Bienvenido

COMO SÚPER-MAIORES?!?!...

viernes, 21 de octubre de 2016

Esta semana mergullámonos no mundo de “Los increíbles MUN” desenvolvendo as nosas primeiras actividades no libro nº1 de MUNELA.
Uf!... pero para chegar aquí, non vexades todo o que lembramos e traballamos para que os resultados nos libros de MUNELA se axusten o máximo posible ao noso rendemento. Comezaremos polo principio...
Xa durante os primeiros días de cole, a modo de avaliación inicial, trazamos letras e números, debuxamos formas de diferentes cores e tamaños, tamén comprobamos se eramos quen de debuxarnos a nos mesmos...
Sen lugar a dúbidas, resultaron uns días intensos nos que comprobamos todo o que lembrabamos do curso anterior e todo o que esquezaramos. Porén, case case comezamos dende o principio coas letras do abecedario, co trazo dalgúns números seguindo a direccionalidade correcta, coloreamos, debuxamos de novo formas cada vez máis distinguibles...


Aproveitando como alicerce motivacional as festas de San Froilán, coloreamos un polbo que en gran grupo acordamos podería ser de cor lila-violeta, rosa e mesmo de cor vermella... Tamén para aplicar de forma contextualizada o traballo cotián da lecto-escritura, escribimos un dos nosos primeiros títulos impresos. Nalgúns casos os avances son... espectaculares!


Tamén, a partir das achegas individuais nas asembleas sobre o San Froilán -o que deron de si estes días-, aproveitamos para debuxarnos unha e outra vez de paseo polo recinto feiral desfrutando onda as nosas familias dos nosos momentos máis divertidos... o pesca-patos foi total!


Todo isto, foi o resultado dun traballo sistemático previo no que lembramos como se tacha, rodea, une, escribe... con lápis e/ou rotulador para que o trazo resulte máis preciso... como se colle a cera para colorear ao xeito, sen présas para non saírnos do contorno...  non todo vale!...



Con todo, e cada vez máis concienciados de que non todo vale, de que hai que traballar amodo, procurando non saírnos do contorno, sen deixar oco nin “rayajos”... os nosos traballiños son máis elaborados; mudando moi progresivamente esa locura desorbitada por rematar axiña por unha actitude relaxada e libre de tensións cando nas primeiras horas desenvolvemos en silenzo o traballo obrigatorio... que saber estar!... tan marabilloso!...


Inevitablemente, nun grupo de 26 nenos e nenas, hai de todo. Está claro que a algúns lles está custando participar nas rutinas de traballo e xogo con orde, pero será cuestión de tempo... paciencia!
Por outra banda, e como actividades previas e de motivación, coñecemos algunhas das normas de uso dos libros de MUNELA que se atopan por equipos de traballo na zona de traballo obrigatorio en mesa. O momento da presentación dos libros resultou todo un acontecemento... que ilusión!


Agora, sabemos que no tempo do traballo en mesa, deberemos estar moi atentos na explicación de cada actividade para saber que facer. Este curso, a interpretación libre está prohibida..., moito ollo!... Para iso, cómpre poñer todo da nosa parte para facelo o mellor posible, e así, cando levemos os materiais para a casa, as nosas familias se poñan contentas, moooi contentas.
E é que non se trata duns libros calquera... nooon!!! Trátanse duns libros diferentes, especiais; son libros de maiores, cun montón de fascinantes actividades que nos axudarán a comprender o noso pequeno-gran mundo.
Agora xa, a vindeira semana, farémosvos partícipes de todas as experiencias terrrorificamente divertidas que xuntos viviremos co gallo da celebración do Halloween-Samaín. Estades preparados para pasar medo?...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: