Bienvenido

UN MUSEO NO XARDÍN.

viernes, 3 de mayo de 2013

Sabedes que Pascuala gardou hai tempo a bufanda, o gorro e os guantes ata o ano que vén?... Pois si, porque xa case non vai frío. Estamos en primavera!... 
Desta maneira, as modificacións que se producen no contorno físico e natural e na vida das persoas coa chegada da nova estación, suscitaron diversas actividades que nos serviron para observar e identificar algúns dos elementos máis representativos da primavera: saen as flores, as follas das árbores son de cor verde, xa non vimos ao cole  tan abrigados coma no inverno...
A través do conto da unidade didáctica: “Un museo no xardín”, descubrimos como Pascuala, Fernando e Rosalía constrúen o “museo bicheiro" no xardín da súa casa cos debuxos e fotografías que eles mesmos fixeron coa axuda da cámara fotográfica. Acudiron todos os seus amigos e amigas e, incluso, os propios animaliños, que prometeran non picar a ninguén e non comer as verduras da horta.
Comprobamos como bichiños como as FORMIGAS saíron da terra, que outros viñeron voando como as BOLBORETAS, as ABELLAS ou os MOSQUITOS... todo isto traballado de xeito sistemático en diversas actividades de ensinanza-aprendizaxe nas que non podía faltar o debuxo do “museo bicheiro”...















Asemade, o profe propúxonos un torbeliño de ideas no que tiñamos que dicir obxectos, elementos, situacións... relacionadas coa primavera: “XARDINEIRO”, “SOL”, “BOLBORETA”, “ÁRBORE”, “ABELLA”... sempre interesantes achegas que escribimos no encerado e en folios de cores para unha actividade que levariamos a cabo posteriormente.
Outra das actividades desenvoltas foi a decoración dunha flor que debiamos pintar de diferentes cores sen saírnos do contorno. Pero todavía quedaba o máis xenial, xa que na parte central, logo de picala co punzón, pegamos unha fotografía nosa.
Xunto coas nosas flores e coas palabras vencelladas coa primavera que escribiramos en folios de cores, decoramos a porta da clase. Bonita, bonita, quedou a porta da nosa aula vestida nesta ocasión de primavera...















Estas conversas dirixidas e actividades enriquecéronse se cabe todavía máis coa posterior lectura e interpretación da lámina mural desta unidade didáctica na que se podía ver unha paisaxe primaveral con moitos dos elementos que saíran no torbeliño de ideas e, moitos dos personaxes do conto da unidade didáctica, achegándonos ao traballo do xardineiro e do agricultor.
Flores, árbores, bolboretas, paxaros, xardineiros e agricultores... quedaron uns debuxos da primavera estupendos nos que plasmamos todo o que aprendimos co traballo deste centro de interese. 


Por outra banda, como sabedes, na semana do “Día do Libro” os equipos do cole propuxeron unha actividade na que as familias tivestes un peso fundamental. Este curso, mergullados na temática da auga por ser o “Ano Internacional da Cooperación na Esfera da Auga”, propúxose a actividade de convertir unha botella de auga de plástico baleira nun personaxe fantástico que ademais se convertiría en protagonista dunha pequena historia ou conto.
Día a día, nas asembleas matinais iamos coñecendo os personaxes que ilusionadísimos traian os nosos compañeiros e compañeiras... había auténticas obras de arte!
Por iso, a tarde do luns, programouse unha xornada de portas abertas para as familias para que poidésedes ver o noso particular “museo bicheiro”.
Pola nosa conta, aquí vos presentamos a: PINGÜI, EXTRAT, COCORICO, ROSALÍA, GARY, PASCUALA, TIBURO, CHUGGINGTON, PASCUALIÑO, LAURA, AVOA PEPA, ARAÑA “PATASLARGAS”, OSITO GOMINOLA, CHINICHÁN, e mesmo un barco, un avión e unha piscina con tartarugas de plastilina... buf, canta imaxinación!,... fabulosos!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

2 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

Este venres fará de contacontos:

- LUCÍA: "Los osos toman el sol" (Edit. Vicens Vives)

Anónimo dijo...

como nos confunde a primavera, gardamos os abrigos, as bufandas, os paraugas.. e temolos que volver a sacar!!!