Bienvenido

O TREN DE MARTIÑO CHU, CHU, CHU...

viernes, 14 de diciembre de 2012


Mergullados de cheo no ambiente propio do Nadal no que as rúas se enchen de luces de cores, escoitamos panxoliñas e a chegada de Papá Noel e das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente está cada vez máis próxima, durante estes días traballamos o conto de Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis (Edit. Kalandraka) que nos serviu para descubrir novos elementos representativos destas datas.
Así, a partir do acontecido a Martiño durante esa noite que tan máxica e especial nos resulta, participamos a nivel de ciclo, coa colaboración da Biblioteca Municipal de Rianxo, en diferentes actividades.
O primeiro de todo, e unha vez lido e relido o conto, -esta historia si é súper-rechiflante-, comentamos, como non podía ser doutro xeito, aquilo que nos gustaría que nos trouxeran Papá Noel ou os Reis Magos. Dende todos os accesorios e complementos habidos e por haber de Peppa Pig e das nosas “divinas de la muerte” preferidas (Monster High), ata helicópteros, baby Nenucos e dinosaurios que se convirten e reconvirten en mil millóns de cousas... todo do máis ultra-moderno!
Falando, falando... unha das nosas compañeiras comentou que lles pediría aos Reis Magos o conto de Sonidos de Miedo (Edit. SM)... como?, un contooo???... Foi o contexto ideal para introducir que o Nadal é tempo de agasallos e que entre as sorpresas non debería faltar alomenos un conto.
Pero… que conto nos gustaría para este Nadal?
Uf!, ao longo deste trimestre foron moitos e variados os contos lidos e traballados na clase e na casa a través da actividade do préstamo semanal, servíndonos para crear un clima de diversión e festa que resulta tan grato e estimulador para a aprendizaxe. Deste xeito, dende La casa de la mosca fosca (Edit. Kalandraka) ou La cebra Camila (Edit. Kalandraka) ata o de Sonidos de Miedo (Edit. SM) ou A que sabe a lúa? (Edit. Kalandraka), entre outros moitísimos…
Tomando como eixo as conclusións destas asembleas, realizamos unha actividade impresa que o luns levamos para decorar a Biblioteca Municipal de Rianxo. Nesta actividade que tamén realizaron os súper-maiores de 5 ANOS, tiñamos que escribir o noso nome e o título do noso conto favorito.


Pola contra, os máis pequerrechos e pequerrechas, os nenos e nenas de 3 ANOS, decoraron cadanseu vagón simulando o tren que Martiño lle pedira aos Reis Magos e que os nenos e nenas de 4 e 5 anos cargariamos cos títulos dos nosos contos favoritos. Pero,… e a locomotora?... Tocounos a nós, así que ao xeito e sen garabatos traballamos en equipo para sacar adiante un traballo… perfecto!


Xa o luns, e tras facer a conta atrás a semana anterior coma se dun grande acontecemento se tratase, a 3ª hora fomos á Biblioteca Municipal de Rianxo e… nooon choveu,… incrible!, verdade?...
Da man de Sofía, a bibliotecaria e que moitos de nós xa coñecemos por acudir algunha que outra tarde á biblioteca coa nosa familia, adentrámonos, unha vez máis, -e xa van unhas cantas-, na fascinante historia de Martiño. Tanto nos apaixona este conto que varios de nós, non puidemos reprimir as ganas e adiantámonos aos acontecementos varias veces... sentímolo, Sofía!


Logo do conto, e tras coñecer os títulos que agardan para este Nadal os nosos compañeiros e compañeiras de 4 ANOS A, ollamos de xeito libre, e máis ou menos organizado, os contos da biblioteca… buf, ahí si hai contos!



Pero esta semana, ademais da visita á Biblioteca Municipal de Rianxo, no cole organizouse unha actividade a nivel de centro para conmemorar o centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro. Co motivo do devandito centenario, propúxose a todos os centros de ensino de Galicia participar nun recitado da poesía Deitado frente ao mar o mércores 12 de decembro ás 12:00h. da mañá, é dicir o 12-12-2012 ás 12:00h.


Foron varias as clases dos maiores as encargadas de recitar extractos poéticos deste escritor galego nado en Celanova (Ourense).
Para pechar o acto, todos xuntos, máis que cantar, bailamos, a versión rap da devandita poesía á que se lle rendía tributo.
E para a vindeira semana?... Remate final a este primeiro trimestre de 4 ANOS!... Será unha semana de intensa actividade na que levaremos para a casa todos os traballiños realizados e na que viviremos máis que nunca toda a maxia do Nadal… preparados para voltar a ser de novo nenos e nenas?... Será xenial!... 
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

5 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

Este Viernes hará de cuentacuentos:

- LEO: "A que sabe a lúa?". (Edit. Kalandraka)

Anónimo dijo...

Ricardo encantoume a panxoliña que estiveron aprendendo para cantar mañá nas actividades internas co motivo do nadal. Non sería posible subir no blog un pequeniño video para velos en acción? teñen que estar xenial...
Aproveito para desexarvos Bo Nadal e (máis que nunca) un millor ano novo para todos.

Anónimo dijo...

Que ben o pasan os nosos fillos !!!!!!!!!!!!!

eso si o que añoramos moitos pais.... son os festivais de nadal.

Bo nadal e próspero ano novo

Para o 2013 xa nos veremos outra vez por aquí

Gozade das festas e coidado co turrón

Profe J.Ricardo dijo...

E para seguir vivindo o Nadal cos nenos e nenas de 4 ANOS B... seguide moi atentos ao noso blogue tamén durante as vacacións de Nadal.

Anónimo dijo...

Atentos estaremos, pero eu tamen insisto na pena que me da que non poidamos disfrutar dun festival de Nadal.
FELICES FESTAS PARA TODOS, E RECORDADE QUE SE NON SE VOS OCURRE NADA PARA REGALAR..CUNHA APRETA, UN SORRISO OU UNHA CARICIA, ACERTAREDES CON CALQUERA