Bienvenido

ARDE LVCVS MMXIX.

viernes, 14 de junio de 2019

Ilusionados, antes de pechar o curso, reservamos uns días para traballar unha das celebracións organizadas cada mes de xuño na nosa cidade, siii... o Arde Lvcvs MMXIX xa está aquí!
O Arde Lvcvs comezou a súa andadura no ano MMII ligado ao solsticio de verán cun obxectivo primordial: rememorar a fundación da nosa cidade recreando o seu pasado romano.
Así pois, hai uns días, o casco histórico comezou a transformarse en Lvcvs Augusti, destacada urbe da Gallaecia romana, para ofrecer do 14 ao 16 de xuño un completo programa de actividades.
Neste senso, cunha motivación extra pois quen máis e quen menos xa viviu o Arde Lvcvs de anteriores edicións, e coa axuda do Encerado Dixital Interactivo (E.D.I.), revivimos algúns dos actos máis emblemáticos desta celebración como o pasarrúas a cargo das 17 asociacións de recreación histórica pola Ronda da Muralla... que vestimentas!
Falamos de tropas romanas, tribos castrexas, dos tambores e bandeiras..., descubrindo como as indumentarias da cultura romana e castrexa serán o eixo principal, aprendemos a que no Arde Lvcvs non nos “disfrazamos de...”, senón que nos vestimos, caracterizamos... é outro nivel!
Axiña, recreamos a vestimenta que luciriamos no pasarrúas do venres nun folio no que aparecía en números romanos o ano actual: MMXIX... que doado!


Neste senso, un curso máis o que nos resultou especialmente interesante foi o relacionado co combate e coa loita: identificamos armas propias da época e todo aquilo que poidades imaxinar para facer... guerra!
Sen lugar a dúbidas, a nosa cidade converterase no esceario perfecto para revivir o noso pasado a través dos personaxes da época como os druidas, guerreiros, lexionarios, patricios, sacerdotisas, escravos, emperadores...
Para rematar, e como colofón final ao traballo desenvolto, hoxe venres participamos activamente no  pasarrúas organizado ata a Praza de España que inaugura oficialmente o Arde Lvcvs MMXIX.
Con e sen capa, armadura, bolso, coroa de flores... menuda tropa romana e tribo castrexa!



Agarrados da parella establecida, cadaquén gozou do pasarrúas á súa maneira. Ilusionados, percorremos parte da Avda. de Ramón Ferreiro, Bispo Aguirre, Praza de España... canta xente!... cantas fotos!... respirábase ambiente de festa!...


Este curso si que fomos ao xeito, sen carreiras nin sobresaltos inesperados... fantástico!
Agora xa, esta fin de semana queda gozar do pasado de Lvcvs Avgvsti máis vivo ca nunca... que non se apague o lume!... que viva o Arde Lvcvs!...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Jose dijo...

So aproveitar para agradecerte o teu esforzo e traballo, e por ternos ó tanto de todo.
Agora unhas merecidas vacacions