Bienvenido

PAPAPÚ, PAPAPÁ, A UN LUGAR NOVO TI VIAXARÁS...

viernes, 7 de mayo de 2010

Co motivo da actividade conmemorativa do “Día do Libro” o curso pasado levamos a cabo a nivel de aula a elaboración do noso “Conto Cooperativo”; unha actividade que, entre outras finalidades, serviu como unha canle na que as familias tiveron a oportunidade de participar no noso quefacer cotiá.
A actividade consistiu na realización dun conto que durante máis dun mes rotou polas nosas casas ata que a historia se completou coa aportación de cada familia.
As familias xogaron un papel indiscutible como guías da actividade no ámbito familiar: tiveron que axudarnos a consensuar a trama do relato seguindo o fío condutor ademais de colaborar na realización do debuxo que ilustrase o texto. Coma sempre… mil millóns de grazas!!!
Foi unha actividade na que nós, fomos os protagonistas, e por iso, entre todos e todas nunha das asambleas matinais decidimos que os protagonistas do conto non podían ser outros máis que PI e PA; os nosos compañeiros de viaxe cando tiñamos 3 anos e que en cada unidade didáctica nos presentaban o centro de interese que iamos traballar.
Cada día na asamblea matinal “liamos” o conto dende o principio, un momento ideal que propiciou o desenvolvemento de varias experiencias tales como a secuenciación de viñetas, actividades de comprensión lectora, xogos de creación literaria a partir das técnicas de Gianni Rodari (Gramática de la Fantasía, 1981)…
Finalmente quedaba o máis complicado, poñernos dacordo no título do noso conto. Logo de moito “debatir”, chegamos á conclusión de que a mellor opción era “A festa da primavera”, unha temática vencellada co centro de interese que se estaba traballando nese momento.
Velaí vai “A festa da primavera”, pero unha cousa vos dicimos; moi atentos ao noso blog, xa que ao longo desta semana agardamos por fin rematar o “Conto Cooperativo” deste curso no que a protagonista non podía ser outra máis que... siiiiii, Miñoca!!! coa que viaxaremos a un lugar que nos resultou xa no seu momento fascinante...




Por si non lembrades a historia, aquí vos deixamos o argumento final resultante do noso "Conto Cooperativo"...

"Como unha tarde máis, Pi e Pa estaban vendo como comía o Coello Aleixo, cando de súpeto, debaixo dunha árbore observaron algo que chamou a súa atención: ¡un paxariño!, gritou Pi. Caeu do seu niño porque sopraba un forte vento. Estaba canso e tiña moita fame.
Non deixaba de chamar pola súa nai cando de repente algo ía voando polo ceo, eran máis paxariños en busca dos seus pais. Ían marchar a facer os seus niños a un sitio con sol, porque alí empezaba o inverno e non tiñan nin comida nin pallas. Así que foron voando todos ao monte do arco da vella. Alí era onde todos os anos centos de paxariños se xuntaban para ter as súas crías e disfrutar do bo tempo, pero un día de repente no monte do arco da vella apareceron Pi e Pa xunto co coello Aleixo.
Todos os paxaros puxéronse moi contentos aínda que Pi e Pa tiñan unha mala noticia, un cazador quería disparar aos paxariños.
Entón Pi e Pa, xunto co coello Aleixo e os demais paxariños, argallaron un plan para facerse amigos do cazador e celebrar todos xuntos unha gran festa de primavera.
Para iso, primeiro tiñan que recoller amorodos no monte do arco da vella para facerlle un pastel ao cazador e así o cazador non faría dano a ninguén. De súpeto, Pi e Pa viron voando á bruxa Maruxa na súa vasoira que se dirixía onda eles, pois a bruxa Maruxa íalles axudar.
Entre todos organizaron a festa e pasárono moi ben dicindo: ¡Papapú, Papapá!, ata que de súpeto chegou o cazador e ao ver a festa que organizaron para el púxose moi contento e fíxose amigo de todos eles, e seguiu a festa ata que comezaron a caer os primeiros copiños de neve.
Pola mañá, Pi e Pa dixéronlle á bruxa Maruxa que tiñan que darse presa porque o inverno estaba chegando. Todos comezaron a ter frío, e Pi e Pa fóronse moi contentos ca bruxa Maruxa na súa vasoira.
De volta á casa, apareceu o lobo azul, era o lobo bo que vivía no monte do arco da vella, e Pi e Pa invitárono á festa.
Pero o cazador non sabía que o lobo azul era bo e levantou a súa escopeta. O lobo, cheo de medo, agochouse na herba e pechou os ollos. Os paxariños voaron. E o coello Aleixo foi buscar correndo ao mago Sabichón para que lles axudara.
Cando chegou xunta ao mago Sabichón o coello Aleixo non entendía nada, o lobo azul estaba en perigo e o mago Sabichón non facía nada máis que rir.
Neste momento o cazador apretou o gatillo da súa escopeta e ocorreu algo espectacular e marabilloso… moreas de flores saíron disparadas cubrindo o ceo de mil e unha cor. Foi entón cando Pi e Pa e o resto de convidados da festa da primavera se decataron que o cazador era, nada máis e nada menos, que o rei do monte do arco da vella que ao ver a festa vestiuse de cazador para que non o recoñeceran.
Todos estábano pasando fenomenal, pero como todo o bo ten a súa fin, Pi e Pa pecharon os ollos e comezaron a decir as palabras máxicas: “Papapú, Papapá” e sentiron como a vasoira da bruxa Maruxa empeza a moverse. Cando abriron os ollos subiron ata as nubes a toda velocidade. Desde tan alto, víanse os ríos, os bosques, as árbores, os animais, e a tódolos amiguiños que fixeran nesa viaxe tan especial.
Algo moi importante aprenderon Pi e Pa con esta aventura: cando quixeran facer unha viaxe. Só tiñan que pechar os ollos e deixar voar a súa imaxinación. E colorín colorado...".


Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Vaia, senón dis que é un conto cooperativo, creería que é un conto que está á venta, nel recollénse unha morea de valores e que ademais rompen cos contos tradicionais clásicos no que a bruxa e o lobo son malos, é moi bo o libro.

De que trata o de este curso?

Gustoume moito o conto cooperativo, grazas ás familias pola súa colaboración, deste xeito tan divertido e motivador establécense canles coas familias, as que teñen moitíiiisiimo peso na educación dos pequenos e pequenas.

Un saudiño:D

Anónimo dijo...

Unha experiencia enriquecedora para os nenos e para as familias, que adicamos un pouco do noso tempo a esta actividade.

Saúdos.