Bienvenido

FELICES E MERECIDAS VACACIÓNS...

viernes, 1 de julio de 2011

O verán é un período vacacional; e resulta importante que os nenos e nenas difruten del como tal, nembargantes, as familias debedes ter en conta que calquera xogo ou actividade cotiá que fagades co voso fillo ou filla pode adquirir certo trasfondo pedagóxico.
Por iso, ademais de xogar, ir á praia, ao parque, de viaxe visitar novos lugares... é importante que cada día reservemos un tempo para realizar algunha tarefa que sirva de medio para consolidar algunhas das capacidades adquiridas ao longo deste curso. Non se trata de que os nenos realicen fichas similares ás que realizan na escola, trátase máis de que non perdan o hábito e a actitude de traballo acadada ao longo do curso.
Ao mesmo tempo, este tipo de actividades servirán para afianzar e consolidar algunhas das capacidades adquiridas ao longo do curso, todo esto dende un enfoque lúdico que lle resulte ao neno ameno e divertido, de tal modo que non vexa estas actividades como unha obriga, senón como unha rutina que levan a cabo día a día durante as vacacións.
Respecto á lecto-escritura, sinalar que un lector non nace, faise, para iso, debemos transmitir o valor da lectura como unha fonte de aproximación a novos coñecementos e como unha porta aberta ao mundo da fantasía.
Á hora de ler, resulta fundamental crear un clima cálido, seguro, de proximidade física e afectiva. Non intentedes obter do neno máis do que pode dar segundo o seu estado evolutivo, esto pode causar frustración e o rexeitamento cara a lectura. Ademais, resulta importante seguir traballando a escritura en letra minúscula enlazada, facendo fincapé no seu trazado seguindo a direccionalidade correcta a partir das reglas de caligrafía universais.
Asemade resulta esencial cos nenos e nenas se sintan motivados, só deste modo gañarán confianza nas súas posibilidades, seguridade... actitudes que os levarán, consecuentemente, a coller rapidez lectora. Pódense elaborar xogos de creación literaria nos que se teñan que inventar historias ou imaxinar finais diferentes para contos xa coñecidos.
Ler ten que ser un tempo de pracer, de diversión e de disfrute, así que relaxádevos e mostrade moita comprensión e paciencia.
Finalmente, non esquecer o traballo de vital importancia vencellado coa lóxica-matemática, pois non esquezamos que a lóxica e as matemáticas impregnan gran parte das actividades que realizan os nenos e nenas. Así, podremos seguir traballando copiado de números seguindo a súa direccionalidade correcta, series ascendentes e descendentes, series de números a partir dunha secuencia dada (de 2 en 2, de 3 en 3…), operacións matemáticas sinxelas (sumas, restas), iniciándose nas sumas e restas “con levadas”; un contido que estivemos traballando durante as derradeiras semanas de curso.
Disfrutade ao máximo as tan merecidas vacacións que acaban de comezar e recargade as pilas para todas as actividades que vos agardan a partir de setembro, que abofé serán iguais ou mellores que as vividas ao longo deste curso.