Bienvenido

LEMOS CON CAILLOU E PEPPA...

viernes, 9 de octubre de 2015

A partir desta semana, incorporamos unha nova actividade á nosa parrilla de clase, a rutina do préstamo semanal de biblioteca.
Esta nova rutina, servirá para que nos sigamos familiarizando coa dinámica da biblioteca, para que nos ilusionemos cun ambiente propicio á lectura no ámbito escolar e familiar e para que nos contaxiemos do entusiasmo dos libros como portadores dun mundo máxico e marabilloso.
Ao longo de cada semana, coa axuda das nosas familias traballaremos o conto para comprender o seu argumento, xa que cada venres, nomearemos un contacontos seguindo a orde da casiña do panel de rutinas que “lerá” o conto ao resto do grupo a través da intepretación das súas imaxes e ilustracións.


Entre as moitíiisimas actividades que se poden levar a cabo a partir do conto están: as actividades de comentar que axudan a asimilar o conto e realizar unha trasposión dos feitos ás experiencias vividas, actividades de xogo dramático, representando os roles dos protagonistas, actividades de creación de historias: a ensalada de fábulas ou o binomio fantástico de Gianni Rodari...
O contacontos semanal, terá o privilexio de elexir o conto co que quere deleitarnos na súa sesión de contacontos, o resto levará o conto asignado ao azar... non pasa nada!, todos teñen algo de interesante, divertido ou curioso.
Moi entusiasmados coa actividade do préstamo, o venres fomos á biblioteca non sen antes lembrar as normas que debemos seguir cada vez que acudimos ao pabillón dos maiores... canto nos gusta correr!
Xa na biblioteca, lembramos as súas normas, usos e funcións, sen perder de vista tooodos os libros, contos, álbumes, DVD´s... que alí se atopan.


Logo, descubrimos os contos que levaremos durante alomenos este primeiro trimestre: as coleccións de Caillou e Peppa Pig... fantástica sorpresa!
CAILLOU é un neno de 4 anos que todo o que atopa ao seu arredor convírtese na excusa perfecta para unha nova aventura, aprender cousas novas e así descubrir o seu pequeno-gran mundo... que interesante!


PEPPA PIG é unha divertida porquiña que xunto coa súa familia e cos seus amigos, viviremos mil e unha aventura: a primeira vez no dentista, na piscina, no parque de atraccións... historias que contribuirán á transmisión de valores tales como a solidariedade, o respecto, a igualdade, a colaboración...


A medida que avance o curso, estes contos irémolos cambiando por outros máis de maiores; e serán máis de maiores porque coa axuda das nosas familias poderemos silabealos, lelos como auténticos súper-maiores, pero para iso aínda temos moooito que traballar, así que... paciencia! Ler ten que ser un tempo de pracer, de diversión e de disfrute... non o esquezades, familias!



Este curso ademais, continuaremos coa realización das fichas de lectura. Nesta tarefa, como non podía ser doutro xeito, nós deberemos ser os protagonistas absolutos da actividade, encargados de cubrir os datos solicitados e de realizar o debuxo do conto... este curso xa non hai excusa!
Lembramos que para realizar as fichas de lectura, podemos empregar lápis e/ou rotuladores, intentando facelas sempre o mellor posible e, neste senso, as nosas familias xogarán un papel indiscutible, xa que na casa, ao igual que no cole... non todo vale!
Xa para rematar, nomeamos oficialmente ao noso primeiro contacontos do curso... tocoulle a NICOLÁS! que sen dubidalo escolleu: Peppa va a la piscina (Edit. Beascoa). Ansiosos agardamos a sesión de contacontos coa que nos deleitará o vindeiro venres... preparados?... comezamos!...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: