Bienvenido

FRUTILICIOUS!...

viernes, 25 de enero de 2013

Un curso máis, o noso centro participa no “Plan de Consumo de Froita nas Escolas”, unha inciativa promovida coa axuda financieira da Comunidade Europea e do Fondo Galego de Garantía Agraria.
Tendo en conta isto, durante esta semana, non tivemos que traer a merenda ao cole, xa que dende o luns, procedeuse á distribución de froita a todo o alumnado do centro. A distribución realizábase na hora do recreo e a froita obxecto de distribución foi unha deliciosa mazá de cor amarela-verde para o luns, unha saborosa mandarina para o martes, o mércores tocou pera, o xoves unha das nosas froitas preferidas,... mmm, plátano! e o venres de novo unha mazá que, nesta ocasión foi igualiña que a de Blancanieves... vermella!


A participación nesta experiencia conleva novas aprendizaxes no que a alimentación saudable se refire, pois máis dun aínda que con certa resignación e reticencias iniciais, pouquiño a pouco está aprendendo a comer froita... non é para tanto, non?...
Nembargantes, todo isto non é algo novo para nós, pois no noso centro, e especialmente na etapa educativa na que nos atopamos, considérase a alimentación saudable como un dos alicerces básicos para conseguir unha boa calidade de vida.
Deste xeito, dende fai xa varios cursos, os profes de Educación Infantl do noso cole, decidiron establecer un almorzo saudable no que a cada día lle corresponde un alimento diferente.
Así temos: luns-lácteo, martes-peza de froita do tempo, mércores-bocadillo de embutido, xoves-galletas básicas, cereais ou froitos secos e, os venres... o que máis nos gusta de toda a semana!
Esta experiencia diaria propicia un cúmulo de situacións que favorecen a adquisición de hábitos que promoven un estilo de vida saudable, algo imposible de acadar sen a inestimable colaboración das nosas familias, coma sempre... mil millóns de grazas!
Aproveitando a temática relacionada coa saúde, o luns, logo do patio, -este día nin chovía,  nin estaba mollado, nin ía demasiado frío-, acudimos á biblioteca do cole para asistir a unha das sesións do proxecto de divulgación e formación que a Cofradía de Pescadores de Rianxo está levando a cabo.
Alí, a partir do slogan dunha coñecida campaña promocional española de mediados dos anos 80, "Pezqueñines ¡No, gracias!", aprendimos que aquelas especies pesqueiras que non superen as tallas mínimas, debemos deixalas medrar.


Asemade, e tras a pertinente exposisicón na pantalla de cine da biblioteca, participamos nunha dinámica de movemento converténdonos en pescadores por un día. Neste xogo, interiorizamos o concepto das tallas mínimas, pois unicamente podiamos pescar os peixes adultos, os peixes grandes... os pezqueñines voltabámolos ao mar!



Xa na clase, e como actividade de volta á calma antes do xogo libre nos rincóns, xuntámonos en asemblea para seguir conversando sobre a actividade desenvolta, xurdindo novas conclusións sobre iso da pesca responsable.
Sen lugar a dúbidas, as nosas familias teñen unha cultura pesqueira fantástica!... Pois quen máis e quen menos foi algunha vez de pesca, fixádexos que ata o pai dun dos nosos compañeiros ten "2 carnets en 1", un de mariñeiro e outro de pescador...
Mergullados de cheo nos tesouros do fondo mariño, aproveitamos a semana para realizar unha das actividades pendentes do libriño de Pascuala "Cousas de Galicia".
A actividade consistía en recortar, compoñer e pegar as pezas dun crebacabezas no que aparecía unha fotografía vencellada cunha arte de pesca: o marisqueo. Na ilustración, podíase ver unha imaxe tipicamente mariñeira na que aparecen varias persoas mariscando á beira do mar. Neste momento, rapidamente xurdiron de novo e de xeito espontáneo, as nosas particulares ideas sobre esta técnica pesqueira.
Os resultados, moi variables, dependendo coma sempre do noso afán de superación. Nalgúns casos extraviouse algunha que outra peza, e para moitos de nós, a composición do crebacabezas resultou... uf, complicadíiisimo! Claro, é que a nosa paciencia é igualiña que a talla dos peixes que non se deben pescar... mínima!

 

Agora, na vindeira semana, celebraremos no cole o "Día da Paz", así que seguide moi atentos ao noso blogue e non perdades detalle...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

EN XANEIRO... BUFANDA, ABRIGO E SOMBREIRO!

viernes, 18 de enero de 2013

A chegada de Papá Noel e dos Reis Magos trouxo, ademáis dunha morea de xoguetes, o frío; un frío que nos lembra que cambiamos o outono polo inverno.
Metidos de cheo no traballo deste centro de interese, comezamos nas asembleas matinais cun torbeliño de ideas sobre a nova estación identificando algunhas das modificacións que se producen no contorno e na vida das persoas coa súa chegada.
Así, e tras ollar as roupas de abrigo dos percheiros, conversamos sobre a indumentaria propia que precisamos para protexer o noso corpo contra o frío: pezas máis grosas, uso de materiais máis cálidos, maior cantidade de roupa e accesorios específicos desta estación (bufandas, gorros, guantes, abrigos…) recoñecendo e asociando partes do corpo e pezas de vestir, diferenciándoas segundo o tempo no que se utilizan.
Do mesmo xeito, entre todos e todas chegamos á conclusión de que nas nosas casas tamén aparecen novos obxectos que nos axudan a paliar os rigores do inverno tales como as estufas, as mantas e as calefaccións “con leña”.
Sen lugar a dúbidas, quedounos clara a necesidade de abrigarse nestas datas para evitar arrefriados, gripes, dores de gorxa… adquirindo unha serie de hábitos e actitudes relacionadas co benestar e co coidado da saúde; pois unicamente así evitaremos a visita ao médico.
Así que xa o sabedes: en xaneiro… bufanda, abrigo e sombreiro!


Asemade, se algo temos máis que claro, clarísimo, é que no inverno hai neve, moooita neve… e que podemos facer coa neve?... Buuf!, un montón de cousas do máis divertidas: bonecos de neve, bólas de neve, patinar, que non esquiar…
O certo é que cada vez as asembleas matinais resultan máis produtivas no comezo dun novo centro de interese e, o mellor de todo, é que cada vez poñemos un chisquiño máis da nosa parte niso de cumprir as normas establecidas para este momento da xornada: erguer a man, agardar a quenda de palabra, prestar atención…
E que mellor maneira de reflexar todos os nosos coñecementos previos sobre o inverno que mediante un debuxo no que aproveitamos para empregar a cor branca máis que nunca, cubrindo os folios de cor azul de copiños de neve que o cubriron todo ou case todo… quedamos conxelados!




Dado o gran interese suscitado na conversa sobre as actividades que podemos realizar coa neve, o mércores o profe sorprendeunos cunha ficha súper-rechiflante na que aparecía un boneco de neve no que identificamos algúns dos seus elementos máis característicos: o sombreiro, a bufanda, os botóns e a vasoira, pero… este boneco de neve non ten unha cenoria de nariz?...
Traballando como auténticos súper-maiores, quedaron uns bonecos de neve xeniais aos que non lles falta detalle. Empregamos ceras plásticas de maiores, gomets circulares e rectangulares e témpera de cor branca… estupendos resultados!



E como merecida recompensa a unha semana tan intensa de actividade e tan produtiva no que a aprendizaxes se refire... a cocinita que nos trouxo Papá Noel, con luces azuis incorporadas… lista para disfrutar... súper-sónicaaa!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

CARGADIÑOS DE AGASALLOS, OLÉ, OLÉ, OLÁ...

viernes, 11 de enero de 2013

Uf!... vaia primeira semana de trimestre máis intensa!...
Despois das vacacións, esta semana voltamos ao cole e aínda que a máis de un lle custará coller de novo o ritmo de traballo da aula, quen máis e quen menos desexaba que as vacacións rematasen e así ver a todos os nosos compañeiros e compañeiras e ao profe.
O martes, como unha mañá máis, comezamos coas rutinas de entrada e coa asemblea matinal. Unha asemblea matinal na que se introduciron novidades: aprendemos e mimamos unha nova estrofa da canción de “Buenos Días”, novas tarefas para o súper-encargado (escritura do seu primeiro apelido -o segundo apelido deixámolo para o terceiro trimestre- e lectura de frases... sinxelas? cos fonemas traballados -aquí polo momento suamos todos ou case todos-), puxemos no panel das rutinas a tarta dos aniversarios de 5 anos -menuda festa!-...Aaah! e tamén contamos do 0 ata "el infinito y más allá"...
Evidentemente, despois de tanto tempo sen vernos, tiñamos mil millóns de cousas que contar, sendo o máis importante deixar claro-clarísimo todo aquilo que nos deixaron Papá Noel e os Reis Magos... a máis dun anuláronselle os sentidos, unha locura!
Non fomos bos, nooon, fomos, re-que-te-bos, e viñeron máis cargados de agasallos que nunca, veremos senón ten que saír máis dun da casa para poder gardar tantos xoguetes...
E no cole?... Que nos deixaron para o cole?... 
Foi entón entón cando o profe nos contou que as Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente nos deixaran no ordenador un e-mail.
Pero..., un e-mail?, que é un e-mail?
Pois un e-mail, é unha carta, pero no canto de escribila en papel escríbese no ordenador e, no canto de enviarse nun sobre e cun selo precisamos ter conexión a Internet, entendido?...


No e-mail, as Súas Maxestades, os Reis Magos de Oriente explicábannos cousas tales como que ao longo de todo o ano agóchanse nas nubes, que nos temos que portar fantástico tanto na casa coma no colexio, déronnos as grazas por todas as galletas, trociños de turrón e vasiños de leite que lles deixamos nas nosas casas na Noite de Reis... ademais tamén, nos preguntaban se nos gustaran os agasallos que nos deixaran na casa e no cole. No cole?..., pero se non había agasallo por ningures!...
Neste momento, comezamos a buscar os agasallos que nos deixaran os Reis Magos que, ao igual que o curso pasado, agocharon no rincón da cocinita.


Nerviosos e moi entusiasmados, desexabamos abrir cada agasallo para descubrir o que nos deixaran, pois non tiñamos nin a máis remota idea do que se podía agochar en cada un, e posto que nesta ocasión non levaban o nome do Rei que o trouxo, decidimos seguir lendo o e-mail.
Para que cada un de nós tivese a oportunidade de abrir un agasallo, o profe organizou 3 grupos, e ao ao sinal de: “preparados, listos, xa!” un tras un fomos abrindo cada un dos paquetes.
Comezamos polo agasallo mediano que viña de parte do Rei Melchor...

XUSTO O QUE PRECISABAMOS!...

Logo, seguimos polo agasallo máis pequerrecho, era o agasallo do Rei Gaspar...


SIII, O AGASALLO QUE PEDIU O PROFE!...

E para rematar, totalmente fora de nós mesmos, abrimos o agasallo máis grande que non podía ser de ninguén máis que do Rei Baltasar...

LOCURAAA!!!...

Ao longo de toda a mañá, as conversas espontáneas entre nós estiveron vencelladas cos agasallos que nos trouxeran tanto Papá Noel coma os Reis Magos. Incluso, algún de nós recibiu a visita do Apalpador… que afortunado!

O APALPADOR

Por iso, e tendo en conta que hoxe non había lugar a “ficha”, o profe pediunos que debuxaramos algún dos agasallos que nos trouxeran. Pero que casualidade, que a máis dun “non lle acordaba”, xusto nese momento, que agasallos tivera este Nadal… únicos!




Asemade, e aproveitando o conto da unidade didáctica na que Pascuala levou para o cole o seu agasallo de Nadal favorito, -un crebacabezas nada máis e nada menos-, o profe deixounos levar o venres o noso xoguete preferido: coches teledirixidos, xogos de mesa, un maletín de médicos, Monster High e, un curso máis, bonecas, moooitas bonecas…
A experiencia resultou interesante, porque soubemos compartir. Unha mágoa que, nesta ocasión non souberamos xogar coma nenos e nenas de 4 anos. Así, tras os avisos pertinentes, e varios xoguetes “rompidos”, rematou o tempo de xogo libre para garantizar que todos e todas levariamos cadanseu xoguete máis ou menos san e salvo... lección aprendida!


Nooon, non todo acabou aquí… nin moito menos! Pois para que vexades que xa metimos segunda e que traemos as pilas cargadísimas, xa esta semana retomamos de novo a actividade da “Mochila Viaxeira” que viaxou á casa de UNAI, Pascuala será a convidada especial durante esta semana de LEO, intercambiamos os libros da actividade do préstamo semanal, comezamos a ler dous novos fonemas /N/ e /Ñ/ e moitas cousas máis das que vos iremos dando conta no noso blogue…
Sen lugar a dúbidas, este trimestre… promete!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

ATRÉVETE A SOÑAR!

sábado, 5 de enero de 2013


A mañá do xoves 20 de decembro resultou un tanto especial, pois ninguén de nós podía imaxinar que teriamos unhas novas tan especiais...
Coma se dunha mañá máis se tratase, iniciamos a asemblea matinal, e con ela as rutinas que dan inicio aos distintos momentos da xornada escolar: elección do súper-encargado, fichaxe de ausencias e presencias, constatación do tempo atmosférico. Foi xusto nesta última rutina, cando o profe se decatou que alguen nos deixara un agasallo en forma de carta.
Todos e todas estabamos confusos e impacientes por saber quen nos enviaba aquel sobre no que se puidemos ler: “PARA 4 ANOS B”, ninguén tiña nin a máis remota idea de onde saíra.
Rapidamente, as hipótesis non tardaron en aparecer: “é da nai de … porque quere vir a falar contigo, profe”, “nooon, seguro que son notas para levar hoxe para a casa”… todas estas suposicións foron erróneas, pois na parte frontal poñía de quen viña esa carta.
Desta maneira, e da man de CARLA V., a nosa súper-encargada, abrimos aquel sobre que viña nada máis e nada menos que de Oriente, das SS.MM. os Reis Magos que, un curso máis, nos deixaran a súa mensaxe para que fosemos preparando as nosas cartas.
O certo é que resultou doado determinar que agasallo non debe faltar esta noite na nosa árbore de Nadal: coches teledirixidos, helicópteros, baby Nenucos, patinetes, maquillaxe de maiores...
O máis complicado foi poñernos dacordo co que queremos que nos deixaran para a clase, a pesar de que durante a semana, nas actividades de lecto-escritura das asembleas matinais, o profe nos fose avisando que tiñamos que ir pensando que agasallos nos gustaría que este curso nos trouxeran os Reis Magos de Oriente.
Unicamente lles poderiamos pedir 3 cousas: unha a Melchor, outra a Gaspar e outra a Baltasar. 
Como podedes imaxinar, o aluvión de xoguetes que se nos ocurriron nun abrir e pechar de ollos foi do máis ultra-moderno, algúns deles case imposibles para unha clase. Bonecas, coches de F1, un novo set de perruquería e outro de médicos, un barco pirata que non esté “rompido”, máis pezas para facer coches, máis animais para a granxa, máis...
Neste intenso debate, quedou máis que evidente, o dificilísimo que nos segue resultando erguer a man para falar, respetar as quendas de palabra e escoitar con atención cando fala un compañeiro ou compañeira... axiña o lograremos, pero hoxe por hoxe, cústanos un mundo!
Agora tan só queda agardar a que comece de novo o cole o martes 8 de xaneiro e descubrir, se este curso nos trouxeron todo o que pedimos e escribimos na carta de 4 ANOS B que o profe lle entregou aos Reis Magos na súa visita ao cole.

















Como?... Que aínda non sabedes o que lles pedimos para este curso?... Pois velaí van as nosas cartas. Tócavos  a vós interpretar os nosos debuxos...
Un saúdo moooi NeRvIoSo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!