Bienvenido

LENDO, LENDO, LENDO... O MUNDO PERCORRENDO.

viernes, 7 de noviembre de 2014

Uf!..., despois de dúas semanas esquecíamonos de contarvos que xa coñecimos a biblioteca do cole no que se atopan moitas moitíiisimas coleccións dos contos dos nosos personaxes de ficción favoritos... non podedes imaxinar cantos contos que contar!... sen palabras!...

Así pois, o venres 24 de outubro, xunto cos nenos e nenas da profe Silvia de 3 ANOS A, asisitimos ao “acto de inauguración” que cada curso organiza o “Equipo de Biblioteca” participando na proposta de traballo sobre a temática elexida para este curso: as culturas do mundo.

Baixo o lema gañador da clase de 3º B: “Lendo, lendo, lendo... o mundo percorrendo”, cada unidade do centro mergullarase nas diversas culturas do mundo. Para iso, a cada ciclo e nivel do cole, asignóuselle un continente para traballar elementos vencellados co mesmo.


Deste xeito, aos máis pequerrechos e pequerrechas do cole, (Educación Infantil) tocounos nada máis e nada menos que ÁFRICA, concretamente, os nenos e nenas de 3 ANOS A/B, decidimos coñecer aspectos de KENIA, un país do continente africano sito moi lonxe de Rianxo.
De KENIA identificamos algúns dos seus elementos representativos, centrándonos fundamentalmente na súa bandeira (recoñecendo formas e cores) e nos animais que alí habitan.
Elefantes, xirafas, cebras, leóns, hipopótamos, tigres... saíron todos!
Xa que logo nos fascina tanto tantísimo o mundo animal, ao son do pandeiro desprazámonos polo espazo da aula representando os movementos e modos de desprazamento de animais tales como canguros, serpes, elefantes e mesmo os feroces leóns... aaargh!
Para o día da inauguración, tiñamos que cumprir un cometido moi especial que debiamos de realizar traballando en equipo cos nenos e nenas da profe Silvia (3 ANOS A). Unha vez que analizamos no Encerado Dixital Interactivo (E.D.I.) as cores e formas presentes na bandeira de KENIA, recreamos a partir de diferentes materiais (témpera de dedos) e técnicas plásticas (dactilopintura) a nosa propia bandeira de KENIA... case nada!









Posteriormente, unha vez rematada a nosa particular bandeira de KENIA, establecimos diferenzas e semellanzas coa bandeira orixinal, botando man de novo das TIC´s, concretamente do E.D.I..


Sen lugar a dúbidas, quedou unha bandeira chulísima e directa para decorar, xunto coas aportacións plásticas das aulas do resto do cole, o recuncho literario que se atopa no hall do pabillón norte...


Por outra banda, xa o día da inauguración, asistimos á biblioteca do cole. Antes de entrar, unha parada obrigada: a porta da nosa biblioteca que se establece como unha chave máxica que nos permite a entrada a un mundo distinto; o mundo da fantasía, da imaxinación e das sorpresas.
Este curso, o mural escollido non podía versar sobre outro elemento que as diferentes culturas, representando na súa parte central unha xigantesca bóla do mundo sobre a que camiñan uns personaxes fantásticos, simulando a volta ao mundo... a viaxe que emprenderemos este curso a partir das propostas de traballo do “Equipo de Biblioteca”.


Pero,... é unha porta ou é un cadro?... As nosas caras cando se abriu a porta si que foron un cadro, e a porta, simplemente... unha auténtica obra de arte!


Xa dentro, coñecimos as normas de obrigado cumprimento para todos e todas cada vez que entramos na biblioteca do cole facendo especial fincapé en que neste espazo do centro non se pode falar, alomenos en voz alta. Asemade, tamén descubrimos outras peculiaridades...
Sabedes que hai que facer se vemos un libro estragado?... Pois deixalo na “Cruz Vermella” para que os profes o arranxen e non se rompa máis.
Sabedes que na biblioteca temos unha Xouba?... Xouba Castelao é a mascota da biblioteca e a encargada de lembrarnos as normas a través de paneis e pictogramas.


Finalmente, e para pechar este acto de inauguración, disfrutamos duns cortos de animación inspirados en debuxos da cultura africana que nos achegaban un chisquiño máis á cultura deste continente do que coidamos coñecer moitas máis cousas ao longo deste curso... agora si que si,... estamos preparados para irnos de safari!...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Anónimo dijo...

Boas a tod@s!! Son unha mamå de 3 anos A. Encantoume este blog, posto que dá moita información de todo o que ides programando e facendo, e por suposto, para poder colaborar na educación dos nosos cativ@s. Realmente facedes cousas moi interesantes...Qué fermoso coñecer as culturas do mundo...
Moitas grazas profes por todo o voso traballo, e en especial ao creador do blog.
Dende o punto de vista de mamà, quizais mal acostumada por outro centro de educación infantil, non o sei, botaba moito de menos esta actividade. Saber o que ides traballando na programación asī como o contacto cercano e directo educador-neno-familia, e a verdade, esta iniciativa ENCANTOUME. Dende o punto de vista de mamå, dame moita confianza de cara aos educadores e a educaciön no eido formal da miña nena. MOITAS GRAZAS.
Saúdos.