Bienvenido

TEMPO DE NADAL...

viernes, 21 de diciembre de 2012


Como pasa o tempo!... Parece que foi onte cando comezabamos de novo o cole e xa rematamos o primeiro trimestre de 4 anos...
Esta semana, por tratarse da derraderia do trimestre e por estar metidos de cheo no Nadal, resultou verdadeiramente sorprendente. Estivo cargada de mancheas de emocións, quilos de sorpresas e toneladas concentradas de ilusións compartidas... 
Comezamos a semana ultimando os derradeiros detalles que nos serviron para vestir a nosa porta de Nadal. Unha porta que luciu máis que nunca, grazas, en parte, á actividade na que, as familias, participastes de xeito activo. Bonita, bonita, quedou a porta da nosa aula vestida de Nadal... Mil millóns de grazas familias... quedaron unhas campás sensacionais!



Asemade, estes últimos días de trimestre aproveitámolos para repasar e consolidar algúns dos conceptos traballados ao longo destes 3 meses e unha vez preparado o arquivador no que se organizan tooodas as actividades impresas realizadas durante o trimestre, repasamos, case unha a unha, a tarefa encomendada, que título lle escribimos, que materiais había que empregar en cada tarefa... 
Para iso, os días previos, traballamos con esmero e saber facer nas portadas e contraportadas do arquivador que, como non podía ser doutro xeito, tamén se vestiron de Nadal.


Creamos e recreamos en mil e uns debuxos libres, sen modelo, o Nadal, un exercicio que nos serve para desenvolver a imaxinación e creatividade e co que expresamos a nosa visión particular do mundo.




Pero sen lugar a dúbidas, o xoves foi o día máis xenial, comezaremos polo principio...
Coma se dunha mañá máis se tratase, iniciamos a asemblea matinal, e con ela as rutinas que dan inicio aos distintos momentos da xornada escolar: elección do encargado, fichaxe de ausencias e presencias, constatación do tempo atmosférico. Foi xusto nesta última rutina, cando o profe decatouse de que pola noite alguén estivera na nosa clase deixándonos un agasallo en forma de carta.
Todos e todas estabamos confusos e impacientes por saber quen nos enviaba aquel misterioso sobre no que se lía “PARA 4 ANOS B”, pois  ninguén tiña nin a máis remota idea de onde saíra.
Da man de CARLA V., a nosa súper-encargada, abrimos aquel sobre non sen antes aventurarnos a adiviñar quen ou quenes nos podían mandar unha carta. Asegurámosvos que as respostas, resultaron do máis orixinais, pero nada máis lonxe da realidade, pois a carta viña de Oriente, das SS.MM. os Reis Magos.
No seu texto, descubrimos que o venres os Reis Magos visitarían o noso cole, e que para ese día, teriamos que ter preparadas as cartas.
Non había tempo que perder, e entusiasmados coma nunca, todos e todas elaboramos cadansúa carta debuxando aqueles agasallos que agardamos ver na nosa árbore de Nadal na mañá de Reis.
Ademais desta grata sorpresa, o xoves por fin chegou o tan ansiado e desexado aniversario de LOIS. Non se trata dun aniversario calquera, nooon, trátase do último aniversario do ano; un aniversario que marca máis que nunca o paso do tempo, pois á volta das vacacións teremos no taboleiro das rutinas a tarta... dos súper-maiores, a tarta de 5 anos!




Da man dun LOIS nervioso e entregado, levamos a cabo todas as rutinas establecidas para este momento e con canción das Monster High incluída, a petición do noso anfitrión, degustamos un delicioso cake con bolichas de chocolate... estaba rico rico!
E para rematar a semana... todo o vivido durante o venres.
Non tivemos asemblea, nin tampouco fixemos ficha, nin xogo libre nos rincóns... era un día de festa, de nervios e de ilusión.
A primeira hora, preparámonos para participar na actividade dos “Cantos de Reis”, unha actividade na que “intercambiamos” panxoliñas entre clases.
Fixemos o intercambio coa clase de 1ºC da profe Thais A. que nos cantaron a panxoliña de “Arbolito de Navidad” e nós, convertidos nunhas auténticas súper-stars, lles representamos “El mosquito impertinente”; unha panxoliña diferente na que ata os máis reticentes na clase, estiveron... colosais!
E para repoñer forzas logo dunha xornada tan intensa, unha merenda especial: turrón, froitos secos, galletas e, chocolate, moooito chocolate... 
Pero... e os Reis Magos?... cando chegan os Reis Magos?... Esta foi a nosa gran preocupación ao longo da xornada. Tardáronnos unha eternidade, pero unha eternidade que pagou a pena por vivir e revivir a maxia do Nadal no que os maiores voltan a ser nenos por uns intres.


















Agora non esquezades que... os Reis Magos existen!, existen no corazón de cada un dos que cren neles!...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

2 comentarios:

Anónimo dijo...

FELICES FESTAS !!!!!!!!!!!!!
Que o ano que ven veña cargado de boas novas!!!!

Un saúdo a todos e todas os blogueiros/as de sonrisas y mandilones

Ah e a ver que vos traen os reis magos.... estamos ansiosos

Anónimo dijo...

QUE BONITO VERLLES A CARA CHEA DE ILUSION
FELICES FESTAS PARA TODOS!!!