Bienvenido

COMEZAMOS UN ANINOVO: FELIZ 2014!!!

lunes, 31 de diciembre de 2012

O NOSO DESEXO DE NADAL...

martes, 25 de diciembre de 2012

Neste día tan especial, gustaríame desexar a todos cos que compartín un sorriso, unha bágoa, un soño ou simplemente un momento da vida e deixástedes unha pegada en min; que nunca vos falte un soño polo que loitar, un proxecto que realizar, algo que aprender, un lugar onde ir e alguén a quen querer. 


OS NENOS E NENAS DE 4 ANOS B DESÉXANVOS UN BO NADAL NO QUE TODOS OS VOSOS DESEXOS SE CONVIRTAN EN REALIDADE.


NON SOÑES A TÚA VIDA. 



VIVE OS TEUS SOÑOS.

TEMPO DE NADAL...

viernes, 21 de diciembre de 2012


Como pasa o tempo!... Parece que foi onte cando comezabamos de novo o cole e xa rematamos o primeiro trimestre de 4 anos...
Esta semana, por tratarse da derraderia do trimestre e por estar metidos de cheo no Nadal, resultou verdadeiramente sorprendente. Estivo cargada de mancheas de emocións, quilos de sorpresas e toneladas concentradas de ilusións compartidas... 
Comezamos a semana ultimando os derradeiros detalles que nos serviron para vestir a nosa porta de Nadal. Unha porta que luciu máis que nunca, grazas, en parte, á actividade na que, as familias, participastes de xeito activo. Bonita, bonita, quedou a porta da nosa aula vestida de Nadal... Mil millóns de grazas familias... quedaron unhas campás sensacionais!



Asemade, estes últimos días de trimestre aproveitámolos para repasar e consolidar algúns dos conceptos traballados ao longo destes 3 meses e unha vez preparado o arquivador no que se organizan tooodas as actividades impresas realizadas durante o trimestre, repasamos, case unha a unha, a tarefa encomendada, que título lle escribimos, que materiais había que empregar en cada tarefa... 
Para iso, os días previos, traballamos con esmero e saber facer nas portadas e contraportadas do arquivador que, como non podía ser doutro xeito, tamén se vestiron de Nadal.


Creamos e recreamos en mil e uns debuxos libres, sen modelo, o Nadal, un exercicio que nos serve para desenvolver a imaxinación e creatividade e co que expresamos a nosa visión particular do mundo.




Pero sen lugar a dúbidas, o xoves foi o día máis xenial, comezaremos polo principio...
Coma se dunha mañá máis se tratase, iniciamos a asemblea matinal, e con ela as rutinas que dan inicio aos distintos momentos da xornada escolar: elección do encargado, fichaxe de ausencias e presencias, constatación do tempo atmosférico. Foi xusto nesta última rutina, cando o profe decatouse de que pola noite alguén estivera na nosa clase deixándonos un agasallo en forma de carta.
Todos e todas estabamos confusos e impacientes por saber quen nos enviaba aquel misterioso sobre no que se lía “PARA 4 ANOS B”, pois  ninguén tiña nin a máis remota idea de onde saíra.
Da man de CARLA V., a nosa súper-encargada, abrimos aquel sobre non sen antes aventurarnos a adiviñar quen ou quenes nos podían mandar unha carta. Asegurámosvos que as respostas, resultaron do máis orixinais, pero nada máis lonxe da realidade, pois a carta viña de Oriente, das SS.MM. os Reis Magos.
No seu texto, descubrimos que o venres os Reis Magos visitarían o noso cole, e que para ese día, teriamos que ter preparadas as cartas.
Non había tempo que perder, e entusiasmados coma nunca, todos e todas elaboramos cadansúa carta debuxando aqueles agasallos que agardamos ver na nosa árbore de Nadal na mañá de Reis.
Ademais desta grata sorpresa, o xoves por fin chegou o tan ansiado e desexado aniversario de LOIS. Non se trata dun aniversario calquera, nooon, trátase do último aniversario do ano; un aniversario que marca máis que nunca o paso do tempo, pois á volta das vacacións teremos no taboleiro das rutinas a tarta... dos súper-maiores, a tarta de 5 anos!




Da man dun LOIS nervioso e entregado, levamos a cabo todas as rutinas establecidas para este momento e con canción das Monster High incluída, a petición do noso anfitrión, degustamos un delicioso cake con bolichas de chocolate... estaba rico rico!
E para rematar a semana... todo o vivido durante o venres.
Non tivemos asemblea, nin tampouco fixemos ficha, nin xogo libre nos rincóns... era un día de festa, de nervios e de ilusión.
A primeira hora, preparámonos para participar na actividade dos “Cantos de Reis”, unha actividade na que “intercambiamos” panxoliñas entre clases.
Fixemos o intercambio coa clase de 1ºC da profe Thais A. que nos cantaron a panxoliña de “Arbolito de Navidad” e nós, convertidos nunhas auténticas súper-stars, lles representamos “El mosquito impertinente”; unha panxoliña diferente na que ata os máis reticentes na clase, estiveron... colosais!
E para repoñer forzas logo dunha xornada tan intensa, unha merenda especial: turrón, froitos secos, galletas e, chocolate, moooito chocolate... 
Pero... e os Reis Magos?... cando chegan os Reis Magos?... Esta foi a nosa gran preocupación ao longo da xornada. Tardáronnos unha eternidade, pero unha eternidade que pagou a pena por vivir e revivir a maxia do Nadal no que os maiores voltan a ser nenos por uns intres.


















Agora non esquezades que... os Reis Magos existen!, existen no corazón de cada un dos que cren neles!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

O TREN DE MARTIÑO CHU, CHU, CHU...

viernes, 14 de diciembre de 2012


Mergullados de cheo no ambiente propio do Nadal no que as rúas se enchen de luces de cores, escoitamos panxoliñas e a chegada de Papá Noel e das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente está cada vez máis próxima, durante estes días traballamos o conto de Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis (Edit. Kalandraka) que nos serviu para descubrir novos elementos representativos destas datas.
Así, a partir do acontecido a Martiño durante esa noite que tan máxica e especial nos resulta, participamos a nivel de ciclo, coa colaboración da Biblioteca Municipal de Rianxo, en diferentes actividades.
O primeiro de todo, e unha vez lido e relido o conto, -esta historia si é súper-rechiflante-, comentamos, como non podía ser doutro xeito, aquilo que nos gustaría que nos trouxeran Papá Noel ou os Reis Magos. Dende todos os accesorios e complementos habidos e por haber de Peppa Pig e das nosas “divinas de la muerte” preferidas (Monster High), ata helicópteros, baby Nenucos e dinosaurios que se convirten e reconvirten en mil millóns de cousas... todo do máis ultra-moderno!
Falando, falando... unha das nosas compañeiras comentou que lles pediría aos Reis Magos o conto de Sonidos de Miedo (Edit. SM)... como?, un contooo???... Foi o contexto ideal para introducir que o Nadal é tempo de agasallos e que entre as sorpresas non debería faltar alomenos un conto.
Pero… que conto nos gustaría para este Nadal?
Uf!, ao longo deste trimestre foron moitos e variados os contos lidos e traballados na clase e na casa a través da actividade do préstamo semanal, servíndonos para crear un clima de diversión e festa que resulta tan grato e estimulador para a aprendizaxe. Deste xeito, dende La casa de la mosca fosca (Edit. Kalandraka) ou La cebra Camila (Edit. Kalandraka) ata o de Sonidos de Miedo (Edit. SM) ou A que sabe a lúa? (Edit. Kalandraka), entre outros moitísimos…
Tomando como eixo as conclusións destas asembleas, realizamos unha actividade impresa que o luns levamos para decorar a Biblioteca Municipal de Rianxo. Nesta actividade que tamén realizaron os súper-maiores de 5 ANOS, tiñamos que escribir o noso nome e o título do noso conto favorito.


Pola contra, os máis pequerrechos e pequerrechas, os nenos e nenas de 3 ANOS, decoraron cadanseu vagón simulando o tren que Martiño lle pedira aos Reis Magos e que os nenos e nenas de 4 e 5 anos cargariamos cos títulos dos nosos contos favoritos. Pero,… e a locomotora?... Tocounos a nós, así que ao xeito e sen garabatos traballamos en equipo para sacar adiante un traballo… perfecto!


Xa o luns, e tras facer a conta atrás a semana anterior coma se dun grande acontecemento se tratase, a 3ª hora fomos á Biblioteca Municipal de Rianxo e… nooon choveu,… incrible!, verdade?...
Da man de Sofía, a bibliotecaria e que moitos de nós xa coñecemos por acudir algunha que outra tarde á biblioteca coa nosa familia, adentrámonos, unha vez máis, -e xa van unhas cantas-, na fascinante historia de Martiño. Tanto nos apaixona este conto que varios de nós, non puidemos reprimir as ganas e adiantámonos aos acontecementos varias veces... sentímolo, Sofía!


Logo do conto, e tras coñecer os títulos que agardan para este Nadal os nosos compañeiros e compañeiras de 4 ANOS A, ollamos de xeito libre, e máis ou menos organizado, os contos da biblioteca… buf, ahí si hai contos!



Pero esta semana, ademais da visita á Biblioteca Municipal de Rianxo, no cole organizouse unha actividade a nivel de centro para conmemorar o centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro. Co motivo do devandito centenario, propúxose a todos os centros de ensino de Galicia participar nun recitado da poesía Deitado frente ao mar o mércores 12 de decembro ás 12:00h. da mañá, é dicir o 12-12-2012 ás 12:00h.


Foron varias as clases dos maiores as encargadas de recitar extractos poéticos deste escritor galego nado en Celanova (Ourense).
Para pechar o acto, todos xuntos, máis que cantar, bailamos, a versión rap da devandita poesía á que se lle rendía tributo.
E para a vindeira semana?... Remate final a este primeiro trimestre de 4 ANOS!... Será unha semana de intensa actividade na que levaremos para a casa todos os traballiños realizados e na que viviremos máis que nunca toda a maxia do Nadal… preparados para voltar a ser de novo nenos e nenas?... Será xenial!... 
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

DOCE CONTA ATRÁS...

viernes, 7 de diciembre de 2012

Comezamos un novo mes, o mes de decembro, un mes que na nosa clase vivimos dun xeito especial ao traer consigo variadas e divertidas sorpresas que agardamos durante todo o curso e que, dado o cúmulo de experiencias que suscitan, atópanse moi presentes nas nosas conversas cotiás: a lectura de contos de Nadal, o último aniversario do ano -tranquilo LOIS que xa che queda menos-, a carta ás SS.MM. os Reis Magos de Oriente e a rutina do “Calendario de Adviento”.
Así pois, o luns o profe trouxo, tal e como prometera, o tan agardado: “Calendario de Adviento”. 
No “Calendario de Adviento” deste curso, aparece a ilustración dun debuxo animado de sobra coñecido por todos e todas. Non se trata dun debuxo animado calquera, nooon, aparece un debuxo animado “de chicas”: Hello Kitty, un feito que suscitou polémica froito do estereotipados que xa estamos moitos de nos.


Cada mañá, abrimos a portiña do día correspondente e, o súper-encargado/a, come a chocolatina tras descubrir o debuxo que se agocha en cada unha das súas ventás... mmm deliciooosas!

LUNS: DIEGO.
MARTES: DANIELA.



MÉRCORES: RODRIGO.
VENRES: MENCÍA.















Esta rutina cotiá, un curso máis, proporciona distintas situacións de ensinanza-aprendizaxe que non deixamos escapar, pois ademais de realizar actividades relacionadas coa lóxica-matemática tales como contar, sumar, restar, identificar o número do día no que nos atopamos… propicia multitude de conversas sobre esta data que tan máxica e especial resulta para nos.
Asemade, e para dar a benvida na nosa aula ao Nadal como verdadeiramente se merece, o súper-encargado/a de cada día, gorro de Papa Noel incorporado, ademais de escribir as palabras que vai indicando o profe e que, na medida do posible, están vencelladas co centro de interese que estamos traballando (o Nadal e a rúa), agora tamén comenta aquilo que non debería faltar na súa árbore na noite de Papa Noel ou dos Reis Magos, pois pronto, moi pronto, escribiremos a carta; unhas cartas cargadas de soños, desexos e ilusións...
Pero sen lugar a dúbidas, o feito que marcou a semana foi a presenza das SS.MM. os Reis Magos de Oriente no cole, si, si... no cole!
Sabedes que as SS.MM. os Reis Magos de Oriente e Papá Noel vixíannos dende o alto das nubes?... Pois non só iso, senón que o outro día, cando o profe viña para o cole e mirou para o ceo puido ver detrás dunha nube a barba de Melchor... impresionante! E o máis sorprendente aínda, o mércores, unha das profes que primeiro chega ao cole, contounos que as SS.MM. os Reis Magos de Oriente, levantaron as persianas da nosa clase, borraron o encerado e lle deixaron ao profe un bombón ao carón da ventá, quedamos... sen-pa-la-bras!
Agardamos que estedes preparados para vivir o Nadal con 4 ANOS B, pois as sorpresas non acaban máis que comezar...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

UNHA CASA NUN COGOMELO.

viernes, 30 de noviembre de 2012


Tras un Halloween-Samaín escalofriantemente divertido e un magosto sensacional, proseguimos na nosa aprendizaxe mergullados, antes da chegada do Nadal, en dous centros de interese que están resultando froitíferos para o noso desenvolvemento persoal: a casa e a familia.
Ao inicio de cada centro de interese, as asembleas matinais estanse convirtindo nuns excelentes aliados á hora de detectar cales son os nosos coñecementos previos sobre o tema obxecto de traballo.
Así, e aproveitando os nosos coñecementos previos sobre o centro de interese da casa, centrámonos no recoñecemento e identificación das dependencias, espazos e obxectos propios dunha casa. Isto, permitiranos unha autonomía crecente nas nosas vivendas e, sobre todo, na realización de actividades dentro da casa.
Pero… vivimos todos e todas nunha casa?... Nooon, nin moito menos! Este curso, traballamos dun xeito máis concreto e sistemático os diferentes tipos de vivendas establecendo diferenzas entre as casas e os pisos.
Entre algunhas das diferenzas máis destacables: nos pisos podemos subir a compra en ascensor, nas casas viven menos persoas que nos edificios de pisos, os edificios teñen máis ventás que as casas, dende os pisos altos “podemos ver a carreteira de Catoira”… témolo clarísimo!
Falamos longo e tendido sobre a estrutura das casas: teñen tellado, chan, paredes, ventás, balcóns, portas…, aprendimos que están construídas de ladrillos, tellas, cristal, madeira… e que a persoa encargada  de construílas é o ALBANEL. Descubrimos tamén que nalgúns lugares do mundo hai casas diferentes ás nosas: casas de cana, de xeo e algunhas de pedra que se construíron hai moitos anos, coma os castelos.
Uf, canto sabemos!, e que mellor xeito de plasmar as nosas aprendizaxes que debuxando a nosa casa ou piso segundo cada caso. Uns debuxos que cada vez se completan máis con pequenos-grandes detalles: a cheminea, o garaxe, o timbre "de fóra" e ata o número no que vivimos.






Por outra banda, e no tocante ao traballo do centro de interese da familia, primeiramente observamos as diferenzas físicas entre nenos e nenas: cor de pelo, de ollos, de altura… desenvolvendo xa actitudes de respecto e de aceptación.
Tamén, e dada a diversidade de situacións familiares existente na actualidade, falamos con naturalidade, sobre o feito de que os pais dalgúns compañeiros e compañeiras non viven xuntos, fomentando actitudes de afecto, de respecto e de valoración da estrutura familiar, así como de participación activa dentro dela.
Neste senso, o rincón de xogo simbólico (“rincón da cocinita”), convírtese nun recurso excepcional ao proporcionar situacións nas que actuamos, planificamos e tomamos a iniciativa en distintas tarefas relacionadas coa vida en familia: imos á compra no súper, coidamos dos bebés, poñemos a mesa e facemos a comida… distintas situacións nas que asumimos os roles sociais dos membros da familia favorecendo a construción da identidade persoal.
E para rematar… uns debuxos cargados de amor, agarimo e mimos, moooitos mimos…





Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

UNHA CONVIDADA ESPECIAL...

viernes, 23 de noviembre de 2012

A partir deste mesmo xoves, semanalmente teremos nas nosas casas unha convidada, pero non se trata dunha convidada calquera,… nooon!, trátase dunha convidada especial, nada máis e nada menos que a ra Pascuala.
Pascuala é unha divertida ra de cor verde que, grazas ás súas antenas, pode ver cousas que ninguén ve, como as que hai por dentro do corpo e os obxectos que están lonxe.
En cada unidade didáctica, Pascuala convírtese nun excepcional alicerce no que a través das súas historias aprendemos un pouquiño máis sobre a escola, a familia e, moi pronto, sobre o Nadal.
Pascuala atópase situada nun lugar privilexiado da aula, e xoga un papel importante en diferentes momentos do día: no momento da asemblea matinal e do conto, no momento do xogo libre e/ou dirixido nos rincóns, no momento do tempo de lecer… esta semana, ademais, acompañounos por vez primeira ao patio... foi xenial!



Na bolsa na que semanalmente viaxará Pascuala ás nosas casas, inclúense varios vestidos e mandilóns cos que vestir a Pascuala, ademais dun pequeno libro titulado: Pascuala vén á casa.
Neste libro, recompilaremos as experiencias vividas ao longo de cada semana coidando da nosa mascota de clase, a onde fomos, a que xogamos e que fixemos con Pascuala, que lugares visitamos, que membros das nosas familias coñeceu...
Neste senso, e ao igual que nas actividades da “Mochila Viaxeira” e do “Préstamo Semanal”, o profe explicou unha vez máis, o importantísimo que resulta que sexamos nós os encargados de escribir o texto da folla, para o que poderemos empregar lapises, rotuladores, ceras... sempre baixo a guía e supervisión do adulto, xa que na asemblea matinal de cada xoves, o anfitrión semanal de Pascuala explicará ao resto do grupo-clase todo o vivido durante a semana.
Este pequeno texto irá acompañado, preferentemente, dunha fotografía na que apareza Pascuala en actividades do noso día a día: xogando, durmindo, no coche, no parque... e en todos aqueles lugares significativos que forman parte do noso día a día... será unha semana colosal!
E cando Pascuala visite as casas de todos os nenos e nenas da clase, teremos unha pequena historia da nosa mascota de 4 anos nas nosas casas.



Coa posta en marcha desta actividade, preténdese fomentar actitudes de coidado e respecto cara a mascota da clase, pois é un obxecto que compartimos con todos os compañeiros e compañeiras da clase.
Asemade, inciámonos no sentido da responsabilidade, en tanto que deberemos ter moito coidado de que Pascuala non se estrague e facer que o pase ben nas nosas casas.
E para comezar,… Pascuala viaxou á casa de DIEGO. Ai, non, que é un piso!…


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!