
En primeiro lugar, o luns tivo lugar a inauguración
oficial da biblioteca do noso centro.
Este curso, dende o “Equipo de Biblioteca”, decidiuse
traballar dous eixos temáticos diferenciados aínda que interconectados entre
si: a música e as emocións... uf,
case nada!
Para iso, a semana pasada a Xouba Castelao, a nosa
mascota da biblioteca, enviounos unha carta na que solicitaba a nosa axuda para
atopar un lema para a campaña deste curso.
Do mesmo xeito, como actividades motivadoras ao día da
inauguración, na clase elaboramos cadanseu títere de pau, en tanto que os
títeres en Educación Infantil convírtense nun recurso valiosísimo con grandes
posibilidades para, entre outras cousas, a expresión de emocións e sentimentos.
No ordenador, vimos todos os títeres que traia
preparados o profe: sereíñas, súper-heroes,
pantasmas, dragóns... Foi unha elección
complicada, xa que había un montón de personaxes e todos ou case todos nos
gustaban, así que para poder tomar unha decisión persoal segura, vimos varias
veces a presentación de cada títere.
Como dato
anecdótico, destacar que cada un de nós elixiu aquel personaxe que máis lle
gustou, non deixándose influenciar polo que escollía o seu amiguiño ou amiguiña…
moi ben, así se fai!
Xa o día da inauguración, e antes de entrar á
biblioteca, unha parada obrigada: a porta da nosa biblioteca, que se establece
como unha chave máxica que nos permite a entrada a un mundo distinto; o mundo
da fantasía, da imaxinación e das sorpresas.
Este curso, a porta da nosa biblioteca luce unha
fantástica ilustración de Leandro Lamas que se irá transformando a medida que
se vaian sucedendo as diferentes celebracións do curso escolar: samaín,
magosto, nadal, antroido...
Xa dentro da biblioteca, lembramos as normas de
obrigado cumprimento cada vez que estamos na biblioteca facendo especial
fincapé en falar moi baixiño.
Asemade, os nenos e nenas de Educación Primaria, axudándose
dun panel, relatáronnos Contín e Contón
de Antón Cortizas e ilustrado por Leandro Lamas.
E para rematar... bailamos con cadanseu títere ao son da
música de Giussepe Verdi, aproveitando que este ano é o bicentenario do seu
nacemento.
Se o luns acudiamos á inauguración oficial da
biblioteca do cole, o venres celebramos a nivel de centro o “Día Internacional
das Bibliotecas”.
E que mellor xeito de comezar a traballar a música e
as emocións que cantando e danzando...
Así, durante estas semanas, cada ciclo preparou unha
canción extraída do CD Meniños Cantores.
Os nenos e nenas de 1º Ciclo de Educación Primaria
deleitáronnos con E ti telo, telo, os
de 2º Ciclo con O Verdegaio e os de
3º Ciclo con Regueifa.
A nós, aos nenos e nenas de Educación Infantil
tocounos unha versión de O Pirimpimpim,
que tivemos que ilustrar para decorar o recuncho literario da entrada do
pavillón sur e que ANDREA e LOIS ensinaron ao resto de nenos e nenas do colexio.
Neste acto, tamén se anunciou o gañador do lema para a
campaña deste curso. Familias, a Xouba Castelao e os seus colaboradores e
colaboradoras tivérono moi difícil, decantándose finalmente polo lema da clase
da profe Laura (2ºC ):
“DO, RE, MI... LE UN LIBRO E SÉ FELIZ!”
Asemade, tamén se presentou o cartel divulgativo co
que cada curso Bibliotecas Escolares de Galicia pretende facer visible as
distintas posibilidades da biblioteca escolar.
O lema elixido por
Bibliotecas Escolares de Galicia para este curso 2013-2014, “LER
CIENCIA NA BIBLIOTECA ESCOLAR”,
trata de sensibilizar sobre a importancia da lectura de textos de carácter
científico, de textos divulgativos ou de textos literarios que tratan temas
relacionados coa ciencia. A ilustración é de Patricia Castelao.
Este curso, xa o sabedes... Do, Re, Mi... le un libro e sé feliz!
Un saúdo acompañados
de lectura e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos
comentarios!