Bienvenido

NOVAS SONRISAS!... NOVOS MANDILÓNS!...

lunes, 1 de septiembre de 2014


Siii, xa estamos aquí!!!... Como, que non sabedes quen somos?... Somos nós, as novas “SONRISAS Y MANDILONES”, que ao longo deste curso vos contaremos a través do noso blogue un senfín de experiencias coas que coñeceremos máis e comprenderemos mellor o noso pequeno-gran mundo. Agardamos que vos gusten…
Este curso será moi importante, trátase nada máis e nada menos que do noso primeiro curso no cole dos maiores: uff, que nervios!
Estamos a piques de comezar unha nova etapa nas nosas vidas nas que van intervir persoas que resultan descoñecidas para nós; por iso, é importante que colaboredes cos mestres e mestras en todo este proceso contándolle cousas sobre nós porque non nos coñecen, transmitíndonos tranquilidade á hora de entrar e ledicia á hora de saír.

Como todo isto é novo para nós, é importante que un de vós nos acompañe durante estes primeiros días, pero debedes de estar tranquilos porque se vos vemos nerviosos non o imos pasar ben, e contáronnos que o cole dos maiores é súper-divertido e que nel aprenderemos un montón de cousas novas.

É necesario que nos mandedes ao cole con roupa cómoda e cun calzado que non teña cordóns porque aínda non sabemos atalos e deste xeito non precisaremos de ninguén para calzarnos.

Para estar no cole dos maiores, ademais precisaremos un mandilón aberto por diante de listas azuis e brancas cos botóns de cores e co noso nome escrito en letra maiúscula; tende en conta que imos traballar moito.

Como imos pasar moito tempo no cole, tamén nos deberedes mandar un pequeno almorzo;... pero ollo!, non nos mandedes moita cantidade porque aínda non comemos tanto, e procurade cumprir o menú establecido para que a miña dieta alimenticia sexa saudable e variada... mmm!

Ás veces non imos querer ir ó cole, sobre todo se non durmimos o suficiente, por iso é recomendable que nos deitedes cedo e que durmamos entre 10-12 horas; se aínda así non queremos ir, preocupádevos de que non teñamos febre, dor de oídos… e se estamos sans, lembrádenos o ben que o pasamos e a cantidade de sorpresas que viviremos ao longo de cada xornada.

MIGUEL, NAIRA, GAEL e SABELA R.G., SABELA R.I., XIMENA, MICAELA, XOEL, YAIZA, BRUNO, PAULA, LAURA, NICOLÁS, NAIARA, MARCOS, EVA, JUAN RAÚL, SANTIAGO, YAGO e DANIELA, están preparados... e vos?...

Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios! 

0 comentarios: