Bienvenido

ARTE POR TODAS PARTES!

viernes, 20 de octubre de 2017

A expresión plástica xoga un papel indiscutible en Educación Infantil, constituíndo unha das linguaxes con maiores posibilidades de expresión que nos serve para comunicar aspectos da nosa vida cotiá, estimular e potenciar a imaxinación, curiosidade, o pensamento crítico, creativo, a exploración e experimentación, a sensación, percepción...
Así pois, o mércores participamos activamente nun obradoiro artístico na aula de Educación Artística da Facultade de Maxisterio a través do cal creamos e recreamos diferentes esculturas a partir de materiais de desfeito e refugallo.
O certo é que xa estabamos avisados que acudiriamos a un aula distinta con profes que, lonxe de ser os que actúan semanalmente no grupo, non coñeciamos, ni tan sequera os coñecía o profe. Deste xeito, máis expectantes que nunca, establecemos unhas normas básicas para a actividade: control de esfínteres, respectar a quenda, escoitar con atención aos xefes da actividade...
Xa o mércores, desenvoltas as rutinas de entrada -prendas de abrigo e mochila no percheiro- e os rituais da asemblea -desta vez a súper-encargada foi IRENE-, organizámonos no tren de saída para converternos... en pequenos-grandes artistas!...
O momento de acollida non puido resultar máis apropiado, comezamos coa escoita activa e visionado do conto: El museo de Tronquito (Edit. Nórdica Libros).


Sen perder detalle da actitude entusiasta de Tronquito e do seu afán por coleccionar todo tipo de obxectos, achegámonos ao museo como espazo de ocio que serve para conservar as obras expostas de diferentes artistas.


Posteriormente, tocaba poñerse mans á obra e axiña nos organizamos en equipos de traballo para interactuar de xeito libre cos materiais alí dispostos.
Había unha mesa con papel de aluminio como o que moitos traemos na merenda. Arrugamos, dobramos, rachamos... e, sobre todo, pintamos, pintamos e pintamos con rotuladores fluorescentes e con pincel e témpera de cor fucsia... que interesante!


Noutro espazo, había pasta para modelar de cor branca, que unha vez seca queda dura como a parede. Aquí amasamos, cortamos, fixemos ruliños, bolas, formas impresas con paus, ramas de árbore, pedras... quen máis e quen menos logrou darlle volume á súa obra como un auténtico escultor... fantástico!



Tamén inventamos con caixas e rolos de papel de diferentes tamaños e grosores, completando a nosa creación con cintas adhesivas de cores variadas: negra, vermella, verde, azul e amarela... bonitos resultados!


Con este ambiente tan propicio para a estimulación da imaxinación e creatividade, observamos, identificamos, coñecemos e diferenciamos propiedades e cualidades de obxectos cotiás, decatándonos que hai... arte por todas partes!


Resultou un tempo de traballo individualizado no que cadaquén decidiu cando estaba rematada a súa produción para, e a modo de actividade final, catalogar as obras no museo que se creou nun dos recunchos da aula.


Para rematar, os profes de Maxisterio déronnos unha entrada para pasar a contemplar as creacións aportadas polo grupo... canto artista concentrado por metro cadrado!     


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Unknown dijo...

Que de experiencias nuevas!!!! Me encanta. Ahora entiendo lo de que habían ido al museo...