Bienvenido

REIS E MAGOS...

viernes, 13 de enero de 2012

Despois dunhas merecidas vacacións voltamos ao cole e aínda que sabemos que a máis de un lle custará coller de novo o ritmo de traballo da aula, moitos desexabamos que as vacacións rematasen e así ver a todos os nosos amiguiños e amiguiñas e ao profe.
Como unha mañá máis, comezamos coas rutinas de entrada e coa asemblea matinal: canción dos bos días, elección do súper-encargado, fichaxe de ausencias e presenzas, constatación do tempo atmosférico no panel do coello espacial, actividades de aproximación á lecto-escritura e de iniciación ao razoamento lóxico-matemático...
Evidentemente, despois de tanto tempo sen vernos, tiñamos mil millóns de cousas que contar, pero claro, como podedes imaxinar, a conversa centrouse casi exclusivamente nos agasallos que nos trouxeron Papá Noel e os Reis Magos. Non fomos bos, non, fomos, re-que-te-bos, e viñeron máis cargados de agasallos ca nunca: bicicletas, bonecas, coches de carreiras, patinetes e unha lista interminable dos xoguetes máis ultra-modernos do mercado
Cada rutina deselvoveuse co ritmo habitual ata que o profe se decatou que ao carón da fiestra había un sobre no que se lía: “Los Reyes Magos”. Sónavos?.
Neste contexto as hipóteses foron innecesarias, xa que todos dimos coa solución... siii as SS.MM. os Reis Magos de Oriente deixárannos unha nova carta na súa visita polas rúas de Rianxo o día da Gran Cabalgata Real.
Pero… non nos deixaron agasallos?... Pois de non ser pola axuda do profe, non nos decatariamos de que no rincón da cocinita había un agasallo do Rei Melchor, outro agasallo do Rei Gaspar e outro agasallo do Rei Baltasar, e non será porque o profe non nos mandara a varios de nós a facer “recados” a esta zona da clase, pero nada... estabamos dormidos!!
Reis e Magos, pois claro que se lembraron da carta que o profe lles entregara na súa visita ao cole,… acaso dudábadelo? Nerviosos e moi entusiasmados, desexabamos abrir cada agasallo para descubrir o que nos deixaran, pois non tiñamos nin a máis remota idea do que se podía agochar en cada un.

Para isto, fixemos 3 grupos para que cada un de nós tivese a oportunidade de abrir un agasallo, e ao sinal de: “preparados, listos, xa!” un tras un fomos abrindo cada paquete.
En primeiro lugar, o agasallo do Rei Melchor, -fenomenal, xusto o que precisabamos para o rincón de lóxica-matemática! Aínda que para disfrutalos teremos que ser un pouquiño máis maiores-.

Logo abrimos o agasallo do Rei Gaspar, -fantástico, acertadísimo, agora poderemos recoller as vellas e deixar estas… noviñas!-

Finalmente, abrimos o agasallo máis grande, o do Rei Baltasar, -agora si que a imos ter… quen non vai querer ir ao rincón da cocinita? Sensacional!-

Tras coñecer o que se agochaba en cada paquete, o profe puxo un pouco de calma coa lectura da carta que as SS.MM. os Reis Magos de Oriente nos deixaran. Nela explicaban un montón de cousas tales como que ao longo de todo o ano agóchanse nas nubes que se ven dende unha das fiestras da clase, que nos temos que portar requeteben tanto na casa coma no colexio, traballar como nenos e nenas maiores…
Asemade, e aproveitando o conto da unidade didáctica na que Papelote levou para o cole o seu agasallo de Nadal favorito, o profe deixounos levar o venres o noso xoguete preferido. Había de todo e para todos os gustos: coches de carreiras, xogos de mesa, unha motoserra para cortar leña e, sobre todo, bonecas, moooitas bonecas… Aquí quedaron máis que evidentes os estereotipos e prexuízos dos nenos cara os xoguetes das nenas. Unha boneca?... Nooon!
A experiencia resultou interesante, sobre todo porque todos e todas decatámonos que sabemos compartir sen ningún problema e as rabietas e obstinacións que poidan xordir por este motivo deixámolas para as nosas casas, dende logo no cole..., nin rastro!

Non podemos transmitirvos todas as ilusións vividas, pero se queredes saber máis, non dubidedes en preguntarnos que vos contamos algún outro detalle do acontecido nesta primeira semana de cole... e lembrade, non esquezades que... os Reis Magos existen, existen no corazón de cada un dos que cren neles!!!
Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

1 comentarios:

Anónimo dijo...

Cada un co seu agasallo, e canta ilusión lles fixo levalo ao cole...compartilo cos seus compañeiros.


Un saúdo Ricardo.