Bienvenido

DE LISTAS AZUIS E BRANCAS...

viernes, 26 de septiembre de 2014

Agora si, agora si que podemos dicir que comezamos o cole dos maiores, pois unha vez rematado o período de adaptación no que a quendas de permanencia na aula se refire; esta semana descubrimos algunhas das rutinas e ritmos cotiás que desenvolveremos na nosa aula ao longo do curso. E claro, unha das primeiras rutinas obxecto de aprendizaxe non podía ser outra que a posta e abotoado correcto do mandilón... uf, que difícil!
De listas azuis e brancas, con cadros pequerrechiños azuis e brancos... aderezados, nalgúns casos, cos nosos personaxes favoritos de debuxos animados, con botóns multicores e cunhas fermosas letras de cores nas que pronto seremos quen de identificar o propio nome e o dos nosos compañeiros e compañeiras... uns mandilóns chulísimos!


Sen lugar a dúbidas, o mandilón convertirase na prenda de vestir por excelencia que luciremos durante os cursos da Educación Infantil, asemade, convertirase nun elemento co que traballaremos diversas capacidades, habilidades, destrezas e actitudes que incidirán no noso desenvolvemento integral e harmónico.
Así pois, cada mañá, entraremos na aula no “tren de Martiño” comezando coas rutinas de entrada, e dentro destas, coa posta de mandilón como primeiro ritmo cotiá.
A través desta rutina, traballaremos un senfín de contidos tales como, entre outros: a coordinación óculo-manual e relacións matemáticas de correspondencia -cada botón correspóndese con cadanseu ollal-, actitudes de gozo e disfrute ante um aspecto coidado e ordeado dun mesmo -ollo ao ollal, cada botón no seu lugar!-, hábitos de autonomía persoal no tempo que poñemos e abotoamos de xeito cada vez máis independiente, sen a axuda do profe, o mandilón -un brazo, outro brazo e... a voar!-... interesante e froitífera rutina... non si?...






E tras a posta do mandilón?... Comeza a xornada: a asemblea matinal con todos os seus ritos e rutinas, o tempo de traballo en mesa, a clase dos especialistas, o momento da merenda, o tempo do patio no parque do tobogán grande, a sesión de contacontos e as dinámicas de expresión rítmico-musical-corporal, o xogo libre e/ou dirixido nos rincóns... 



Siii, de todo isto, vos daremos novas moi pronto... seguide moi atentos ao noso blogue!
Os nenos e nenas de 3 ANOS B, estamos preparados para descubrir e disfrutar de todo o que nos agarda este curso 2014-2015... COMEZAMOS!!!

... COMEZAMOS!!!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios! 

1 comentarios:

Martuca dijo...

A última foto é fantástica!!!! ^_^

Velos tan contentos, aprendendo a poñer os mandilóns, xogando... envexa do profe por ter a oportunidade de estar aprendendo con estes pequeniños!