Bienvenido

CHAMADA DE EMERXENCIA: 112.

viernes, 10 de abril de 2015

Logo dunhas curtas, pero intensas vacacións, o martes comezamos o 3º trimestre; un trimestre no que desenvolveremos diversas actividades que nos axudarán a comprender un chisquiño máis o noso pequeno-gran mundo.

Despois de tantos días sen vernos, comezamos a semana coa asemblea na que aproveitamos para contar o que fixemos durante estes días sen escola: ir ao parque, a xogar ao fútbol, ao supermercado a facer a compra e, sobre todo, á festa de Padrón. Alí, cadaquén contou a súa experiencia co archicoñecido “gusano” das festas do contorno… que divertido!

Esta semana ademais, comezamos o libro nº5 de NUBA, no que, dentro das posibilidades de cada un, o nivel de esixencia de cada tarefa será progresivamente máis elevado: pintaremos, repasaremos, picaremos... e iniciarémonos no recortado con demarcación! Uf, isto parece complicado!...


Ademais, como novidade para este trimestre, engadimos á rutina do préstamo de biblioteca a elaboración da ficha de lectura… estupendo!
Como vedes, as novidades esta semana foron a tónica habitual de cada día, reservando para o venres unha visita especial.
A visita tería lugar na biblioteca, polo tanto, o máis doado, foi pensar que iríamos a este espazo do centro a escoitar un conto dentro das actividades enmarcadas no Proxecto Lector de centro. Pois non!, nin moito menos... as pistas que tivemos na asemblea matinal foron 3 palabras clave que nos permitiron traballar de novo a aproximación á lecto-escritura de xeito contextualizado. As palabras foron: “LUME”, “CAMIÓN” e “SEREA”.


Siii, os bombeiros, os bombeiros serían os que visitaban hoxe o cole para todos os nenos e nenas de Ed. Infantil co obxecto de achegarnos ao seu traballo cotiá: funcións, instrumentos e lugar de traballo; ao tempo que aprendemos e vivenciamos unhas nocións de seguridade no caso de incendio.
Antes da visita, conversamos acerca do traballo dos bombeiros, e se algo quedou clarísimo, é que os bombeiros “apagan lume coa mangueira”.
Xa na biblioteca, non perdemos detalle de todo o que nos explicou o bombeiro “xefe”.
Vexamos, que hai que facer no caso de que haxa lume na escola?... Estar caladiños, facer máis caso que nunca aos profes e… tocar a porta!
Si, si, tocar a porta para comprobar si está quente ou fría. E no caso de que esté quente, saír agachados como si foramos ananiños tapando o nariz e a boca co mandilón ao tempo que nos agarramos na fila.
O bombeiro “xefe”, tamén nos explicou cal é o número ao que hai que chamar en caso de emerxencia: o 112.


Coas ideas máis ou menos claras, fixemos un pequeno simulacro para comprobar se comprenderamos todo o explicado durante a sesión.
Seguimos un a un todos os pasos: gardamos silenzo, tocamos a porta para comprobar si estaba quente ou fría, fixemos unha fila en orde, agachámonos como ananiños e fixémoslle máis caso que nunca ao profe: lección aprendida e todos sans e salvos!
Pero aínda quedaba o que indubidablemente resultou máis interesante, xa que outro dos bombeiros, ensinounos parte da súa indumentaria de traballo: casco, máscara, botella de osíxeno... impresionante!
















E agora... quen non quere ser bombeiro de maior?...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

Os contacontos para este venres son:
- NICOLÁS: "Negros e Brancos". (Edit. Xerais)
- XIMENA: "Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis". (Edit. Kalandraka)