Bienvenido

COMEZAMOS!!...

viernes, 25 de septiembre de 2015

E tras a intensa semana de festas,... de novo xa no cole! Menuda primeira semana de sorpresas e novidades!, comezaremos polo principio...

En primeiro lugar, e como non podía ser doutro xeito, as nosas festas, as nosas súper-festas, supuxeron interesantes conversas acerca de cales son os nosos gustos e preferencias: o gusano, o dragón, o saltamontes, os patos... e así o expresamos nuns debuxos cos que revivimos unhas festas que resultaron tan intensamente vividas...


Xa para comezar, e como se fose o primeiro día no cole dos maiores, sentados na zona da asemblea lembramos algunhas das normas e rutinas establecidas o curso pasado, ao tempo que introducimos algunha nova.


Así pois, á rutina da elección do súper-encargado e de actividades varias  vencelladas coa lóxica-matemática e a lecto-escritura, engadimos novas tarefas: a data, os meses do ano, a estación... axudándonos de sendos paneis incluídos xa no panel de rutinas que preside a zona da asemblea. En forma de globo multicolor, cada día buscaremos a data co día, número e mes para cada caso e o pictograma correspondente a cada estación... quedaron xeniais!


Asemade, durante a semana, levamos a cabo as nosas primeiras actividades impresas que lle serven ao profe para realizar unha primeira avaliación inicial acerca daquilo que lembramos e do que non, e así poder actuar en consecuencia durante as vindeiras semanas.
Esta semana centrámonos especialmente na lóxica-matemática: rodeamos, tachamos, trazamos números e letras, coloreamos... Os resultados non defraudaron, non estiveron mal, pero podemos facelo moito mellor... Paciencia, xa que pouco a pouco... voltaremos a ser os de antes!
E falando de lóxica e de matemáticas, sabedes que á parrilla de rincóns do curso pasado engadimos un novo?... Pois si, o rincón de puzzles e crebacabezas, que contribuirá ao desenvolvemento da competencia matemática, ao tempo que nos iniciamos en xogos de mesa como o dominó.


Ademais, tamén como novidade para este curso, agora seremos nós os encargados de arquivar a ficha en cadanseu arquivador.


Para iso, identificado o nome na tarxeta, debemos coller ao xeito a ficha para que o nome quede arriba e no borde da bandexa... parece doado, non si?.. pero alomenos de momento, a máis dun lle está custando un mundo... uf!


Tamén durante esta semana creamos unha fantástica bolboreta: a bolboreta MARIETA.
A bolboreta MARIETA substituirá ao caracol RAMÓN que crearamos en 3 anos e nos lembrará cada día da semana o especialista e o menú da merenda establecido segundo o caso, todo ben organizado,... estupendo!



Non pensedes que durante esta primeira semana de cole foi todo traballar, pois o tempo adicado á celebración dos aniversarios tamén tivo cabida, e XOEL e XIMENA, entusiasmados coa súa coroa de cumpreañeiros, sopraron as velas e cantaron a canción dos 4 anos!... Moitos parabéns!...












Para ser a nosa primeira semana de cole, non estivo nada, pero que nada mal... este cole si que mola!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

XUNTOS DE NOVO!!

jueves, 10 de septiembre de 2015

Siii, esta semana comezou o cole e, aínda que pasaron xa máis de dous meses dende que moitos nos vimos por última vez, parece que foi onte cando rematou o cole... como pasa o tempo, xa estamos de novo co mandilón!
Así pois, ao principio algúns de nós estabamos con vergoña, si, si,... con vergoña!, menos mal que, xa na clase, e transcurridos uns minutiños, voltamos a ser os de sempre...
Estabamos contentos, nerviosos, ilusionados... raros!, o profe notounos maiores, moi maiores, unha proba evidente do paso do tempo e do noso proceso de desenvolvemento... xa estamos na clase de 4 ANOS!


Sentados en cadanseu sitio da asemblea, comezamos unha conversa das nosas vacacións de verán... canto tiñamos que contar! Tardes na praia, na piscina ou no parque xogando aos nosos xogos preferidos, outros disfrutamos do campamento urbán da nosa vila, tamén viaxes en avión a lugares fantásticos... e unha longa lista de actividades que nos serviron para cargar as pilas para este curso que comeza... xa estamos na clase de 4 anos!
Como non podía ser doutro xeito, e como preludio ao “chupitaso” das festas da Guadalupe, as atraccións dispostas preto do auditorio suscitaron sempre comentarios sorprendentes, pois varios de nós, nun ataque total de valentía, afirmamos convencidísimos que montariamos no “saltamontes”... mi madriña! Todo isto ao tempo que escoitabamos durante a mañá bombas que anunciaban que Rianxo estaba de festa... de festa rachada!
Logo da asemblea, descubrimos algunhas das novidades máis significativas da aula, e claro, por máis que buscamos e rebuscamos a NUBA, non a atopamos por ningures, no seu lugar está un personaxe de flequillo de punta multicolor: MOLI será a nosa nova mascota!



Xa o venres, co mandilón posto, comezamos algunhas das rutinas que desenvolveremos ao longo do curso; algunhas de sobra coñecidas -como o ritual do saúdo ou a elección do súper-encargado-, outras novas -como a rutina dos meses do ano, a elección diaria dos coordinadores de equipo ou a escrita de palabras e/ou pequenos textos significativos-. NICOLÁS, aínda que un chisquiño nervioso por facelo todo ben, estivo fantástico, e entre todos escribimos a serie numérica ata o número 11... case nada!



Uf!, que sorpresa levou o profe cos debuxos das nosas vacacións: soles, nubes, ondiñas no mar e area, moooita area nuns primeiros traballiños que non quedaron nada mal para ser a primeira semana de volta ás aulas... moitos, moitísimos parabéns! Uns esquemas corporais xa de súper-maiores!...













E como colofón a un día tan froitífero no que a normas, hábitos e traballo persoal se refire... xogo libre nos rincones dispostos na aula, cadaquén no seu rincón favorito e ata o profe nos deixou cambiar tantas veces como quixeramos... menudo premio!


Agora xa, toca disfrutar das festas da nosa vila. A Guadalupe abofé traerá situacións curiosas que axiña compartiremos na escola... boas festas a todos e todas!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

TIC-TAC, TIC-TAC...

martes, 1 de septiembre de 2015

Logo dunhas merecidas vacacións de verán, voltaremos a vernos de novo o vindeiro xoves 10 de setembro (de 11:00h. a 12:00h.) e, aínda que a moitos de nós custaranos coller de novo os hábitos e o ritmo de traballo acadados ao longo do curso pasado, quen máis e quen menos seguro que está desexando atoparse de novo na escola co mandilón posto... non si?...

Este curso non se trata dun curso máis... nooon!!, xa non somos os máis pequerrechos e pequerrechas do cole, así que deberemos dar exemplo aos nenos e nenas de 3 anos que comezan a súa andaina no cole dos maiores. Así, ao ser xa os nenos e nenas de 4 anos, intentaremos non chorar nas entradas, portarnos xenial en cada momento da xornada, facer o noso traballo cotián o mellor posible... etc

Notaredes que vimos con moitas moitiiísimas ganas, sabedores de que como non podía ser doutro xeito, as nosas familias estarán sempre ao noso carón felicitándonos polos éxitos acadados e alentándonos a intentalo unha e outra vez ata conseguilos... mil millóns de grazas familias!

Así pois, un curso máis, e a medida que avance o calendario escolar, iranse sucedendo as distintas actividades e conmemoracións que marcan o curso e o ritmo da nosa aula: as cabazas do Samaín e as castañas do magosto, compartiremos soños e ilusións no Nadal, as máscaras e disfraces do Antroido... e moitos máis pequenos-grandes acontecementos que vos iremos contando no noso blogue; un blogue que con esta entrada dá por inaugurado oficialmente o curso académico 2015-2016... preparados?
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!