Esta semana aproveitaremos a entrada semanal do noso blogue para
presentarvos á nosa nova mascota: ARIS.
Do arco da vella cóntanse moitas historias. Historias que, xeración tras
xeración, os avós narraron aos seus netos cada noite. Como aquela que conta a existencia
dun caldeiro de moedas oculto no lugar en que o arco e terra se xuntan, ou
aquela outra que relata a paixón dun pintor por poder atrapar as sete cores na
súa paleta.
Pero o que realmente existe ao final do arco da vella é un sitio chamado
Nubaris.
En Nubaris vive ARIS. ARIS é a a nubari que máis ama os libros. Encántalle
descubrir os tesouros que gardan.
Por iso, cando un libro cae nas súas mans, cun suave movemento de nariz,
viaxa a través del introducíndose nos relatos das súas páxinas.
As súas viaxes son apaixonantes e sempre regresa coa satisfacción de quen
descobre cousas novas.
ARIS atópase situada nun lugar privilexiado da aula e en cada unidade
didáctica converterase nun excepcional eixo motivador que nos presentará, a
través das súas historias, o centro de interese das unidades didácticas que
traballaremos ao longo do curso.
Así pois, durante este curso visitaremos covas como os prehistóricos,
camiñaremos polos pasadizos das pirámides, perderémonos polas calellas ata
chegar a impoñentes castelos, entenderemos o profundo respecto dos indios pola
natureza, coñeceremos os inventos que o ser humano deseñou para viaxar e
explorar... Mundos descoñecidos e afastados nos agardan para descubrir ao longo
deste curso... será unha aventura estupentástica!
Tomando como eixo motivador o conto de ARIS, na asemblea falamos dos
contos: a quen lle gustan os contos, cal é o noso conto preferido, que contos
nos contan na casa...
Tamén formulamos hipóteses sobre os lugares que coñeceremos con ARIS
durante o curso con respostas de todas as clases e para todos os gustos. Dende
visitas a castelos encantados como o que cada curso recreamos na nosa aula en
Halloween, ata viaxes nas que coñeceremos seres doutra galaxia... case nada!
Asemade, durante a semana, a través dun sinxelo xogo de pistas, fomos
introducindo a nova mascota nas nosas casas. A dinámica consistía en escribir
nunhas tarxetas creadas para tal efecto, palabras vencelladas con ARIS que
discutimos e consensuamos dun xeito máis ou menos organizado en cada asemblea
matinal: NUBARIS, NARIZ, CONTOS e... ARIS!
Esta actividade serviunos como alicerce para o xoves, día escollido no que
levamos para as nosas casas a modo de marioneta o troquel de ARIS que días previos pintamos con
témpera e pincel ao xeitiño e sen saírnos do contornos. E para rematar... siii, purpurina! Dubidábadelo?...
Empregamos a marioneta de ARIS para lembrar as características que dela se
explican no conto: como é, de que cor era o seu vestido, que particularidade
ten o seu pelo, xogamos a imaxinar como irá ARIS vestida nas diferentes épocas
históricas que visita...
Así pois, e como non podía ser doutro xeito, o debuxo de ARIS foi unha das tarefas
que indubidablemente tiñamos que levar a cabo a modo de actividade final deste
primeiro achegamento da nosa nova mascota. Quedaron uns debuxos...
chulísimos!...
Todas estas actividades servíronnos para lembrar contidos tan elementais
como o correcto trazado dos números do 1 ao 6 e a súa cantidade, a grafía e son
das letras do abecedario e a lectura de fonemas sinxelos (sílabas directas, e
tamén algunha que outra sílaba indirecta), as normas de obrigado cumprimento na
realización das actividades impresas individuais...
Estes días no cole son días de volta á rutina e á calma, pouco a pouco, sen
présa pero sen pausa que a vindeira semana comezamos os libros de súper-maiores... estaremos
preparados?...
Un saúdo con sabor a polbo
SANFROILANeiro e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos
comentarios!
2 comentarios:
Este venres fará de contacontos:
- CARLA V.: "Os animais do zoo". (Edit. Everest)
Que libros tan bonitos os deste ano !!!! Gústannos moito
Publicar un comentario