Bienvenido

COMA SÚPER-MAIORES!...

viernes, 16 de octubre de 2015

Hoxe levamos a cabo o primeiro préstamo semanal de biblioteca, todo un préstamo en condicións: sesión de contacontos e nomeamento da contacontos da vindeira semana, visionado das nosas primeiras fichas de lectura: que contos gustaron máis, que contos gustaron menos... Todo isto nun dos lugares do cole no que nos debemos portar mellor que nunca: na biblioteca... case nada!

Así pois, a actividade desta semana serviunos para repasar as normas de obrigado cumprimento cada vez que entramos na biblioteca do cole facendo fincapé en que neste espazo non se pode falar,... alomenos non en voz alta!
Sabedes que hai que facer se vemos un libro estragado?... Pois deixalo na “Cruz Vermella” para que os profes o arranxen e non se rompa máis.
Sabedes que na biblioteca temos unha Xouba?... Xouba Castelao é a mascota da biblioteca e a encargada de lembrarnos as normas a través de paneis e pictogramas.


Pódese comer/beber na biblioteca?... Nooon, iso tamén está prohibido!...
Logo deste breve recordatorio, unha a unha descubrimos as fichas de lectura elaboradas por cada compañeiro e compañeira... que traballos!
Había fichas de lectura elaboradísimas ás que non lles faltaba detalle, fichas de lectura cuns Caillous e cunhas Peppas xeniais, repletas de cores e de toneladas concentradas de enxeño... parabéns! Ah familias!, non esquezades que xa somos o suficientemente maiores para levar a cabo a actividade completa pola nosa conta... paciencia!


Chamounos a atención que algún de nós decidiu colorear a cara triste -pictograma que indica que a historia do conto non resultou todo o interesante que coidabamos-... non pasa nada!... e agardamos que as vindeiras semanas o conto sexa máis do seu agrado... seguro que si! Neste senso, sempre interesantes resultan as actividades que levamos a cabo no rincón da biblioteca establecido nun dos espazos máis luminosos da nosa aula... agora os contos son novos... que imaxes máis espectaculares!


Como colofón final, e antes de repartir os contos da semana, tal e como vos comentaramos NICOLÁS, converteuse no primeiro contacontos do curso.
Peppa va a la piscina (Edit. Beascoa), foi o conto elexido, realizando unha “lectura” case case profesional, nun principio timidamente por iso de estar de protagonista absoluto de fronte ao grupo-clase. Malia a isto, cada vez foi gañando máis confianza e o seu ton de voz máis alto fixo que apenas perdesemos detalle dun conto que xa coñecemos de memoria... fantástico!


Agora xa, a vindeira semana tocaralle o turno a XIMENA que rapidamente elixiu un novo conto da colección de Peppa Pig: Peppa va al parque de atracciones (Edit. Beascoa)... estará fantástica seguro!


E agora que?... Pois ao tempo que seguimos descubrindo algunha peculiaridade de Nova Celandia grazas á viaxe de MOLI, mergullarémonos nunha das datas cunha especial significatividade no cole: o Samaín-Halloween!; un acontecemento que propiciará un senfín de actividades de aprendizaxe... monstruosamente interesantes!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: