Bienvenido

COMEZAMOS!...

viernes, 28 de septiembre de 2018

Mergullados nas rutinas que rexerán a vida da aula durante este curso, esta semana farémosvos partícipes das nosas primeiras actividades impresas de 4 anos como preludio ao traballo máis sistematizado que levaremos a cabo nos caderniños de MUNELA que comezaremos proximamente.
En primeiro lugar, establecemos e tentamos consensuar as normas de obrigado cumprimento durante o momento de traballo obrigatorio. Este curso ao ser un dos grupos dos nenos e nenas de 4 anos debemos concienciarnos de que non todo vale e que, na medida do posible, tentaremos dar o mellor de cada un no tempo de traballo individual en mesa.


Neste senso, e parece ser que cada vez máis concienciados de que non todo vale, de que hai que traballar amodo, procurando non saírnos do contorno, sen deixar ocos nin “rayajos”... os nosos traballos resultan cada vez máis elaborados; mudando moi progresivamente esa tolería por rematar axiña por unha actitude relaxada e libre de tensións cando nas primeiras horas desenvolvemos en silenzo o traballo obrigatorio... marabilloso!...


Con todo e agora, sabemos que no tempo de traballo en mesa debemos estar moi atentos na explicación de cada actividade para saber que facer. Este curso, a interpretación libre está prohibida,... moito ollo!... Para iso, cómpre poñer todo da nosa parte para facelo o mellor posible, e así, cando levemos os materiais para a casa, as nosas familias se poñan contentas.



Tamén nestes días descubrimos un accesorio que nos facía ilusión estrear... os estoxos de dous compartimentos!... Claramente dispuxemos que se gardaría en cada compartimento -lápis e cores-, ao tempo que lembrabamos o seu uso correcto e ubicación na mesa... isto si é de maiores!
Indubidablemente están resultando uns días intensos para comprobar todo o que lembramos do curso anterior e tamén todo o que esquecemos, neste senso, as tarefas do súper-encargado poñen a proba a cotío as nosas aprendizaxes... xenial!


Porén, case case comezamos dende o principio coas letras do abecedario, co trazo dalgúns números seguindo a direccionalidade correcta, coloreamos, debuxamos formas cada vez máis distinguibles: soles, nubes, casas, flores, árbores... mesmo hai quen se atreveu a debuxar a súa casa!


Todo isto, foi o resultado dun traballo sistemático previo no que tachamos, rodeamos, unimos, escribimos... con lápis e/ou rotulador para que o trazo resulte máis preciso... como se colle a cera para colorear ao xeito, sen présas para non saírnos do contorno...  non todo vale!...


Por último, e aproveitando como alicerce motivacional as festas de San Froilán que comezan a vindeira semana, coloreamos un polbo que en gran grupo acordamos podería ser de cor lila-violeta, rosa e mesmo de cor vermella... Os resultados cada vez máis de súper-maiores axiña decorarán o corcho do corredor para non esquecer que... o San Froilán 2018 está aquí!

Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: