Bienvenido

HORA DE LER!...

viernes, 22 de febrero de 2013

Cada vez máis motivados na lectura, quedariades pasmados se escoitásedes os logros de máis dun...
Desta maneira, e cada mañá no momento da asemblea matinal, adicamos un tempo á lecto-escritura.
Así, o súper-encargado/a de cada día, ademáis de asociar cada fotografía do neno ou nena que non veu ao cole co seu equipo de traballo correspondente (equipo do M, P, L ou S), ten como tarefa individual a escrita do seu nome e do seu primeiro apelido.
Neste senso, xa vos explicaramos que a escrita do segundo apelido deixarémola para o terceiro trimestre. Agora ben, o profe explicounos que xa podiamos escribir ambos apelidos na ficha de lectura que semanalmente levamos para as nosas casas, suxerencia realizada tras descubrir que varios dos nosos compañeiros e compañeiras xa escriben dende vai tempo ambos apelidos... unha idea estupenda!
Tamén, dentro das tarefas que realiza o súper-encargado/a de cada día, está a escrita de sílabas soltas que, nalgúns casos dan como resultado palabras significativas e relacionados co centro de interese que estamos traballando nese momento concreto, ás veces sinxelas, e outras... complicadas dabondo!
Ademais disto, a media mañá e tras o momento do recreo, tamén adicamos parte da sesión a ler... si, si, a ler... O profe, tras crear o clima de expectación e calma necesaria, escribe palabras ou frases sinxelas empregando unicamente sílabas directas e os fonemas traballados de xeito sistemático ata o momento.
Uf, este momento de lectura cada vez se complica máis!... E é que xa levamos traballadas unhas cantas consoantes: M, P, L, S, T, N, Ñ, LL, B, V, F e H, dando como resultado palabras tales como: “TOMATE”, “OSIÑO”, “LLAVE”, “VELA”, “DOMINÓ”, “FAMILIA”... e frases que cada vez introducen novos fonemas e que non fan máis que fomentar a construción de aprendizaxes que facilitan a conquista de capacidades e habilidades de prelectura.
Asemade, fai xa algunhas semanas, xunto co libro e a ficha de lectura da actividade do préstamo semanal, levamos unha lámina na que se traballan os fonemas vistos na clase.
Estas láminas de lectura de elaboración propia son acumulativas, é dicir, cada venres engádense láminas nas que aparecen novos fonemas, servindo como material de repaso ao longo do 2º e 3º trimestre.
Nesta nova actividade que engadimos á nosa parrilla de clase, as familias unha vez máis vos convertedes nunha peza clave ao traballar semanalmente de xeito individualizado con nós aquela letra que se nos resiste, aquel fonema co que nos equivocamos unha e outra vez… mil millóns de grazas!



 

 



Lembrade que ante este novo reto que se nos plantexa, tedes que estar relaxados e amosar moooita comprensión e paciencia... non o esquezades nunca!


Moi pronto, comezaredes a ver os froitos acadados ante este novo reto competencial cos contos escritos en letra maiúscula que nos trouxera a SS.MM. o Rei Gaspar e que axiña levaremos no préstamo semanal. A partir dese momento, o contacontos semanal, converterase nun auténtico contacontos, nun contacontos de verdade... estades preparados?
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

QUEN OCUPA O MEU CORAZÓN?...

viernes, 15 de febrero de 2013

Semana breve, pero intensa tras os días de vacacións de antroido, entre todos e todas procuramos dar resposta a unha pregunta un tanto complicada... quen ocupa o noso corazón?...
A nosa aula, reflexo do contorno social no que vivimos, pretende converterse nun reflexo fiel da nosa realidade máis próxima, por iso, o xoves, traballamos o “Día de San Valentín”.
Non se nos escapa unha, así que mentres DIEGO, o súper-encargado do xoves desenvolvía as rutinas da asemblea, un dos nosos compañeiros dixo que hoxe era o “Día de San Valentín”, unha idea que serviu como eixo para a conversa que se establecería posteriormente.
Pero... que se celebra no “Día de San Valentín”?... Pois no “Día de San Valentín” os maiores celebran o moitísimo que se queren!
Pero como?... só os maiores?... Aquí houbo un silenzo total e absoluto ata que un dos nosos compañeiros dixo que cando era pequeno, -pequeno de guardería, matizou-, tivera moza.
Unha moza na guardería??... sen-pa-la-bras! Non sabemos se foi polo estupor que crearon no resto do grupo-clase as palabras do noso compañeiro, pero o caso é que rapidamente o protagonista aclarou que agora xa non tiña moza, e é que polo visto a nena xa tiña outro mozo... vaia lío!
As conversas e conclusións suscitadas a partir desta temperá historia de amor, foron moitas e interesantes.
O tema dos mozos e das mozas, resultou o máis controvertido e polémico, por iso acordamos falar máis que de “mozos”, de “amigos especiais” que serían eses amigos e amigas cos que fagas o que fagas sempre o pasas fenomenal. Polo tanto, os mozos e as mozas estarían reservados para os maiores: mamás e papás, madriñas e padriños, avoas e avós e... tamén para os profes?...
Ben, tendo máis ou menos claro iso dos “amigos especiais”, xurdiu unha nova cuestión: “queremos igual a todo o mundo?”... e máis que iso “quen ocupa o noso corazón?”...
Case todos e todas tiñamos máis ou menos claro que non queremos do mesmo xeito a mamá, a papá, aos avós, primos, amigos... son distintos modos de querer supeditados á estima que teñas cara esa persoa.
Nembargantes, iso de decidir quen ocupa os nosos corazóns custounos algo máis, decantándonos, na meirande parte dos casos, por aqueles seres queridos da nosa familia que se convirten en aliados inigualables en diferentes situacións da nosa vida cotiá.
Así, os nosos papás ocupan un posto de honra no noso corazón, seguidos moi de preto polas nosas mamás, irmáns, madriñas e avós... canto amor se respiraba, realmente precioso!



Ademais de todas estas conversas, o xoves levamos para agasallar a aquela persoa que non pode faltar no noso día a día, a aquela persoa que nos cuida, mima, protexe e... tamén se enfada con nós e castiga! un corazón con airon-fix ao que lle puxemos o noso nome.
Xa logo, reservamos un anaquiño de tempo dentro da xornada para “xogar a ser maiores”, e moi agarradiños da nosa parella de baile, danzamos a “canción dos namorados”. Aínda que ao principio certamente tiñamos vergoña, todos e todas acabamos soltándonos a bailar... foi súper-divertido!


Sen lugar a dúbidas, unha semana con toneladas concentradas de inocencia, quilos de espontaneidade e grandes dosis de imaxinación e enxeño que dan como resultado unhas conclusións... sempre xeniais!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

ORELLAS DE FRADE, FREIXÓS QUE BEN SABEN!

viernes, 8 de febrero de 2013


Logo dunha semana chea de antroidadas, hoxe celebramos no cole a festa do disfraz na que aproveitamos para converternos nas nosas personaxes de ficción preferidas.
Así, un curso máis dispuxéronse nos corredores de ambos pavillóns os “Toribiños”.
O Toribiño é un esquelete que, cada curso visita o noso colexio cun cometido: día a día encárgase de comunicar cal é a consigna establecida, en canto a indumentaria se refire, que debemos levar o próximo día ao colexio.
Desta vez, levamos para o luns algo na cabeza, unhas gafas para o martes, o mércores unha paxariña e o xoves a cara pintada. Xa podedes imaxinar como rematamos o xoves... feitos uns auténticos antroidos!


A actividade do “Toribiño” convértese nun recurso excepcional que nos serve como base para observar e identificar algúns dos elementos máis representativos do antroido tales como os antifaces, as máscaras e, por suposto, os disfraces. Uns disfraces nos que dalgunha maneira se ven reflectidos os nosos gustos e preferencias. 
E que mellor maneira de traballar os elementos característicos do antroido que elaborando cadanseu antifaz que pintamos con cera plástica mellor que nunca para levar para as nosas casas, non sen antes, darlle o noso toque especial cuns polviños de purpurina de cores... fantásticos!


Asemade, neste ambiente tan festivo e de diversión, un curso máis redescubrimos, memorizamos e mimamos a canción de “Mi disfraz” e por suposto, tamén aproveitamos para debuxar o noso disfraz. Uns debuxos aos que non lles falta detalle: para Spiderman telas de araña coma o orixinal e a Súper-Mario co seu mario kart,  o castelo encantado con carroza e pony incluídos da princesa, a variña máxica para a fada madriña, o barco e a illa deserta para o pirata...










































E tras todas estas actividades que nos serviron para traballar o centro de interese do antroido, por fin chegou o venres, o día no que cada un de nós se disfrazou daquilo que lle gustaría ser dando renda solta aos nosos desexos e imaxinación, unha renda tan e tan solta que moitos de nós aproveitamos a temática do noso disfraz para xogar ao que tanto nos rechifla... pelexar!
Había disfraces de todo tipo e para todos os gustos... sempre sensacionais cada un no seu estilo!


Ao tratarse dun día diferente, a rutina da merenda tamén resultou especial, e o profe dispuxo na mesa grande todos os postres de antroido que trouxemos: roscas, freixós, orellas...


Logo da rutina da merenda, baixamos ás pistas dos maiores para ver os disfraces do resto de nenos e nenas do cole, e que mellor maneira que combater os efectos do intenso frío invernal que ía que movendo o esquelete ao ritmo dos últimos éxitos musicais do momento... saíron todos!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios

UN POKÉMON POLA PAZ...

viernes, 1 de febrero de 2013

Se a PAZ é un soño, os nenos e nenas de 4 ANOS B soñarán toda a vida... Esta é unha das conclusións á que chegamos ao longo desta semana tras as conversas suscitadas pola actividade conmemorativa que celebramos o mércores no noso centro: o Día da Paz.
Así pois, durante estes días, estivemos traballando aspectos vencellados coa Educación para a Paz, nembargantes, os contidos propios desta data do calendario son traballados en distintos momentos da xornada escolar durante todo o curso.
Sen ir máis lonxe, o momento da asemblea posibilita o traballo desta temática no momento en que día a día progresamos na escoita atenta ao resto de compañeiros e compañeiras, a saber respectar a súa opinión, e, sobre todo, en levantar a man antes de falar, normas básicas de convivencia e relación social que non podedes imaxinar o que nos custa acatar.
Do mesmo xeito, traballamos elementos relacionados con esta temática cando a principio de curso entre todos e todas consensuamos e establecemos as normas que rexerán a vida da aula ou cando o profe nos fai que vexamos formas pacíficas e máis aceptadas socialmente para resolver os conflitos que día a día se suceden nas nosas vidas cotiás.
Comezamos a semana coa lectura do conto Negros y blancos (Edit. Anaya) na que se narra a historia duns elefantes que debido á súa cor distinta emprenden unha batalla encarnizada na que todos os elefantes -negros e brancos- acaban mal, moooi mal parados...


Esta historia serviunos como alicerce de reflexión para as asembleas matinais, as cales, unha vez máis se convertiron nun recurso excepcional para chegar ao centro deste concepto que tantas veces se escoita nos medios de comunicación.
Día a día, os nosos faladoiros eran máis ricos e froitíferos: torbeliños de ideas previa man levantada (esta semana facíase algo indispensable), relacionamos o concepto de Paz con conceptos e accións tales como: “non pegar”, “recoller”, “facer ben a ficha”... chegando entre todos e todas moi acertadamente á conclusión de que a Paz é algo máis que a ausencia de guerra.
Asemade, participamos nunha das actividades propostas a nivel de centro, decorando o noso símbolo da Paz.
Este curso, decideuse ir máis alá da archi-manida pomba da Paz, e traballamos o símbolo creado polo diseñador británico Gerald Holtom no ano 1958.
Xa que a gran maioría asocia como case único e exclusivo símbolo da Paz a pomba branca coa ramiña de olivo no seu pico, pareceunos unha boa idea picar e cubrir de pequenas pombas o noso símbolo da Paz sobre fondo azul celeste.


SE A PAZ É UN SOÑO,
OS NENOS E NENAS DE 4 ANOS B SOÑARÁN TODA A VIDA...

Para rematar, e xa o mércores, o “Día da Paz”, escribimos con tino, o lema traballado os días previos e que nos serviría como elemento identificativo no acto que organizado polo Equipo de Actividades Complementarias e Extraescolares para despois da hora do patio.
Unha a unha foron saíndo todas as aulas do cole, presentándonos o seu símbolo e recitando o seu lema polo micrófono.
Os representantes da nosa clase nesta ocasión foron: Mencía e Rodrigo, a parella que máis alto falaba e a parella que nos deu a súa palabra de honra de que non lles daría vergoña falar polo micrófono diante do resto de nenos e nenas do cole.
E para rematar este acto... descubrimos un novo mural pola Paz e movimos o esquelete! Este curso, Moving de Macaco, pero como o inglés todavía é demasiado para nós, preparamos, baile incluído, a nosa canción particular pola Paz...


Ademais, da pomba da Paz e do símbolo creado por Gerald Holtom, tamén coñecimos o... Pokémon da Paz?... un rediseño actualizado do símbolo da paz presentado pola Organización das Nacións Unidas (ONU). 
O resultado deste rediseño é Peacychard, unha simpática criatura que preside o corredor do noso pavillón e nos ensina coas súas tolas aventuras animadas que hai que dalo todo para lograr a Paz.


Sen lugar a dúbidas, o “Día da Paz” propiciou un cúmulo de experiencias que favoreceron a construción de novas aprendizaxes e coñecementos, velaí van algúns dos nosos debuxos onde non podían faltar... as pombas da Paz!


E para a vindeira semana... o cole encherase de súperheroes e princesas de conto... Agardamos que teñades disfraz listo e preparado porque... xa está aquí o Antroido!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!