Bienvenido

DE VERDE AUGA MARIÑA...

viernes, 19 de junio de 2015

Esta derradeira semana de curso,  resultou trepidantemente divertida, e cada día estivo marcado por un acontecemento que repercutiu no desenvolvemento de cada xornada; comezaremos polo principio...

Para poñer o punto e final a un curso repleto de descubrimentos, experiencias e aprendizaxes, celebramos durante a semana dúas festas: a da clase e a da auga, non sen antes cumprir con varios cometidos.
O primeiro cometido foi rematar as actividades impresas pendentes: identificamos e trazamos números, asociamos cantidades a grafias, realizamos conxuntos de elementos, escribimos o noso nome e a data, coloreamos, repasamos, pegamos gomets...
Xa para rematar, quedaba o máis divertido, a elaboración da portada dos nosos traballiños, unha recreación con pintura de dedos de NEMO... fabuloso!



Outro feito que marcou o desenvolvemento da semana foi a celebración de 3 aniversarios, nesta ocasión tocoulles ao neno e ás nenas do vagón do mes de xuño. Para este momento, como vén sendo habitual, levamos a cabo as rutinas establecidas e que marcan un hito importante para o “cumpleañero”, sacar a súa foto da tarta de 3 anos e pegala... na tarta de 4 anos! un feito simbólico que nos fai sentir un pouquiño máis súper-maiores... Moitos parabéns LAURA, NAIRA e YAGO, os cakes estaban exquisitos!


Cando a semana estaba a piques de rematar, xa o xoves, preparamos na clase unha festa, na que grazas á colaboración das nosas familias non faltou de nada... que máis se pode pedir!
Tratábase dun día diferente, era un día con certo sabor a despedida, un día no que celebrabamos o final do curso: comimos snacks e aperitivos varios, bebimos zumes, batidos e bebidas isotónicas, bailamos as nosas cancións favoritas, o profe deixounos correr polo corredor por tratarse dun día especial, xogamos cos globos... divertidísimo!


E aquí non rematou todo, xa que aínda nos agardaba o mellor para o venres... siii, a tan agardada “Festa da Auga”!
Logo da asemblea, moi ansiosos por comezar a participar nos xogos e, sobre todo, por estrear as pistolas de auga, dirixímonos á primeira estación: as piñatas, consistente en baleirar uns cubos que tiñan pelotas de goma ou auga.
Había xogos para todos os gustos: relevos con esponxas, dianas con globos de auga, carreiras de camareiros, pesca-patos, prato na cabeza...











































Ao principio non nos facía moita graza mollarnos, pero pronto todos e todas entramos nas dinámicas propostas, ata tal punto que rematamos cunha batalla de auga a base de globos, cubos, pistolas de auga e incluso o camión cisterna que nos mollou se cabe aínda máis coa mangueira... mi madriña, menuda se liou, caos total!... De feito, axiña marchamos que, sorprendente máis dun comezou a chorar desconsoladamente...
De volta na clase, mudámonos de roupa e degustamos algúns dos snacks e aperitivos que sobraran do día anterior... tiñamos fame!
Agora chegan as vacacións; é tempo de ir á praia e á piscina, de viaxar e de coñecer novos lugares, de comer xeados... é tempo de verán!, pero ollo, non deixedes de visitar o blogue, xa que durante as vacacións seguirá vivo...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

ONDIÑAS VEÑEN...

viernes, 12 de junio de 2015


Como vén sendo habitual cada curso por estas datas, está a piques de saír unha nova edición da nosa revista escolar “Ondiñas veñen”, en cuxo proceso de elaboración participamos todos os nenos e nenas do cole.

As seccións e temáticas que integran “Ondiñas veñen” son para todos os gustos e públicos, dende traballos nos que se explican como vivimos as distintas celebracións que teñen lugar no cole: o samaín, o magosto ou o nadal, ata entrevistas, pasatempos e mesmo contos de elaboración propia que toman como protagonistas seres fantásticos e enxeñosos.


O primeiro foi determinar a temática que achegariamos á revista escolar unha das clases dos máis pequerrechos do cole.
Este cometido, serviunos para voltar a vista atrás e lembrar os momentos vividos durante este curso: o noso primeiro Samaín-Halloween, o magosto, o nadal, o antroido...
Comezabamos o curso co traballo da secuencia de aprendizaxe: “O pitiño branco comeza a escola” na que onda o pito PACO vivimos e revivimos os sentimentos e emocións durante o desenvolvemento do período de adaptación á escola... uf, que lonxe queda isto!


Tamén outras actividades como a celebración do “Día da Paz” e saídas didácticas que nos serviron para coñecer o noso concello: auditorio, biblioteca, praia... momentos que se converteron en experiencias de ensinanza-aprendizaxe propiciando descubrimentos, xerando aprendizaxes e contribuíndo á interacción entre iguais e ao noso proceso de socialización infantil.
Siii!... dado o cúmulo de experiencias suscitadas no Festival de Nadal, tivémolo claro, a temática escollida para a nosa aportación á revista deste curso sería a recreación do noso... CiRcUs!
No escenario recreamos algúns dos números máis representativos do maior espectáculo do mundo: o circo… lembrades?


Comezaron 3 estupendos FORZUDOS (YAGO, MARCOS e SANTIAGO), a domadora (NAIRA) cos 3 leóns (XIMENA, GAEL e JUAN RAÚL), os equilibristas da pista (NICOLÁS e MIGUEL), o ENCANTADOR de serpes (BRUNO), a maga coa súa chisteira e variña máxica (MICAELA), as 5 majorettes (LAURA, DANIELA, NAIARA, PAULA e SABELA R.I.) e os 4 pallasos (YAIZA, SABELA R.G., EVA e XOEL)... fantástico show!...


Sen lugar a dúbidas, esta actividade, e sobre todo os personaxes da nosa actuación, estiveron presentes ao longo de diversos momentos do curso, e que mellor xeito que deixar unha pegada se cabe máis permanente e visible no tempo que na nosa aportación a “Ondiñas veñen”.
O deseño das dúas cariñas asignadas para o noso grupo resultou doada: composición de rimas que propiciou un sempre gozoso encontro co mundo da creación literaria e coa lecto-escritura aderezadas dunhas fotografías nas que subidos no banco da asemblea adoptamos posturas case case imposibles co noso corpo: acochados, á pata coxa, saltando...
O resultado?... A piques chegará en formato de revista ás vosas casas, pero para os máis impacientes... velaí vai a primicía mundial da nosa primeira achega a “Ondiñas veñen”... CiRcUs CiRcUs!!



Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

CASTELOS NA AREA...

viernes, 5 de junio de 2015

A piques de rematar o curso, esta semana resultou ben diferente: comezaremos polo principio...

En primeiro lugar, o martes, logo de desenvolver o ritual da asemblea matinal, baixamos ás pistas do patio dos maiores; alí estaban agardándonos nada máis e nada menos que os bombeiros e os policías.

Xa vos contaramos que, nos meses de abril e maio recibiramos, respectivamente, a visita dos bombeiros e dos policías que nos explicaran algunha curiosidade do seu traballo cotiá, así como as normas básicas de seguridade vial como peóns: interpretación do código do semáforo, uso do paso de peóns e da silla e cinturón nos desprazamentos en coche...
Pois ben, nesta ocasión, fomos bombeiros e policías por un día: subimos ao camión dos bombeiros, ao coche do policía e mesmo á moto... que motaza!









Asemade, no camión e no coche dos bombeiros e da policía, descubrimos todos os botóns que hai no seu interior e aproveitamos para facer soar máis que nunca a serea unha e outra vez ao tempo que as luces de emerxencia encendían e apagaban... menuda se liou no cole!






















Xa logo, de volta á clase, conversamos brevemente sobre a experiencia: que foi o que máis/menos nos gustou, por que... indubidablemente, o camión dos bombeiros, como vén sendo habitual, é a estrela do día, aínda que ben é certo que a moto, -a motaza-, cada vez ten máis afeccionados... alucinante!












Por outra banda, e como peche de semana, que mellor xeito que ir pasar a mañá a unha das praias do contorno.
Así pois, as semanas previas, froito da derradeira unidade didáctica cuxo centro de interese foi o verán, descubrimos e identificamos algunhas medidas e normas de protección solar: botar crema protectora, protexer a cabeza cun gorro ou cunha viseira, beber auga e mesmo poñer gafas de sol... fantástico!
Ah!... e para os maiores... que mellor maneira de refrescarse que mediante un abano; elemento que moitos de nós non coñeciamos e que rapidamente asociamos ás “chicas”...


Ao tempo que vivimos un verán anticipado, desfrutamos dalgunhas das vantaxes deste tempo, asociando novas medidas de protección contra o sol e a calor: a froita e os xeados.
Deste modo, en varias actividades impresas recreamos unha das froitas preferidas de NUBA... a sandía!


E mesmo coloreamos, cada un do seu sabor favorito, xeados, identificando formas (círculo nas bólas e triángulo no cucurucho) e cores... mmm, case case tan deliciosos como os da “Taza de Pandora”... non si?...


Todos estes descubrimentos, transferímolos á saída á praia: con gorros e viseiras e perfectamente protexidos con crema, entusiasmados e con enerxía dabondo chegamos á praia que se atopaba ao final do paseo da nosa vila.


Alí, xunto cos nenos e nenas da profe Silvia, 3 ANOS A, desfrutamos dos xogos cooperativos que rapidamente se dispuxeron na area...
Castelos na area!...












Xogos coas cordas, coa pelota e co paracaídas!












E sobre todo, carreiras e máis carreiras dun lado ao outro da praia... incansables!


E para repoñer forzas, un pícnic improvisado nunha espazo habilitado para tal efecto: comimos e bebimos e voltamos a desfrutar dun tempo de xogo libre no parque de maiores... fantástico!













Que día tan bonito... precioso!... Pasámolo xenial e as caras de agotamento no camiño de volta dicíano todo... non paramos!


Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!