Bienvenido

"BOS DÍAS, BOS DÍAS, AI SI!..."

viernes, 13 de octubre de 2017

Metidos na intensa vida do cole dos maiores, e máis ou menos adaptados a este cúmulo de novidades, estes días introducímonos na aprendizaxe das normas, hábitos e rutinas que rexerán a vida e actividade cotiá da nosa aula con tempos dispares como o momento da asemblea, do traballo obrigatorio individual ou do xogo libre e/ou dirixido nos rincóns.
En Educación Infantil, a posta en práctica dunhas rutinas, axúdanos a coñecer o contorno que nos rodea, superando os nosos medos e temores ao descoñecido, dándonos a oportunidade de anticiparnos ao que vai ocorrer e proporcionándonos a seguridade, tranquilidade e confianza necesarias para unha correcta adaptación e estancia na escola.
Queredes saber cal é a nosa secuencia rutinaria?... Pois velaí vai!
Para comezar, desenvolvemos os hábitos propios do MOMENTO DE ENTRADA, quitamos as prendas de abrigo, colgámolas no percheiro identificado coa nosa fotografia e nome e sentamos na liña vermella para desenvolver os rituais propios da ASEMBLEA.


A zona da asemblea, convértese nun espazo da aula no que hai que estar cos ollos e orellas abertas e coa boca pechada, moooi pechada para dar comezo ao ritual dos bos días, o saúdo aos compañeiros e compañeiras e á elección do súper-encargado, protagonista de cada asemblea matinal...


O súper-encargado elixe a pegatina do mandilón do profe, 


rexistra no panel correspondente as ausencias e presenzas, constata o tempo atmosférico con PIPO, o coello espacial, 


e iníciase de xeito individualizado na escrita real e contextualizada de grafemas significativos a partir do propio nome.


Asemade, terá encomendada a función de ser o maquinista do tren nas saídas e entradas da aula... canto nos gusta ser os primeiros! Agora temos que aprender a non soltarnos, camiñar despacio e non empurrar... nooon, así nooon!
Nestas asembleas matinais, falamos acerca das actividades que levaremos a cabo durante a xornada ao tempo que lembramos o realizado o día anterior, prestando especial atención a aspectos vencellados coa lecto-escritura e a lóxica-matemática: revisamos no mandilón que letras temos no noso nome, escribimos cantos faltan, cantos son nenos, cantas son nenas, palabras significativas do centro de interese...
Este momento, ademais de dar inicio e final á xornada escolar, constituirá por si mesmo un elemento motivador para o desenvolvemento da linguaxe oral, xa que aproveitamos para facer partícipe ao grupo-clase dos nosos pequenos-grandes problemas, tentando progresivamente respectar as normas que rexen os intercambios lingüísticos... que complicado!
Logo da asemblea, desenvolvemos as actividades de aprendizaxe, -amodo, sen présa, agarrando a cera ao xeito...-, 


para antes do recreo, reservar un pequeno tempo para repoñer forzas co Momento da merenda.


Vedes que durante a mañá non paramos, pero aínda queda o máis divertido, o MOMENTO DO CONTO e o xogo libre e/ou dirixido nos RINCÓNS.
Así pois, durante o período de adaptación, participamos en diversas actividades que serviron para descubrir e coñecer algúns dos xogos e xoguetes cos que gozaremos ao longo do curso. Axiña, cando pase máis tempo, teremos asignado un rincón a cada equipo de traballo, pero antes, debemos aprender a xogar, recoller e respectar as normas establecidas neste momento de xogo.


Ademais destas rutinas, a nosa actividade diversíficase si cabe aínda máis coa incursión no horario das actividades desenvoltas por teacher Pili, Cosme, Pedro, María José e Verónica-Chús-Medines; os mestres especialistas de Inglés, Música, Psicomotricidade, Relixión e apoios na aula,... fantástico!
Canta actividade!... e o curso non acaba máis que de comezar. Sen lugar a dúbidas, o noso primeiro ano no cole pinta ben, moooi ben... 
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Unknown dijo...

Me encanta ver lo bien que lo pasan, genial!