Bienvenido

FROITA NA ESCOLA.

viernes, 11 de marzo de 2016

Un curso máis, o noso centro participa no “Plan de Consumo de Froita nas Escolas”, unha inciativa promovida coa axuda financieira da Comunidade Europea e do Fondo Galego de Garantía Agraria.
Así pois, durante esta semana, non tivemos que traer merenda ao cole, xa que dende o luns procedeuse á distribución de froita a todo o alumnado do centro. Desta vez tocou: unha deliciosa mazá de cor amarela-verde para o luns, unha saborosa mandarina para o martes, o mércores pera, o xoves unha das nosas froitas preferidas,... plátano! e o venres... biscoito de chocolate!... Siii, o venres celebramos o aniversario de NICOLÁS e a laranxa que tocaba este día reservámola para a vindeira semana... resultou un cambio total!


A participación activa nesta experiencia conleva novas aprendizaxes no que a alimentación saudable se refire, pois máis dun de nós, pouquiño a pouco está aprendendo a comer froita... non é para tanto!...
Todo isto non é algo novo para nós, pois no noso centro, e especialmente na etapa educativa na que nos atopamos -Educación Infantil-, considérase a alimentación saudable como un dos alicerces básicos para conseguir unha boa calidade de vida.
Deste xeito, dende fai xa varios cursos, os profes de Educación Infantl do noso cole, decidiron establecer un almorzo saudable no que a cada día lle corresponde un alimento diferente.
Indubidablemente, unha boa dieta alimenticia contribúe ao desenvolvemento de hábitos de vida saudables que, xunto coa práctica de exercicio físico e de deporte, facilita estilos de vida fortalecedores dun desenvolvemento integral e harmónico das nosas capacidades: intelectuais, físicas, afectivas, sociais...
Esta experiencia diaria propicia un cúmulo de situacións que favorecen a adquisición de hábitos que promoven un estilo de vida saudable, algo imposible de acadar sen a inestimable colaboración das nosas familias... mil millóns de grazas por estar ao noso carón!
Aproveitando a temática da semana: froita na escola, levamos a cabo unha actividade impresa na que había que completar un froiteiro con diferentes froitas de tempada. Así pois, con máis ou menos tino, debuxamos e coloreamos alomenos 4 das nosas froitas preferidas, non sen antes, falar de todo isto na asemblea matinal.
Esta actividade permitiunos demostrar os nosos coñecementos sobre aquela froita de tempada que acostumamos a comer decote. Saiu dende a froita de sempre como a mazá, pera ou plátano, ata a froita máis exótica como o melón, a sandía e as fresas, pero as fresas con nata e azucre, eh!...


Quedaron uns froiteiros do máis coloridos!, como melloramos no debuxo!, canta arte!...


Agora xa, a vindeira semana, daremos un pulo importante ás actividades impresas das letras, convertíndose en fantásticas situacións para seguir avanzando no proceso de lecto-escritura. Chega o turno do D, N e Ñ, B e V, C e Z, F, G e X. Ao tempo, repasaremos e non esqueceremos as letras traballadas dende inicio de curso: as vogais, o P, L, M, S, T, e R, entre outras. 
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

0 comentarios: