Bienvenido

LEvírtete!...

viernes, 29 de noviembre de 2013

Por primeira vez, e tal e como nos prometera o profe, dentro da actividade do préstamo semanal que levamos a cabo dende que tiñamos 3 anos, incorporamos por fin contos escritos en letra enlazada... pero, non vos preocupedes, para os máis inseguros, como primeira toma de contacto no ámbito familiar con estes textos escritos, as historias tamén se presentan escritas en letra maiúscula.
Para comezar esta nova andaina no proceso de lectura, levaremos emprestados os exemplares da Colección Leo e Releo da Editorial Miniland, así como as Coleccións da Editorial Anaya “Nico y sus juguetes” e “Tina y su pandilla”.
A vindeira semana estréase LUIS MIGUEL con estas novas coleccións, o conto escollido foi Ramona e Renato (Edit. Miniland)... seguro que será un contacontos estupendo!


Sen lugar a dúbidas, os avances dende principio de curso no ámbito da lecto-escritura son máis que evidentes na maioría dos casos. En xeral, estamos motivados, interesados, ilusionados... con iso da letra nova, da letra pequena, da letra minúscula; en boa parte grazas ás historias de “O País das Letras”.
O traballo sistemático desenvolto coa proposta e experiencia didáctica deste método de traballo permítenos semanalmente aprender fácil e alegremente, fomentando diariamente o interesse, a atención e a sorpresa.
Como xa vos contaramos, a vida dos personaxes do País das Letras desenvólvese no seu tranquilo país, onde se localiza unha pequena cidade na que poden gozar das delicias do campo: montañas, bosques, ríos, flores, herba, paxaros e bolboretas.
As dificultades neste idílico país póñenas os xigantes, veciños amigos noutros tempos, pero inimigos irritados agora. O mago Catapún procura amolar sempre ás descoidadas letras. Deste xeito poderemos explicar determinadas dificultades lectoras: porque non fala o H, porque o G ten dous sons... Asemade, a situación do País dos Xigantes, á esquerda, xustifica que as letras camiñen sempre cara á dereita.
Do mesmo xeito, estas historias, preséntanse como unha canle para o traballo globalizado de valores, actitudes e normas.
Así, polo momento, co SEÑOR ESTUDOSO, traballamos as ganas de aprender e o desexo de descubrir cousas novas.


Co REI U e coa RAÍÑA A, traballamos o coidado e respecto polos animais, as plantas e o medio natural, aceptando a responsabilidade das autoridades ante os problemas.











Coa PRINCESIÑA I a importancia de comer equilibradamente para medrar sans e fortes superando sentimentos negativos de tristura.


Coa PRINCESA O a responsabilidade e preocupación ante condutas inadecuadas e co PRÍNCIPE E a xenerosidade, a curiosidade e o... despiste!











Por outra banda, ao ser os súper-maiores de mandilón, esta rutina diversifícase se cabe aínda máis, pois non unicamente comezamos a levar contos escritos en letra enlazada, senón que ademais, -pese a que a máis dun non lle fixo graza ningunha-, tamén cambiamos as fichas de lectura... estas si son de súper-maiores!


Esta semana, nalgunha das asembleas matinais, comezamos a buscar, os datos que se solicitan na ficha e, motivados e con ganas, moooitas ganas, nos enfrontamos a esta tarefa: título do conto, autor/a -que ven sendo a persoa que escribiu o conto-, número de páxinas -nalgúns casos xa non será necesario contar as follas do conto, algúns xa están paxinados-, protagonista -sería a persoa, animal ou cousa á que lle sucede a historia do conto-, e editorial -o que aparece na portada de cada conto nun dos extremos-. Por suposto, todos estes datos irán acompañados cun dos nosos debuxos sobre a historia... isto non pode faltar!
Relatos sinxelos, textos breves que incorporan palabras novas, que coidan a corrección e a beleza da linguaxe e que presentan historias curiosas e divertidas coas que educar a sensibilidade artística, o sentido do humor e axudarnos a descubrir o pracer da lectura. Agora tan só queda disfrutar... LEvírtete!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Profe J.Ricardo dijo...

Este venres fará de contacontos:

- LUIS MIGUEL: "Ramona e Renato". (Edit. Miniland)

Esta semana incorporamos a lectura e escrita en letra enlazada en pauta do grafema /e/.