Bienvenido

PRIMEIROS DÍAS...

viernes, 21 de septiembre de 2018


Siii, esta semana comezou o cole e, aínda que pasaron xa máis de dous meses dende que moitos nos vimos por última vez, parece que foi onte cando rematabamos 3 anos... como pasa o tempo!
Así pois, a volta ao cole estase convertendo nunha experiencia chea de sorpresas, comezando xa polo cambio de aula...
Neste senso, de sobra nos lembramos da mascota que nos acompañará durante este curso, porén, atopar a porta de MUNELA resultou unha das primeiras tarefas da xornada inaugural... ben doado!


Xa na aula, alucinamos coa nova disposición das mesas, co panel das rutinas onda o tren dos aniversarios, coa variedade de pezas de construción de todas as cores, tipos e tamaños... e co banco de carpinteiro, unha das derradeiras adquisicións da nosa nova aula... fantástico!
Máis tranquilos, cadaquén sentou onde prefería e, casualmente as parellas de “mellores amigos” de 3 anos non dubidaron en sentarse onda o seu “mellor amigo ou amiga” de 3 anos: SIRA con CRISTINA, PABLO A. con MARTÍN F., ICÍA con VALERIA, HUGO con JUAN... estabamos encantados!


Por outra banda, e para dar inaugurado oficialmente o curso como ben merece, lembramos algunhas das rutinas cotiás propias da asemblea de 3 anos. Desta vez foi a quenda de PABLO A. que, convertido nun auténtico súper-encargado, lembrou parte das rutinas de 3 anos con cancións incluídas... perfecto!


O que non sabiamos é que xa na asemblea de 4 anos haberá novidades en forma de retos que probarán as nosas aprendizaxes: escrita de números, ditado de letras e, xa máis adiante de fonemas... que interesante!
Uf!... con tanta novidade non nos lembrabamos nin de merendar para poder gozar da selección de pezas de construción de cactos, robots e cuadras... case as mesmas que tiñamos na aula de 3 anos... diversión garantizada!


E canta plastilina?... Vermella, amarela, azul, verde, branca... ata de cor carne... esta clase si que mola!


Estes días de volta á escola están sendo diferentes, son días de sorpresas, de festa e diversión, e proba disto foi que en máis dunha ocasión, fomos os primeiros en saír ao patio... alucinante!


Mesmo un día, organizados nunha fila cada vez máis silenciosa, achegámonos á nosa aula do curso pasado e visitar aos “pequeñajos” de mandilón de cor azul... cantos recordos!... moita sorte!...


Como podedes imaxinar, durante estes días tamén houbo tempo para o traballo obrigatorio individual que nos serviu para lembrar, reforzar e/ou consolidar conceptos tratados o curso pasado: lóxica-matemática, lecto-escritura, formas, cores...


Este curso preséntasenos un gran reto: desenvolver a tarefa todo o mellor que sabemos e traballar en silencio como nenos de 4 anos... acadarémolo?


Non sabemos como se desenvolverá o resto do curso, pero alomenos de momento estamos contentos, nerviosos, ilusionados... raros!, o profe notounos maiores, unha proba evidente do paso do tempo e do noso proceso de desenvolvemento, xa estamos na clase de 4 anos e... este curso promete!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

2 comentarios:

Unknown dijo...

Moitas grazas polas movida des!

Jose dijo...

Incrible que tras tres meses de "asilvestramento" en tan pouco tempo estén amansados. Parabens