Bienvenido

ADIANTE VISITANTE!

viernes, 27 de noviembre de 2015

Hoxe tivemos no cole unha visita diferente, unha visita especial. Non se trataba dunha nova sesión de contacontos, nin tan sequera dos maiores do cole que viñan a contarnos algunha curiosidade que están a traballar nas súas aulas. Hoxe estivo no cole a Garda Civil…
O certo é que este feito non nos pillou de sorpresa, en tanto que no momento de agardar a entrada, de sobra vimos o despregue de motos, coches, furgonetas… e ata un camión cunha hélice coma a dos helicópteros… alucinante!
Así pois, e tras desenvolver o ritual da asamblea como vén sendo decote no inicio da nosa xornada, puxemos o abrigo e diríximonos ás diferentes estacións dispostas nas instalacións do centro para aprender algunha curiosidade sobre a Garda Civil.


Sabiades que a Garda Civil en ocasións conta coa axuda dun can que pescuda a través do seu olfacto?... Alí mesmo estaba!... Vímolo un chisco nervioso, lóxico se temos en conta a morea de nenos e nenas que estaban ao seu redor… meu pobre!
Como non podía ser doutro xeito, unha vez máis subimos ás motos, fixemos soar o claxon, falamos pola megafonía… un clásico no noso centro!


Agora ben, indubidablemente o que supuxo gran expectación foi o camión que na súa parte superior contaba cunha hélice. Trátase dun camión que serve para vixiar a distancias incalculables percibindo con exhaustividade o detalle máis insignificante… así non se escapa nada!


Asemade, xa no hall principal do centro, fixémonos socios da Garda Civil. Para isto, estampamos a nosa huella dactilar de cor negra con sumo coidado sen saírnos do recadro establecido para o efecto. Para iso, contabamos cun membro da Garda Civil que tiña… uns guantes de científico!


Grazas a esta visita, observamos, identificamos e valoramos oficios e profesións próximas ao noso contorno inmediato. Ao tempo, con este tipo de actividades, inicíamonos no desenvolvemento de valores tales como o respecto, a xustiza, a solidariedade, a tolerancia… tan necesarios na sociedade actual na que vivimos.
Canto aprendemos!... E para deixar constancia desta visita realizamos cadanseu debuxo da experiencia no que cada un expresou aquilo que máis lle gustou.


E mentres tanto, case con máis dunha semana de adianto, xuntos comezamos a ilusionarnos co ambiente típico do Nadal. Para isto,… que mellor maneira que mirar e remirar unha e outra os catálogos de xoguetes dispostos no rincón de biblioteca?...


Este será un Nadal que traerá a nenos, e non tan nenos, máis dunha sorpresa a partir das actividades que comezaremos a desenvolver a partir da vindeira semana na que o Nadal entrará de cheo na nosa aula.
Un saúdo e non esquezades que… o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

A CASA DA ILLA.

viernes, 20 de noviembre de 2015


“Moli observa atentamente o seu mapa para decidir onde viaxará. Pecha os ollos e deixa caer o seu dedo sobre o papel...”


Deste xeito, da man de MOLI, comezamos o noso periplo polos lugares máis dispares do mundo. Para comezar, descubrimos dúas illas grandes e varias illas pequenas con moitas montañas e lagos: chegamos nada máis e nada menos que a Nova Celandia!
Así pois, e servíndonos como elemento de motivación do conto: A familia de Tumu, achegámonos á cultura maorí, descubrindo e identificando algunhas das súas características, elementos e formas de vida cotiá.


Do mesmo xeito, mergullámonos no traballo de contidos vencellados ao contorno inmediato: a familia, discriminando e respectando diferentes tipos de familias diferentes á propia, e a casa, recoñecendo e valorando dependencias e obxectos presentes.


Sabiades que algunhas montañas de NOVA CELANDIA teñen neve todo o ano?...
Nova Celandia está rodeada de mar e lonxe, moooi lonxe doutras rexións. Por iso algunhas especies de animais e plantas soamente existen alí: o kowhai, o Golfiño Héctor, o kiwi ou os tuataras son unha mostra da flora e fauna máis representativa deste lugar.
Neste senso, destacar o POHUTUKAWA, a árbore máis grande do país. Esta árbore está en perigo de extinción e, por esta razón, é unha especie protexida.


O pobo que habita en Nova Celandia chámase MAORÍ, que significa “normal” en lingua maorí.


Os maorís chegaron a Nova Celandia en CANOAS desde outras illas e saúdanse xuntando a fronte e o nariz.
O seu lugar de reunión era a MARAE, espazo no que celebran cerimonias e desenvolven diversas actividades culturais.
O TAANIKO -roupa tradicional maorí-  tecido unicamente coas mans ou a arte da tatuaxe corporal, son unha mostra das súas producións artísticas.


O KAPA HAKA é unha danza tradicional maorí que bailan cando queren dar a benvida. É un signo de hospitalidade.


Recén aterrados de Nova Celandia, esta mesma semana partimos cara o Polo Norte... que frío!
Ben abrigados, de paseo con MOLI por terras xeadas, descubriremos que para que o noso corpo funcione necesitamos ademais de alimentarnos axeitadamente, establecer certos hábitos de coidado corporal referidos á actividade física, á elección de roupa adecuada segundo a climatoloxía, á necesidade de abrigarse...etc
Coas mans case conxeladas, identificaremos as partes ou elementos característicos dun boneco de neve, a vivenda típica dos esquimós, pasearemos en zorra con MOLI e NAVUK, degustaremos unha sopa quentiña... ao tempo que as nosas casas e rúas prepáranse para celebrar o Nadal... preparados?...


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

CARACOL, CARACOLEIRO...

viernes, 13 de noviembre de 2015

Hoxe celebramos o magosto, unha actividade que serviu para pechar as experiencias suscitadas e recreadas a partir da chegada do outono e que nos serviron como medio para constatar algúns cambios e características que se producen no contorno cotiá e na vida das persoas.
Así pois, nas asembleas destes días, incorporamos como rutina da aula a observación e identificación de elementos representativos do outono a partir das manualidades aportadas polas nosas familias: castañas, noces, landras, améndoas... e sobre todos follas, moitas moitas follas do outono que recreaban dende personaxes fantásticos e do máis curiosos, ata bosques animados. Quedou unha exposición estupenda!... mil millóns de grazas, familias!...



Tamén desenvolvimos unha manchea de actividades impresas nas que tachamos, recortamos, pegamos gomets, pintamos... amodiño, ao xeito, sen présas!... uf, que difícil, sempre queremos ser os primeiros!...

Xa hoxe no magosto, o tempo prestouse para pasar unha mañá do máis divertida, participando activamente nas estacións preparadas en cada caso: pasea a castaña, tragacastañas, caracol, carreiras de sacos... e ata un magosto de cores no que emparellamos castañas de cores!



















Esta mañá de xogos serviunos para seguir aprendendo a respectar as normas de cada xogo, ser pacientes agardando a quenda, iniciarnos no traballo cooperativo, non competitivo... excelente traballo! o profe quedou contentísimo co ben que nos portamos... somos os mellores!


Tamén durante esta xornada, reservamos un tempo na aula para desenvolver a actividade do préstamo semanal, onde NAIRA exerceu de contacontos coa lectura de Caillou envía una carta (Edit. Everest).


Logo de todas estas actividades, aínda faltaba o mellor, degustar as castañas que durante a mañá un grupo de mestres asaron no pabillón dos maiores. 


Para isto, durante esta semana creamos cadanseu cestiño para as castañas, reatopándonos cunha vella coñecida: a castaña Catarina!
Con pincel pintamos, a elexir de cor marrón ou amarelo, un prato...


Logo fixemos pegadas cos dedos de cor marrón ou amarelo dependendo do fondo escollido previamente para o prato.


Finalmente, coloreamos e pegamos a castaña Catarina e... cestiño listo!


Este curso, ademais, coñecimos un novo personaxe. Tratábase dun pallaso, si, si... tamén hai castañas pallaso! Así pois, e cando aínda estabamos asimilando todo o vivido durante o Halloween-Samaín, rapidamente o noso corcho do corredor encheuse de castañas e máis castañas que, xa o venres empregamos como identificativo de 4 ANOS na celebración do magosto.



E agora que toca?... Pois comezar con todos os preparativos do Nadal: calendario de adviento, carta ás SS.MM. os Reis Magos de Oriente, novas e visitas dende Oriente... sen lugar a dúbidas, queda o mellor de todo o curso!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

SEMANA FANTÁSTICA!

viernes, 6 de noviembre de 2015

A partir desta mesma semana teremos nas nosas casas un convidado, pero non se trata dun convidado calquera,… nooon!, trátase dun convidado especial, nada máis e nada menos que MOLI recén aterrado de Nubaris!

Como xa vos contaramos, MOLI é un nubari moi viaxeiro que consegue chegar ata os sitios máis fascinantes da Terra. E ao regresar de cada lugar leva a súa mochila chea de apaixonantes aventuras e de novos amigos, que quere compartir con todos nós. Acompañádesnos?...

En cada unidade didáctica, MOLI convértese nun excepcional alicerce co que descubrimos, identificamos e valoramos elementos representativos sobre a escola, o outono, a familia e, moi pronto, sobre o Nadal... estupendo!


A actividade da rutina semanal de MOLI, consiste en contar no libro da mascota algunhas das actividades desenvoltas ao longo da semana na que MOLI estivo de visita nas nosas casas. Logo, nas asembleas matinais, o anfitrión semanal explicará ao resto todo o vivido durante a semana.


A visita será semanal (de xoves a xoves), e o texto irá acompañado de fotografías nas que aparezan MOLI en compañía dos nosos desenvolvendo algunhas das actividades da nosa vida cotiá: xogando, durmindo, no coche, no parque, no supermercado... será unha semana fantástica!
Asemade, estas fotografías irán acompañadas de pequenos textos escritos que nos permitan iniciarnos na lecto-escritura dun xeito real e contextualidado. Como non podía ser doutro xeito, resultará importantísimo que sexamos nós os encargados de escribir o texto da folla, para o que poderemos empregar lápises ou rotuladores, nunca ceras en tanto que o trazo resulta menos preciso.. Ah!... e lembrade!... non todo vale!...
Para que esta nova rutina semanal sexa se cabe aínda máis froitífera, as fotografías e os textos acompañaranse dunha creación artística de temática libre na que se poderán empregar diferentes materiais (ceras plásticas, rotuladores, plastilina, purpurina...) e técnicas (collage, mosaico, estampado... imaxinación ao poder!


De tal xeito, a final de curso grazas ao traballo e colaboración de todos e todas teremos un fermoso libro onde aparecerán compiladas aquelas experiencias que contan cunha especial significatividade na aula: magosto, Nadal, entroido, primavera...
E para comezar,… MOLI viaxou onda NICOLÁS e a súa familia. Seguro que MOLI disfrutará dun delicioso chocolate con nata… mmm!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!