Bienvenido

LET´S GO TO HALLOWEEN!

miércoles, 30 de octubre de 2019


Hoxe, mércores 30 de novembro, puxemos o punto final a uns días cheos de cabazas, pantasmas, morcegos e moitas historias de “medo”.
Así pois, como xa vos contaramos, hai varias semanas que a decoración do cole mudou considerablemente aparecendo elementos representativos desta data tales coma: pantasmas, bruxas, esqueletes... este feito, non pasou desapercibido no momento de entrada e expectantes descubrimos cada día un novo elemento. Corredores e pasadizos terroríficos que converteron o noso cole... nun cole encantado!


Neste senso, para comezar, identificamos e respectamos os medos propios e alleos, destacando que todos eses personaxes unicamente existen nos contos, nas pelis e/ou na nosa imaxinación... queda claro?
Ao tempo, recreamos a festa de aniversario de Enrique coa lectura do conto: El cumpleaños de Enrique (Edit. Edelvives); unha historia que desta vez aproveitamos para vencellar aos primeiros aniversarios do curso... moitos parabéns!


Evidentemente, tomando como eixo motivador esta celebración,  foron moitas as actividades que realizamos para deixar testemuña desta época do ano que tanta expectación suscita. Debuxamos personaxes terroríficos con 4 ollos, 2 brazos, caras verdes e rosa, con sangue e “cousas de guerra”... tamén recreamos o disfrace que luciriamos este Halloween... case nada!



Por outra banda, e por se todo isto fose pouco, dende o centro solicitouse a colaboración das familias na decoración das cabazas. Como gozamos no noso corredor. Había bruxas, vampiros, bebés e ata personaxes dos nosos debuxos favoritos… familias, grazas pola vosa colaboración!


Xa logo, máis tranquilos na aula, cadaquén recreou a súa cabaza, resultados que cada vez amosan máis enxeño e creatividade... fantástico!


Uf!… non pensedes que nestes días foi todo traballar, pois quedou tempo para gozar, uns máis que outros, coa escolma de diferentes capítulos de animación adecuados á nosa idade e propios da data; “El silbido de Frankenstein” e a canción de “Let’s go to Halloween” de Conecta Kids e Pocoyó… resultaron un éxito!
E para rematar..., que mellor que vir ao cole disfrazados daquilo que levabamos anunciando había semanas?... Esqueletes, zombies, vampiros, cabazas, bruxas... canta variedade!... irrecoñecibles!...


Siii, hoxe tamén houbo tempo para o traballo individual que, custodiado por as nosas figuras solares, desenvolveuse con máis ou menos normalidade... que súper-maiores!




Sen lugar a dúbidas isto, e a visita da profe Marta para cantar “Outono na Anexa”, foron o mellor final posible para uns días que resultaron... terrorificamente divertidos!...  


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

LETRILANDIA: O PAÍS DAS LETRAS.

viernes, 25 de octubre de 2019

Axiña iniciaremos unha viaxe fascinante a un país que existiu hai moitísimos anos cando había xigantes e magos, trasnos e fadas, na época na que os animais falaban: Letrilandia, o País das Letras.
Porén, e convencidos que un lector non nace, faise, adicaremos parte do traballo diario a contidos vencellados á lecto-escritura en letra enlazada minúscula.
Este reto competencial que culmina este derradeiro curso de Educación Infantil, será o resultado dun longo camiño iniciado xa cando tiñamos 3 anos, onde, de xeito máis significativo, traballamos a lecto-escritura en actividades cotiás como no fichaxe de ausencias e presenzas, cando o profe nos manda “antes de nada y arriba de todo” poñer o nome nas actividades impresas, modelado en plastilina de grafemas, os rótulos e pictogramas que existen na aula e que axudan a organizar e distribuir o espazo (percheiros, arquivadores, recantos...)... e un senfín de recursos que farán posible que esa linguaxe tan marabillosa que sae dos contos, saia tantas veces como queiramos.


Indubidablemente, a nosa aula convértese nun verdadeiro entorno receptor alfabético, onde a lecto-escritura é unha aprendizaxe máis que construímos e reconstruímos a partir dunha visión construtivista escolar.


Ao tempo, a utilización dos contos como rutina de aula, sérvenos para crear un clima de festa que resulta tan grato e estimulador para a aprendizaxe. Incluso ás veces, a partir destes, elaboramos xogos de creación literaria inventando historias ou imaxinando finais diferentes para contos xa coñecidos.


Para que todo este proceso culmine da mellor maneira posible, resulta esencial que nos sintamos motivados, só deste modo gañaremos confianza e seguridade nesta nova aventura que se nos presenta.


Deste xeito, pronto levaremos para as nosas casas durante a fin de semana o libro de lectura nº1 de “Letrilandia” para traballar de xeito sistemático o grafema visto na clase. Esta tarefa agardamos que se traduza nunha realidade rica e froitífera dentro do noso proceso de ensinanza-aprendizaxe... contamos convosco, familias!...


Agora xa o sabedes, ler ten que ser un tempo de pracer, de diversión e desfrute, así que paciencia, moita paciencia...  
Un saúdo acompañados de lectura e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

"MUNÍBAL Y LA TIRITA".

viernes, 18 de octubre de 2019

Estas semanas, a partir do conto “Muníbal y la tirita”, estamos  descubrindo, identificando e valorando o corpo humano de forma global e, moi especialmente, segmentaria.
O traballo sistemático do corpo humano permítenos recoñecer algunhas características propias e alleas, decatándonos que todos temos características comúns e outros rasgos que nos diferencian: altura, cor de pelo, de ollos...


Algunha das partes externas que identificamos a partir das actividades do caderno nº2 de MUNÍBAL son: CABEZA, CUELLO, TRONCO, MANO, PIERNA, RODILLA, PIE. Ao tempo, iniciámonos en novos conceptos para referirnos aos órganos xenitais feminino -VULVA- e masculino -PENE-.
Ata aquí, todo controlado; agora ben, este curso, aproveitamos para identificar e nomear elementos internos que forman parte do noso corpo: CEREBRO, CORAZÓN, PULMONES e ESTÓMAGO. Axiña valoramos que cada órgano ten unha función, e que todos son necesarios para vivir.


Aprendemos que os HUESOS sosteñen o noso corpo e protexen os nosos órganos e que os MÚSCULOS cobren os ósos e fan que podamos movernos... que interesante!


Asemade, co gallo deste centro de interese, profundizamos sobre a necesidade dunha alimentación saudable como un dos alicerces básicos para conseguir unha boa calidade de vida.
Indubidablemente, a dieta alimenticia contribúe ao desenvolvemento de hábitos de vida saudables que, xunto coa práctica de exercicio físico e de deporte, facilita estilos de vida fortalecedores.
De sobra coñecemos que alimentos están reservados para momentos puntuais e/ou especiais do curso e, polo tanto podemos traer excepcionalmente para o momento da merenda. Identificamos alimentos como as froitas, verduras e hortalizas como produtos de primeira orde que favorecen a adquisición de hábitos de saúde positiva. Neste senso, recreamos a partir de varios troquelados as 3 froitas preferidas de MUNÍBAL: o amorodo, a sandía e o plátano… ti si que sabes, MUNÍBAL!


Esta actividade permitiunos demostrar os nosos coñecementos sobre a froita de tempada que acostumamos a comer no momento da merenda... canta variedade! Sen lugar a dúbidas, unha alimentación saudable e a adquisición de hábitos de hixiene tales como practicar deporte e cepillar os dentes a diario, convértense nos aliados perfectos para estar sans e fortes... estupendo!


Agora xa, a vindeira semana o cole encherase de cabazas, bruxas, morcegos e demais personaxes arrepiantes que farán que este Halloween-Samaín resulte... terrorificamente divertido!... Let´s go to Halloween!...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

"...HOXE O OUTONO, CHEGA Á ANEXA".

viernes, 11 de octubre de 2019

Indubidablemente, o San Froilán convértese cada ano na grande festa do outono galego, porén, estes días, aproveitamos para redescubrir os cambios que trae consigo o outono no contorno próximo e na vida das persoas. 
Unha vez máis, as asembleas matinais convertéronse no aliado fantástico co que pescudar os nosos coñecementos previos, deixando en evidencia algunhas das nosas necesidades de aprendizaxe. Todos e todas temos claro que o elemento por excelencia característico do outono son as follas que ademais de cor marrón poden ser de cor amarela, vermella, laranxa e mesmo verde.
Ao tempo, identificamos outros elementos característicos no contorno natural: animais como o esquío e o caracol, indumentaria como as katiuskas e os chuvasqueiros, froitos secos como as castañas e as noces…
Do mesmo xeito, xa no referido ao contorno social, a chegada do outono serviunos para prestar atención aos cambios que se producen tamén na vida das persoas. Agora xa, os días son máis curtos, chove a miúdo, vai vento e frío... polo que as actividades cotiás non son as mesmas que no verán, temos que abrigarnos coas prendas axeitadas, botar man do paraugas..., todo isto verificámolo cando saímos ao patio; así como tamén coa lectura do conto Mola que chova da editorial Galaxia co que descubrimos que, nos días de choiva, tamén é posible pasalo ben.


De xeito máis formal, realizamos actividades impresas cuxo eixo motivador foi o outono.
Coloreamos follas de outono de cor marrón, amarela, vermella, laranxa, verde...


Tamén houbo tempo para a recreación de elementos propios do outono, debuxańdonos coa indumentaria propia deste tempo: chuvasqueiros, katiuskas, paraugas…



Mesmo, logo do momento da merenda, modelamos con plastillina caracois, árbores sen follas, cogomelos… fantástico!




Por último, e para rematar estes días de outono, cantamos, dramatizamos e mimamos a canción que o curso pasado compuxera a profe Marta, porque… “... hoxe o outono, chega á ANEXA”.


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

SAN FROILÁN 2019.

viernes, 4 de octubre de 2019


Nuns días nos que en Lugo se respira xa olor a polbo e a cachelos, a nosa aula comezou a vestirse de festa e as conversas arredor da inminente celebración do San Froilán 2019 son inevitables.
Así pois, desenvoltas as rutinas e tarefas cotiás propias do súper-encargado, as asembleas matinais están resultando un chisquiño máis longas que de costume, pois ademais de servirnos para establecer e consensuar as normas que rexerán a vida da aula, cadaquén aproveita para contar anécdotas propias que, nestes días xiran arredor da celebración do San Froilán.


Como podedes imaxinar, San Froilán na nosa aula é sinónimo a barracas. Este curso nótase que somos súper-maiores e o “Gran Prix” centrou parte das nosas conversas.
Tamén falamos das colchonetas, dos karts, do tren, do scalextric..., e por suposto das atraccións dos maiores como “El Ratón Vacilón” e a “Casa do   Terror”... que emocionantes!
Estas e outras achegas significativas quedaron reflectidas nuns debuxos que, máis que nunca, serviron para deixar voar a nosa imaxinación e creatividade, recreando o noso San Froilán particular con todo detalle: luces de festa, fogos artificiais, atraccións variadas... cantas cores!


Por outra banda, este curso, aproveitamos para achegarnos aos Pelúdez. Pelúdez é un home de aldea que se vén vivir a Lugo durante as festas. Onda Filomena -a súa muller-, Peludeciño -o seu fillo-, Vanessa -a nora-, Harrisonciño -o neto- e Reborita das Arieiras -a consogra-, Pelúdez cóntanos o que ve e atopa no San Froilán, converténdose en todo un símbolo das nosas festas.
Así pois, coloreamos a Pelúdez e a Filomena en sendas actividades impresas nas que ademais, repasamos conceptos básicos como lonxe/preto e lixeiro/pesado. Abofé que Filomena celebrará un menú ben especial con tanto produto na súa bolsa da compra... fantástico!



Agora xa, toca gozar da festa e coller folgos renovados, axiña comezaremos un novo libro de MUNÍBAL, ao tempo que seguimos consolidando, ampliando e reforzando conceptos básicos vencellados á lecto-escritura e á lóxica-matemática.
Boas festas, bo San Froilán 2019!...


Un saúdo con sabor a polbo sanfroilanceiro e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!