Bienvenido

NOVAS DENDE NUBARIS!...

viernes, 2 de octubre de 2015

Sen movernos do país onde vivía NUBA e todos os amiguiños que fixeramos onda ela cando tiñamos 3 anos, agora tócalle o turno a MOLI.
Siii, MOLI xa é unha máis da clase!... e esta semana, descubrimos algunha curiosidade da nosa nova mascota.

MOLI é un nubari moi viaxeiro que, deslizándose polo arco da vella co seu paracaídas, consegue chegar ata os sitios máis fascinantes da Terra. E ao regresar de cada lugar leva a súa mochila chea de apaixonantes aventuras e de novos amigos, que quere compartir con todos nós.

Durante o curso, a nosa mascota atoparase nun lugar privilexiado da aula e en cada unidade didáctica servirá de eixe para enlazar os diferentes lugares que imos coñecer a través das súas viaxes. Así pois, viaxaremos ata illas afastadas, pasearemos por terras xeadas, veremos cegadoras cidades, descubriremos impresionantes selvas, navegaremos por apracibles ríos e coñeceremos a calor do deserto...


Que mellor que comezar lembrando as cousas que se agochan no ceo de NUBARIS?... O sol e as nubes, a lúa e as estrelas, o arco da vella, tamén bolboretas e paxaros, tronos... ata SABELA R.G. debuxou unha marabillosa constelación... cantas estrelas!, canta imaxinación nestes debuxos!...


Tamén recreamos a MOLI coloreando o paracaídas e a súa roupa e calzado das súas cores correspondentes, escribimos no paracaídas o noso nome e o de MOLI... sen présa, ao xeito e amodiño, dándolle finalmente forma de títere de pau que hoxe entusiasmados levamos para a casa... fantástico!


E claro, tampouco podía faltar o debuxo de cadanseu MOLI, unha actividade na que se viviron sempre momentos interesantes xa que... os nubaris non teñen orellas!!... alomenos non se lles ve por ningures nas imaxes do conto ou mesmo na mascota... non se nos escapa unha!
Debuxamos e coloreamos MOLIS con camiseta verde e pantalón azul, MOLIS con paracaídas e con mochila, MOLIS cuns flequillos de punta multicolor: azul, vermello, amarelo... en definitiva, MOLI facendo iso que máis lle gusta… viaxar polo infinito e mais alá!
Indubidablemente, cada vez nos soltamos máis á hora de debuxar e, pouco a pouco, as nosas creacións estanse a convertir en auténticas obras de arte... quedaron uns MOLIS estupendos no corcho central da aula!


Ademais de todas estas actividades, e sen esquecer que durante a xornada temos tempo para facer de todo, MOLI tamén xoga un papel importante en diferentes momentos do día: no momento da asemblea matinal e do conto, no momento do xogo libre e/ou dirixido nos rincóns, no momento do tempo de lecer… o compañeiro perfecto para cada ocasión!










Ssschhh!!... Sabede que en todos eses lugares que visitaremos con MOLI nas súas viaxes se ocultan fantásticos tesouros que están a agardar a nosa chegada, sen esquecer, que axiña MOLI se converterá nunha máis da nosa familia... comezamos a aventura!!... preparados?
Un saúdo con sabor a pulpo SANFROILANCEIRO e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: