Bienvenido

EN XANEIRO... BUFANDA, ABRIGO E SOMBREIRO!

viernes, 24 de enero de 2020


Esta semana, ao tempo que continuamos o traballo co libro de actividades nº3 de MUNÍBAL, reservamos un tempo para redescubrir algúns elementos e cambios producidos coa chegada do inverno.
Así, como vén sendo habitual, atopamos nas asembleas matinais a mellor das lanzadeiras posibles de ideas previas, evidenciando os nosos coñecementos previos e necesidades de aprendizaxe cara a nova estación.
Neste senso, ollamos as roupas de abrigo dos percheiros, conversamos sobre a indumentaria propia que precisamos para protexer o noso corpo contra o frío: pezas máis grosas, uso de materiais máis cálidos, maior cantidade de roupa e accesorios específicos desta estación (bufandas, gorros, guantes, abrigos…) recoñecendo e asociando partes do corpo e pezas de vestir.


Asemade, e para deixar testemuña deste centro de interese, recreamos elementos propios do inverno. Interesante empregar por fin a cor branca para debuxar a néboa tan característica da nosa cidade, bonecos de neve e, sobre todo, neve, moita moita neve... fantástico!


Siii, exacto!... se algo temos claro-clarísimo, é que no inverno hai neve, moooita neve… e que podemos facer coa neve?... Uf!, un montón de cousas: bonecos de neve, bólas de neve, patinar, esquiar…
Tamén, por outra banda, coidamos que coa chegada do inverno aparecen nas casas novos obxectos que nos axudan a paliar os rigores desta estación: estufas, mantas, calefaccións... Indubidablemente, quedounos clara a necesidade de abrigarse para evitar arrefriados, gripes, dores de gorxa… adquirindo hábitos e actitudes relacionadas co benestar e co coidado da saúde; evitando a visita ao médico.
Ao tempo de todas estas actividades, estes días aproveitamos para gozar dun tempo libre de expansión vital a partir dunha das nosas cancións favoritas: Robin Hood... todo un clásico! Amodo desprazámonos polo espazo adoptando a postura indicada en cada estrofa: cadeira, ombro, cóbado...


Agora xa, a vindeira semana, reatoparémonos cun dos nosos contos: Negros y Blancos (Edit. Anaya) cuxa historia serviranos para conmemorar o Día Escolar da Non Violencia e da Paz... preparados!
Negros y blancos (Edit. Anaya)
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: