Esta semana, voltamos a ter a visita dos científicos cos que aprenderamos
un montón de cousas o trimestre pasado... lembrades?...
Nesta ocasión, os científicos viñeron ao cole para seguirnos mergullando
nalgunhas das curiosidades que desenvolven no seu traballo cotiá.
Así pois, antes de subir á aula de vídeo do pabillón norte, lembramos algunhas
das actividades desenvoltas nos obradoiros do auditorio alá polo mes de
decembro: coñecimos algunhas das especies que existen no fondo mariño, descubrimos
algunhas das propiedades da auga, no que a densidade se refire, a través de
diferentes experimentos, identificamos de que se alimentaban os mexillóns... e
ata nos convertemos en todos uns auténticos científicos mirando por un
microscopio de verdade.
Menuda memoria!... acordabamonos de todo ou de case todo, especialmente do
relacionado co plancton e co microscopio.
Nesta ocasión, o obradoiro centrouse no uso dos sentidos como fonte de
coñecemento e de aprendizaxe.
Así pois, comezamos empregando o sentido do OLFATO. Para iso, tiñamos que
ter os ollos ben pechados para identificar o que había en dous recipientes.
Nun dos recipientes atopábanse uns mexillóns coa súa salsa. Isto custounos
un chisquiño, e mira que somos expertos no que a este molusco se refire.
O segundo recipiente resultou máis doado... era gasolina!... Gasolina dos
coches, dos camións, das motocicletas e mesmo dos... barcos? Siii, os barcos tamén levan gasolina,
quedou clarísimo!
O que máis nos gustou, foi todo o relacionado co uso do MICROSCOPIO. Aínda
que nesta ocasión non tivemos a oportunidade de converternos de novo en científicos,
nunha pantalla grande, moi grande, coa axuda inestimable dos científicos,
descubrimos que era iso tan pequeniño tan pequeniño que logo se vía tan grande,
enorme, na pantalla: unha area de sal, un pelo e ata pó cun curioso habitante
(ácaro) que, ampliado, semellaba un polbo... incrible!
Xa na última parte do obradoiro, deixamos a un lado o sentido do olfato e
descubrimos as posibilidades agora que nos ofrece o sentido do TACTO. Neste
momento, os científicos amosaron unha caixa decorada con elementos mariños no
que, de novo cos ollos pechados, debiamos identificar que elementos se atopaban
no seu interior.
Isto si que resultou complicado, aínda nos custa moito moitísimo determinar
si un obxecto é brando ou duro, longo ou curto, lixeiro ou pesado... pero as
nosas caras de incertidume supuxeron un momento fantástico para comprobar como
aquilo que nos chama a atención convírtese nunha excepcional situación de
ensinanza-aprendizaxe que contribúe ao noso proceso de desenvolvemento integral.
Agora, queda agardar ao vindeiro mes, xa que alomenos ata o mes de maio,
recibiremos cunha periodicidade mensual a visita destes científicos e.. quen
sabe?... quizais estas experiencias inspiran a máis de un a querer ser
científicos cando sexamos maiores...
Un saúdo e non esquezades que... o noso blogue se alimentará dos vosos
comentarios!
1 comentarios:
Encåntanme este tipo de actividades. Son moi instructivas, só hai que ver as cariñas de todos e todas.
Publicar un comentario