Bienvenido

BOAS NOVAS DENDE ORIENTE...

viernes, 9 de enero de 2015


Despois dunhas merecidas vacacións voltamos ao cole e aínda que sabemos que a máis de un lle custará coller de novo o ritmo de traballo da aula, moitos desexabamos que as vacacións rematasen e ver a todos os nosos amiguiños e amiguiñas.

Evidentemente, despois de tanto tempo, tiñamos mil millóns de cousas que contar e, como non podía ser doutro xeito, a conversa centrouse fundamentalmente nos agasallos do Nadal. Non fomos bos, non, fomos, re-que-te-bos, e Papá Noel e os Reis Magos viñeron cargadiños de agasallos: bicicletas, bonecas, coches, patinetes e unha lista interminable de xoguetes.


Logo desta conversa inicial, e como unha mañá máis, comezamos coas rutinas de entrada e coa asemblea matinal: novo rito para o saúdo inicial, -comezamos cunha nova canción para este momento da xornada-, elección  da primeira súper-encargada do ano: MICAELA, fichaxe de ausencias e presenzas, constatación do tempo atmosférico no panel do coello espacial, actividades de aproximación á lecto-escritura e de iniciación ao razoamento lóxico-matemático...
Cada rutina deselvoveuse co ritmo habitual ata o momento en que nos diriximos á zona de mesas para dispornos a facer unha actividade impresa do rei Melchor. 


Foi neste momento cando a profe Belén, que como cada xoves participa activamente das nosas asembleas matinais, viu no rincón da cocinita a NUBA onda 3 paquetes e unha misteriosa carta.
Rapidamente, todos e todas dirixímonos cara esta zona da aula e, neste contexto, as hipóteses resultaron innecesarias... siii as SS.MM. os Reis Magos de Oriente na súa visita polas rúas de Rianxo o día da Gran Cabalgata Real lembráronse de pasar pola nosa clase... xenial!


Reis e Magos, pois claro que se lembraron da carta que lles entregaramos na súa visita ao cole... acaso dubidábadelo?...
Nerviosos e moi entusiasmados, desexabamos abrir cada agasallo para descubrir o que nos deixaran; non tiñamos nin idea do que se podía agochar en cada paquete.
Para isto, fixemos 3 grupos para que cada un de nós tivese a oportunidade de abrir un agasallo, e ao sinal de: “preparados, listos, xa!” un tras un fomos abrindo cada paquete.
En primeiro lugar, o agasallo do REI MELCHOR...

-fenomenal, xusto o complemento perfecto para disfrutar máis que nunca cos piratas!-.

Logo abrimos o agasallo do REI GASPAR...

-este agasallo si que nos dará xogo na actividade do préstamo semanal que axiña comezaremos!-

Finalmente, abrimos o agasallo máis grande, o do REI BALTASAR...

-fantástico, agora xa teremos a quen peitear co kit de perruquería!-

Tras coñecer o que se agochaba en cada paquete, o profe puxo un pouco de calma coa lectura da carta que as SS.MM. os Reis Magos de Oriente nos deixaran. Nela explicaban un montón de cousas tales como que ao longo de todo o ano agóchanse nas nubes que se ven dende unha das fiestras da clase, que nos temos que portar ben, traballar como maiores…
Xa o venres, levamos para o cole o noso xoguete de Nadal preferido. Había de todo e para todos os gustos: resultou unha xornada divertídisima!...
















A experiencia resultou interesante, sobre todo porque todos e todas decatámonos que sabemos compartir sen ningún problema e as rabietas e obstinacións que poidan xordir por este motivo deixámolas para as nosas casas, dende logo no cole..., nin rastro!
Non podemos transmitirvos todas as ilusións vividas, pero se queredes saber máis, non dubidedes en preguntarnos que vos contamos algún outro detalle do acontecido nesta primeira semana de cole...
E para a vindeira semana, que?... comezaremos o libro 3 de NUBA que nos permitirá iniciarnos no coñecemento da rúa e das tendas a partir da viaxe fantástica a NUBARIS e á rúa NUBESOL... preparados?... comezamos!!!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Anónimo dijo...

Estes nenos e nenas teñen moita sorte!! Cåntos agasallos!
Foron moitos días de nervios, de sorpresas...Cåntas ilusións!