Bienvenido

... ESTÁN MÁIS CERCA!

jueves, 5 de enero de 2012

A mañá do martes 20 de decembro resultou un tanto especial, pois ninguén de nós podía imaxinar que teriamos unhas novas tan especiais...
Así, e tras as rutinas de entrada e da asemblea matinal coma se dun día máis se tratase, cando o profe se dispoñía a explicar a actividade que levariamos a cabo antes de ir a Psicomotricidade, un sobre chamou a súa atención e, como podedes imaxinar, rompeu o normal desenvolvemento da xornada.
Rapidamente, as hipótesis non tardaron en aparecer e entre todos axiña descubrimos que a carta viña nada máis e nada menos que... das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, a-lu-ci-nan-te!
Cos ollos e as orellas abertas, moooi abertas, e coa boca pechada, moooi pechada... escoitamos con atención ao profe, non perdimos detalle do que poñía a carta.
As Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, pedíannos que fosemos preparando as nosas cartas, pero... onde as botariamos? Pois está claro, no buzón que Silvia L., a profe de P.E.L.O., nos emprestou para a aula... unha idea fantástica Silvia, mil millóns de grazas!



















O certo é que resultou doado determinar que agasallo non debe faltar hoxe pola noite na nosa árbore de Nadal: coches, bonecas, carritos e cunas de bebés, avións, patinetes... e tamén algún dos contos que traballamos ao longo do trimestre como o de El cumpleaños de Enrique (Edit. Edelvives) ou o de La casa de la mosca fosca (Edit. Kalandraka), entre outros... agardamos que os Reis Magos se lembren dalgún deles...
Deste modo, unha a un, fomos saíndo ao encerado para elixir aquelo que nos gustaría que nos trouxeran os Reis Magos para pegar no modelo de carta que lles entregariamos cando o mércores viñeran a visitarnos ao cole. Como?... Que os Reis Magos van a vir ao cole?... Aquí apareceron as primeiras bágoas e medos, pero quen se agochou debaixo da mesa?...

O resultado, nalgúns casos moooi mellorable, aínda que coidamos que os Reis Magos non nos traian carbón negro porque eran os últimos días dun trimestre intenso e de moitos cambios para nós e xa necesitabamos uns días de vacacións.

O máis complicado foi poñernos dacordo co que queremos que nos deixaran para a clase, a pesar de que durante a semana, nas asembleas matinais, o profe nos fose avisando que tiñamos que ir pensando que agasallos lle pediriamos ás Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente.
Unicamente lle poderiamos pedir 3 cousas: unha a Melchor, outra a Gaspar e outra a Baltasar e claro, podedes imaxinar, o aluvión de cousas que se nos ocurriron nun abrir e cerrar de ollos.
Agora tan só queda agardar ao vindeiro luns 9 de xaneiro e descubrir, se nos trouxeron algo do que lles pedimos.
Dende logo, cando nos viñeron a visitar dixéronnos que nos portabamos moi ben, incluso, no e-mail que nos enviaron dende a “Fábrica dos Xoguetes” comentábannos datos irrefutables de como nos portamos no cole, na casa... e ata nos amosaron unha foto de cando celebramos o magosto, de novo... sen palabras!

E para repoñer forzas... unha merenda rica-riquísima, xa que para o derradeiro día de cole, cada un trouxo o seu postre de Nadal preferido: turrón, froitos secos, galletas e, chocolate, moooito chocolate... mmm, delicious!

E aínda quedaba o prato forte da mañá: a actividade dos “Cantos de Reis” organizada polo Equipo de Biblioteca do centro. Tratátabase de “intercambiar” panxoliñas entre clases. Tocounos facer a actividade coa clase da profe Thais que nos cantaron a panxoliña de “Os pitiños” e nós, convertidos nunhas auténticas súper-stars, lles cantamos “La Marimorena”; e sorprendentemente, ata os que resultaban máis reticentes na clase, estiveron... colosal!

Ao longo do trimestre, foron moitos os contos lidos e traballados na clase, pero un que causou especial sensación foi o de Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis (Edit. Kalandraka). Así, ao tratarse dun conto especial, un conto que unicamente se vai ler durante os días previos ao Nadal, a primeira vez que foi lido na clase leuno un conta-contos moi, pero que moi especial, foi o Papa Noel favo do profe... súper-Paulo!
Da man dun súper-Paulo entusiasmado coa idea e moi metido no papel -canción de Martiño incluida-, escoitamos moi atentos o que lle sucedera a Martiño na Noite de Reis, así que xa sabedes, hoxe hai que deitarse ben cediño...

Tal e como vos prometeramos, con esta entrada agardamos que voltedes a crer nos Reis Magos, e nunca esquezades que... os Reis Magos existen!, existen no corazón de cada un dos que cren neles!...
Un saúdo moooi NeRvIoSo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Claro que existen...
Que idead tan boas se vos ocurren!

Paulo dijo...

Gracias profe, me encantó verme en el blog...todo un placer leerles a tus niños uno de mis cuentos favoritos...

Tu para mi también eres un super-profe!!!

Un beso

Paulo