Bienvenido

PARABÉNS!!...

viernes, 7 de febrero de 2020

“O día do aniversario, Marcel invitou a Tristán a merendar na súa casa.
- Felicidades! - dixo Tristán ao ver ao seu amigo, e deulle un pequeno paquete.
Marcel abriu o agasallo e preguntou: - Isto que é?
- Sobroume das cortinas da cociña - explicou Tristán.
- Gústache?
- Prefería mellor unha buxaina pero...”
Extracto do conto: Un agasallo diferente. Edit. Kalandraka.

Hai dúas semanas, -mergullados na PAZ e na GUERRA-, non vos contamos que celebramos os primeiros aniversarios do ano, nada máis e nada menos que xa os aniversarios de 6 ANOS... wow!
Indubidablemente o tempo pasa para todos e todas e, aínda que parece que comezamos onte o cole dos maiores, estamos a piques de rematar Educación Infantil... case nada!
Quizáis, dentro da nosa perspectiva infantil, non somos conscientes deste paso do tempo, pero basta botar a vista atrás e decatarnos de todo o que cambiamos durante estes cursos xuntos. Atrás quedaron as bágoas por vir ao cole, mesmo as poucas ansias de traballo; agora si que si... convertémonos nos súper-maiores de mandilón!
Porén, e para darlle a importancia necesaria aos primeiros aniversarios de 6 ANOS, traballamos o conto: Un agasallo diferente (Edit. Kalandraka); unha historia na que aprendemos a apreciar o valor das cousas pequenas.


Ao tempo, xa o venres 31 de xaneiro (derradeiro día do mes), desenvolvemos ilusionados o ritual propio dos aniversarios... JUAN e MARTÍN F. estaban exultantes!


Primeiro JUAN e logo MARTÍN F. traspasaron a fotografia propia da tarta de 5 ANOS á tarta de 6 ANOS.



Tamén cantamos, mimamos e dramatizamos a canción propia deste momento e pescudamos algúns cambios que se produciron ao longo deste tempo: peso, estatura, nivel de capacidades... somos outros!... incluso, no mes de decembro, hai a quen se lle caeu un dente na clase!...


Con esta rutina de celebración comezamos un trimestre que porá a proba a nosa capacidade de traballo, concentración e atención... despegamos a Educación Primaria en 3, 2, 1...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: