Bienvenido

"AUTOR, ACTOR E PÚBLICO DO AQUÍ"

viernes, 24 de mayo de 2013

Esta semana, logo de que a anterior resultase imposible -a entrada adicada ao “Día da Familia” era case case obrigatoria-, adicaremos esta entrada a Roberto Vidal Bolaño… como?... que non sabedes quen é?...
Roberto Vidal Bolaño foi o escritor escollido este ano para adicarlle o “Día das Letras Galegas”.
Naceu en Santiago de Compostela e dende sempre, a súa paixón foi o teatro, ao que se adicou totalmente, non sen antes traballar nun comercio e nun banco.
Foi director, actor, produtor, iluminador, escenógrafo, figurante, público, autor en lingua galega e promotor do teatro independente. Non nos estraña que este ano fose o autor ao que se lle homenaxeou no “Día das Letras Galegas”... canto traballou!
Que a celebración a nivel de centro do “Día das Letras Galegas” non tivese lugar ata a víspera (xoves 16 despois do recreo), non quere dicir, nin moito menos, que os días previos non descubriramos elementos vencellados con este día de exaltación e promoción da nosa literatura e da nosa lingua.
Deste xeito, o profe explicounos algunha que outra curiosidade de Vidal Bolaño: vimos imaxes en Internet, traballamos con elementos característicos deste escritor (sombreiro e nariz de pallaso) facendo unha composición que para máis dun resultou case imposible,


e ata coñecimos o himno de Galicia.
O himno de Galicia?... pero Galicia ten un himno?... nin que fose un equipo de fútbol!...
Pois si, aprendimos que Galicia tiña un himno que conxuga o poema “Os pinos” de Eduardo Pondal e que foi interpretado por primeira vez en 1907 na Habana (Cuba).
Xa o xoves, logo do recreo, entusiasmados e con sombreiro, bigote e nariz de pallaso incluída, acudimos ao hall do pavillón norte para desenvolver, xunto co resto de nenos e nenas do cole, o acto organizado.


Comezamos lembrando da man do alumnado de Educación Primaria a figura de Roberto Vidal Bolaño. Para isto empregáronse os pósters gañadores do concurso do “Día das Letras Galegas” convocado pola Xunta de Galicia e que o noso cole gañou por segundo ano consecutivo.
Logo desta introdución, vimos nun vídeo, tamén representado polo alumnado de Educación Primaria un resumo da obra de Vidal Bolaño: “Touporroutou da Lúa e do Sol” no que a deusa Lúa e o deus Sol están aborrecidos, así que deciden pelexar, podedes imaxinar como remata a historia: con choros e enfados varios.

- TOUPORROUTOU DA LÚA E DO SOL -
Simultaneamente e para que o acto non resultase máis denso, concertouse unha vez máis a actuación do grupo de pandereteiras que nos deleitaron con varias cancións do repertorio tradicional galego.
E non podía faltar... todos os nenos e nenas do cole, e ata os profes, cantamos o himno de Galicia: “Os Pinos”.
A vindeira semana estará repleta de sorpresas. Seguiremos aprendendo novas cousas comezando o derradeiro libro de Pascuala e o martes recibiremos un curso máis a visita de Álex e de Patricia.
Álex é músico, e por iso leva na súa maleta os seus instrumentos favoritos para acompañar as máis divertidas historias. O profe díxonos que ata ten un que respira e parece estar vivo, é... un acordeón!
Patricia, conta e canta, sabe mil millóns de historias que abofé nos entusiasmarán.
O martes, con Álex e Patricia, faremos unha viaxe fantástica, chea de música e de palabras para a que non precisaremos nin coches, nin barcos, nin avións. Tan só deixar voar a nosa imaxinación. Será moi divertido!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

6 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

Este venres fará de contacontos:

- DANIELA: "Un taxi muy extraño". (Edit. Vicens Vives)

Anónimo dijo...

Que triste que nos perdamos tantas cousas.Ricardo, non hai posibilidade de que se celebre un festival de fin de curso?? Cal é o motivo real de que non se organice? Temos un artistazos e encantaríanos velos no escenario! Hay posibilidade ou é rotundo o NO?...

opositora crítica dijo...

As habilidades motoras dos nenos de 3 a 6 anos aumentan a esta idade considerablemente debido á combinación da maduración cerebrl, a motivación e a práctica, xa que a maioría dos xogos e actividades que se realizan neste periodo van acompañados dun importante movemento físico.Cábeme a dúbida se determinados blogues de educación son para "lucirse" os profes ou transmitir o ocorrido na aula ás familias.Quédome ca outra vertente de profes que ainda chegando os mesmos obxectivos cos pícaros non converten a súa clase nun GUETO, deixan oco o desenvolvemento da súa imaxinación (algo moi importante a esta idade)sen marcar pautas tan estrictas de cara á búsqueda da perfeción.

Profe J.Ricardo dijo...

O motivo polo que un curso máis decidiuse eliminar o "Festival de Nadal", o desfile de Antroido e calquera saída fóra do horario lectivo (de 09:30h. a 14:30h.) é como medida de protesta ante os recortes en Educación levados a cabo por parte da Consellería.

O curso pasado, dende o centro convocárase unha reunión con todas as familias do ciclo de Educación Infantil, na que como coordinador de ciclo, explicara, entre outros aspectos, a decisión adoptada por votación polo Claustro de Profesores.

Polo tanto, haberá que agardar á votación do próximo curso, xa que alomenos neste curso, a organización dunha actuación para as familias non se pode levar a cabo.

Anónimo dijo...

Tiñades que ter en conta que os recortes tamen nos afectan a nos...haber si para a proxima. O resto dos colexios tamen estan afectados e inda asi teñen o seu festival!! Non pode ser que o castigo recaia sobre nos , non? Gracias pola información!!

Anónimo dijo...

Pois eu como nai dun neno da aula de catro anos B gústame moito a iniciativa da elaboración do blogue, agradecer dende aquí o esforzo do mestre para que así as familias vaiamos vendo o que os nenos van facendo no cole (que por certo o meu neno é dos que na casa non conta nada do que fai no cole)
Tamén considero que non a clase non é un "GUETO" xa que no día a día dos cativos, concretamente do meu fillo, vexo como o mestre tamén lle deixa tempo libre para que desenvolvan iniciativas coa súa imaxinación.
Ricardo segue así que o fas moi ben, eres un moi bo profesional.