agora xa, completa con día, número, mes e ano!-,
escritura no encerado do nome e primeiro apelido do súper-encargado -o segundo apelido deixarémolo para o terceiro trimestre-,


escrita de fonemas illados a partir dos grafemas traballados ata o momento: M,P,L,S,T...
Tamén no reparto dos materiais de traballo individual, na clasificación das actividades impresas dos arquivadores...etc


Agora xa, a partir da citada cartilla, poderemos consolidar na casa a aprendizaxe dos fonemas traballados na escola. Ata esta semana estreamos deseño na ficha de lectura... xenial!


Para comezar esta semana, afianzaremos a lectura das vogais; agora ben, de sobra somos quen de ler xa máis páxinas nas que aparecen fonemas coñecidos por todos e todas: intentámolo?...
Quedou unha cartilla de lectura do máis completa!... unha creación persoal da profe Silvia e que como vén sendo decote, comparte sen ningún problema... que gusto de compañeira! Como líamos na biblioteca coa axuda do noso dedo lector!...


Asemade, a partir desta mesma semana, empregaremos para a actividade do préstamo de biblioteca contos de iniciación á lectura escritos en letra maiúscula, engadindo progresivamente os fonemas vistos e traballados. Deste xeito, individualmente na casa poderemos realizar os nosos primeiros exercicios de lectura presilábica. Agora xa, na sesión de contacontos, buscarase máis a lectura e non tanto a interpretación de imaxes... é máis doado do que pensamos!
E para ser os mellores contacontos do mundo mundial... que mellor que aprender dun dos mellores?... Paco Nogueiras estivo no cole!!... que ben cantaba, que ben tocaba!...


Por outra banda, nunha semana con tantas novidades no que ao tocante á lecto-escritura se refire, un curso máis celebramos a nivel de centro o 24 de febreiro recollido oficialmente como o “Día de Rosalía de Castro” por ser a data do seu nacemento.
Desta maneira, para o mércores 24, cada clase do cole elaborou cadansúa flor para agasallar á súa familia no “Día de Rosalía”, unha iniciativa recollida pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
Houbo flores de todas as cores e para todos os gustos. Flores elaboradas a partir de material de desfeito e refugallo, flores de plastilina, con gomets, flores con papel crepé, de seda... uf, canta imaxinación!
No noso caso particular, non nos complicamos demasiado, pintamos de verde o talo e a folla do que sería a recreación plástica dunha cala e escribimos o noso nome nunha tarxeta recortada para tal efecto... sen máis!


Esta experiencia, serviunos para mudar o corcho do corredor que vestimos coas nosas recreacións de Rosalía de Castro de paseo, escribindo, dándolle de comer ao can, coidando do seu gatiño... que bonito quedou coas achegas das nosas familias en forma de foto!



E para rematar, memorizamos, recitamos e mimamos o archicoñecido poema: “Adiós ríos, adiós fontes”, aproximándonos á vida desta ilustre galega; lembrando como NUBA o curso pasado viaxara ata Padrón onda SANTIAGO e a súa familia para visitar a “Casa Museo de Rosalía de Castro”... que memoria!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Familia Romero Sobradelo dijo...

Esta semana, entre outras cousas, o profe J. Ricardo agradece a profe Silvia as ideas e proxectos que comparte cos nen@s de 4 anos B.
Nós tamén nos quedamos cas ganas, a semana pasada, de felicitala polo obradoiro de cociña que fixeron en conxunto e que axudou á celebración do aniversario de Moli, recordando ao mesmo tempo que o curso pasado, mais ou menos por estas mesmas datas, tamén compartirón un obradoiro similar, onde elaboraron un biscoito para celebrar o "seu propio aniversario" e onde tamén foron partícipes da utilización do forno que ten na súa clase, e do que tanto se fala.
Para eles son pequenas actividades moi gratificantes, e que quedan no recordo.