Bienvenido

RESPÍRASE... ARDE LVCVS MMXVIII!

viernes, 8 de junio de 2018

Alomenos de momento, quedamos se o tan ansiado picnic que tiñamos preparado se o tempo así o permitía nas inmediacións do Parque Rosalía de Castro, pero o que non coidabamos é que a semana nos agardaba unha nova visita á aula de Educación Artística da Facultade de Maxisterio... estupendo!
Así pois, desenvoltas as rutinas de entrada -prendas de abrigo e mochila no percheiro- e os rituais da asemblea -desta vez a súper-encargada foi SIRA-, organizámonos para acudir á “aula de plástica”, -como nós lle chamamos-.
No momento da entrada, os profes da Facultade organizáronnos en 2 grupos para desenvolver distintas actividades do alumnado de Maxisterio.
Desta vez, houbo de todo e para todos os gustos: creamos vidrieiras, construímos torres, compuxemos formas, tecemos telarañas... canto por facer!
Para comezar, coñecedores das posibilidades dos materiais propios da expresión plástica: papel celofán, creamos unha vidrieria nunha das fiestras: rachamos, aplastamos, enrrugamos, pegamos... canta cor!... que bonito!...


Tamén fixemos un primeiro achegamento á mesa de luz, explorando as posibilidades plásticas e creativas deste soporte, experimentando coa luz, as sombras, as cores... descompuxemos unha cara!



Creamos pequenas obras de arte na pizarra imantada coas pezas magnéticas dispostas para tal efecto: soles, casas, árbores... mesmo un avión!


Convertémonos en personaxes da época medieval no castelo elaborado con material de refugallo: formas, texturas, cores, fiestras... canto detalle!



Pintamos con máis ganas que nunca cunhas ceras estranas, raras, diferentes... eran ceras brandas! que deslizaban cunha facilidade incrible... orixinal a telaraña coas nosas creacións penduradas como auténticas obras de arte... arte, arte por todas partes!


Agora ben, se nos temos que quedar cunha actividade, sen dubidalo, quedamos coas pezas de construción, verdadeiramente deveciamos por este espazo. Construímos torres altas, tan altas que inventamos a forma para que non caese todo ao chan: primeiro as pezas longas, logo as máis curtas, botamos man dos compañeiros e compañeiras máis altos... canto rimos!



E a vindeira semana?... A nosa cidade recreará diferentes escenarios propios da época romana e castrexa,... en Lugo respírase xa Arde Lvcvs!


Para isto, que mellor maneira que todo o alumnado do CEIP ANEXA inaugure a fin de semana e o inicio do Arde Lvcvs que cun pasarrúas o venres 15 ás 10:00h. e así dar o mellor dos pistoletazos de saída a unha fin de semana que se presenta... prometedora!
Harpastvm (venres ás 23:30h.), Circvs Romano (sábado ás 18:00h.) e o espéctaculo Divinivm (sábado ás 23:55h.) son algúns dos acontecementos que se sucederán, sen esquecer a carreira II Mvrvs Lvcis (romanos vs. castrexos, venres ás 00:00h. polo adarve da Muralla)... canta festa!...
O pasarrúas transcorrerá pola Avda. de Ramón Ferreiro, Bispo Aguirre e fondo da Praza de España ata chegar ao concello. Voltaremos baixando a carón de Franciscanos e pasando por diante do Círculo das Artes, realizando de novo o percorrido á inversa... este cole como mola!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

"APRENDENDO IGUALDADE".

viernes, 1 de junio de 2018

Durante estes días participamos na campaña escolar “Aprendendo Igualdade”, unha iniciativa do Goberno da Deputación dirixida a máis de 10.000 alumnos de Educación Infantil e Educación Primaria da provincia co obxecto de adquirir elementos eficaces cos que aprender igualdade nas aulas.
Este proxecto do organismo provincial está concibido para fomentar entre o alumnado actitudes favorables á educación e á convivencia en igualdade entre nenos e nenas, eliminando vellos estereotipos.
A partir do conto “Vanesa non quere ser princesa”, escrito polo xornalista e escritor lucense Xosé A. Perozo e ilustrado por Jaime Asensi, descubrimos que as profesións non teñen sexo, que non hai traballos diferentes para homes e mulleres.


“Vanesa non quere ser princesa”, conta a historia dunha nena que decide por si mesma o seu futuro profesional. O luns Vanesa decide ser mestra, o martes doutora, o mércores arquitecta, o xoves xuíza, o venres xornalista, o sábado actriz e o domingo astronauta.
Neste senso, convén sinalar que durante moito tempo, a sociedade presentou aos homes cun papel dominante e ás mulleres cun papel de sumisión alentadas a abandonar o éxito académico e o mundo laboral.
Afortunadamente, nas sociedades occidentais, vanse superando os estereotipos ligados ao sexo, a pesar de que aos máis pequenos e pequenas nos custe moito desinhibirnos. Seguimos falando de cousas de nenos e nenas, cores de nenos e nenas, actividades de nenos e nenas,...; de aí que na nosa aula se eviten estes estereotipos e prexuízos en xogos, actividades, cores...
Porén, con Vanesa, ao tempo de traballar conceptos e ideas que melloran a igualdade, aproveitamos para identificar e valorar oficios e profesións do contorno, indicando que nos gustaría ser de maior e fomentando a idea de que a elección dun traballo, dunha carreira e dun compromiso coa sociedade nos fai máis libres. Indubidablemente, como era de agardar, os estereotipos propios para cada sexo resultaron inevitables: elas mestras, perruqueiras e doutoras, eles bombeiros e policías... tema complicado!
Asemade, o rincón de xogo simbólico coa cocinita, carriños, babies e demais xoguetes de habituación para a vida práctica, convértese nun dos espazos privilexiados para detectar posibles estereotipos e para representar diferentes personaxes. 


Neste rincón polo momento participamos nenos e nenas, pois en ocasións, os nenos, -máis rixidamente tipificados que as nenas-, co tempo amosan dificultades para desinhibirse das presións sociais propias do contexto, ridiculizando e desaprobando a todo aquel que se desmarque daquilo que non estiman propio do xénero ao que pertence. Polo momento... nin rastro!


É por iso que contrarrestar os efectos dos estereotipos sexuais constitúa un ámbito de traballo da Educación Infantil a través do tratamento transversal da “Educación Sexual” e da “Educación para a Igualdade de Oportunidades entre Ambos Sexos”, promovendo unha educación non discriminatoria, evitando o sexismo nas aulas e fomentando o respecto cara os demais con independencia do sexo... canto lle queda á sociedade que aprender!



Para rematar esta semana de traballo, xa hoxe venres 1 de xuño, marcamos no calendario do panel de rutinas da asemblea os pequenos-grandes acontecementos que, se o tempo o permite, viviremos xuntos no mes de xuño. A conta atrás comeza e... isto promete!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

"A MUNA NO LE GUSTAN LAS DESPEDIDAS".

viernes, 25 de mayo de 2018

Coa ollada posta no inminente final de curso, entre as actividades de peche desenvoltas durante estes días, reservamos un tempo para descubrir a que será a nosa mascota de 4 anos: MUNELA.
MUNELA é alegre, divertida e moi curiosa, sempre atenta para descubrir os segredos e misterios que se ocultan ao seu redor.
Na historia motivadora da primeira unidade didáctica: “La cama nueva de Munela”, coñecemos elementos tan disparatados como que para pensar en cousas serias, MUNELA cólgase cabeza abaixo dunhas barras... que locura!
Axiña coidamos que ambas mascotas contan con cornos de cor amarela e de forma triangular... cornos idénticos... MUNA e MUNELA son familia!


“Los increíbles MUN” son uns monstros pequenos, peludos, con moitos dentes e de moitas cores. Todos son diferentes, pero xuntos forman unha gran familia: MUNA, MUNELA e... MUNÍBAL?


Exacto!, MUNÍBAL será a mascota de 5 anos o curso no que seremos os súper-maiores do mandilón; pero impacientes por este novo monstro, PEDRO, o profe de Psicomotricidade, foi onda a clase de 5 anos e colleu emprestado a MUNÍBAL... fantástico!
Por uns días, MUNA, MUNELA e MUNÍBAL presiden a zona da asemblea, suscitando un senfín de faladoiros nos que descubrimos semellanzas e diferenzas: cor de cada monstro, obxectos propios, segmentos corporais característicos (ollos, boca e dentes, pelo, brazos e pernas...)...


Neste senso, e para despedir a MUNA como ben merece, escoitamos con atención a súa derradeira historia titulada: “A Muna no le gustan las depedidas” na que MUNA nos di adeus e nos deixa en compaña de MUNELA.
MUNA, grazas por estar presente connosco en cada centro de interese (a escola, o corpo humano, o museo e o teatro, a rúa, oficios e profesións, a vida na granxa...), grazas tamén por facernos coprotagonistas en cada unha das túas historias motivadoras e por transmitirnos valores de amizade, solidariedade, axuda..., por motivarnos en cada actividade... GRAZAS MUNA por estar sempre ao noso carón!


Porén, para deixar constancia do traballo desenvolto ao longo de todo o curso, decoramos sendas actividades impresas nas que MUNA, unha vez máis, é o elemento motivador ideal.
Comezamos coloreando un marcapáxinas non sen antes lembrar as cores propias de MUNA: laranxa, amarela e azul... ao xeito!


Xa logo, redecoramos un marco de fotos no que se ve a MUNA protagonista... estupendo!


E para rematar... que mellor que gozar con MUNA-MUNELA-MUNÍBAL no tempo de xogo libre nos rincóns... excelente!

  
Agora xa... preparados!, comeza o sprint final de curso e a conta atrás para vivir pequenos-grandes momentos que se artellan para o mes de xuño: a colleita da horta escolar o luns 11 de xuño, o picnic que, se o tempo o permite, realizaremos o venres 8 de xuño nas inmediacións do Parque Rosalía de Castro, e o pasarrúas do venres 16 de xuño co que festexaremos a orixe romana e castrexa da nosa cidade... o ArdeLvcvs MMXVIII xa está aquí!...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!