Bienvenido

CiEnCiA KiDs!... (II)

viernes, 16 de enero de 2015

Esta semana, voltamos a ter a visita dos científicos cos que aprenderamos un montón de cousas o trimestre pasado... lembrades?...
Nesta ocasión, os científicos viñeron ao cole para seguirnos mergullando nalgunhas das curiosidades que desenvolven no seu traballo cotiá.
Así pois, antes de subir á aula de vídeo do pabillón norte, lembramos algunhas das actividades desenvoltas nos obradoiros do auditorio alá polo mes de decembro: coñecimos algunhas das especies que existen no fondo mariño, descubrimos algunhas das propiedades da auga, no que a densidade se refire, a través de diferentes experimentos, identificamos de que se alimentaban os mexillóns... e ata nos convertemos en todos uns auténticos científicos mirando por un microscopio de verdade.
Menuda memoria!... acordabamonos de todo ou de case todo, especialmente do relacionado co plancton e co microscopio.
Nesta ocasión, o obradoiro centrouse no uso dos sentidos como fonte de coñecemento e de aprendizaxe.
Así pois, comezamos empregando o sentido do OLFATO. Para iso, tiñamos que ter os ollos ben pechados para identificar o que había en dous recipientes.


Nun dos recipientes atopábanse uns mexillóns coa súa salsa. Isto custounos un chisquiño, e mira que somos expertos no que a este molusco se refire.


O segundo recipiente resultou máis doado... era gasolina!... Gasolina dos coches, dos camións, das motocicletas e mesmo dos... barcos? Siii, os barcos tamén levan gasolina, quedou clarísimo!
O que máis nos gustou, foi todo o relacionado co uso do MICROSCOPIO. Aínda que nesta ocasión non tivemos a oportunidade de converternos de novo en científicos, nunha pantalla grande, moi grande, coa axuda inestimable dos científicos, descubrimos que era iso tan pequeniño tan pequeniño que logo se vía tan grande, enorme, na pantalla: unha area de sal, un pelo e ata pó cun curioso habitante (ácaro) que, ampliado, semellaba un polbo... incrible!


Xa na última parte do obradoiro, deixamos a un lado o sentido do olfato e descubrimos as posibilidades agora que nos ofrece o sentido do TACTO. Neste momento, os científicos amosaron unha caixa decorada con elementos mariños no que, de novo cos ollos pechados, debiamos identificar que elementos se atopaban no seu interior.


Isto si que resultou complicado, aínda nos custa moito moitísimo determinar si un obxecto é brando ou duro, longo ou curto, lixeiro ou pesado... pero as nosas caras de incertidume supuxeron un momento fantástico para comprobar como aquilo que nos chama a atención convírtese nunha excepcional situación de ensinanza-aprendizaxe que contribúe ao noso proceso de desenvolvemento integral.


Agora, queda agardar ao vindeiro mes, xa que alomenos ata o mes de maio, recibiremos cunha periodicidade mensual a visita destes científicos e.. quen sabe?... quizais estas experiencias inspiran a máis de un a querer ser científicos cando sexamos maiores...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Anónimo dijo...

Encåntanme este tipo de actividades. Son moi instructivas, só hai que ver as cariñas de todos e todas.