Bienvenido

... PARABENS, SÚPER-MAIORES!

miércoles, 22 de junio de 2011

“Sabedes que os soños poden facerse realidade?... Atrévete a soñar!!!” Este foi o lema sobre o que xirou o acto celebrado onte á tarde na nosa clase.
Foi unha tarde especial, mooooooi especial, unha tarde de sentimentos encontrados: estabamos contentos porque para o próximo curso estaremos na planta dos maiores, pero tamén un pouquiño tristes, sabedores de que unha das etapas máis importantes nas nosas vidas, a Educación Infantil, remataba para sempre.
Onte á tarde vivimos a “Festa do Mandilón”, un acto simbólico que estivemos preparando con moitísima ilusión durante estes días.
Quixemos compartir con todas as familias asistentes, -que foron moitas-, a nosa derradeira asemblea. Tratouse dunha asemblea diferente, especial, xa que os profes foron Mauro e Paulo que, coa nosa axuda, foron explicando que era iso da “graduación”.
Xuntos fixemos unha flashback lembrando eses pequenos grandes-momentos que dalgún xeito marcaron a vida da nosa clase. Lembrades?...


A celebración dos magostos, unha festa que, curso tras curso, propiciou situacións divertidas que nos fixeron pasar momentos sensacionais.


Tamén o “Halloween”, convertidos en cabazas cando tiñamos 3 anos, en pantasmas con 4 anos e de esqueletes en 5 anos... terrorificamente divertidos!!!


Uf, e como esquecer o Nadal da nosa clase!... vivido dun xeito moi especial, compartimos soños e ilusións: as cartas e o e-mail das SS.MM. os Reis Magos, os agasallos, os ensaios de cada festival... Recordos inesquecibles que lembraremos sempre con especial cariño e que voltariamos a revivir unha e mil veces máis.


Finalmente chegaría o antroido, uns días cheos de fantasía nos que cada curso aproveitamos para convertirnos nos nosos personaxes favoritos. De piratas en 3 anos, de Pedro & Wilma Picapiedra cando tiñamos 4 anos e de pingüíns en 5 anos. Foron uns pasarrúas sensacionais e cada vez os disfrutamos máis...


E que me dicides das excursións e saídas realizadas durante estes 3 cursos?... Sen lugar a dúbidas, convertíronse en experiencias de ensinanza-aprendizaxe que, dado o cúmulo de experiencias vividas, estiveron patentes na aula, propiciando descubrimentos, xerando aprendizaxes e contribuindo á interacción entre iguais e aos procesos de socialización infantil.


Por todo isto e por mil millóns de cousas máis, hoxe temos que estar mooooooi contentos, coa seguridade de que en setembro, e xa sen mandilón, agárdannos novos retos que comezarán a formar parte dos nosos recordos.



PROMOCIÓN 2008 - 2011



E lembrade. Nunca deixedes de soñar. Os soños poden facerse realidade... Atrévete a soñar!!!




O BAÚL DOS RECORDOS...

viernes, 17 de junio de 2011

BUSCANDO NO BAÚL DOS RECORDOS, DECATÁMONOS QUE ESTES 3 CURSOS XUNTOS FORON... SÚPER-ESPECIAIS!!




BORJA: "Cando traballo requeteben o profe dime que me vai papar con salsa de tomate e dame a risa".

ADRIANA: "Eu quédome co Festival das Burbujas porque levaba os labios pintados e o público nos aplaudeu un montón".

SANDRA: "Sí!, teño gafas novas e o profe díxome que estaba guapísima".

JADE M.: "Cando vin para este cole porque aprendín moitas cousas".

ÁUREA: "Que ben o pasamos cos carritos de David Manuel e Rosana!".

MAURO: "Cando lles explico aos meus compañeiros cousas interesantes sobre Exipto, o planetario...".

IRIA: "Púxenme moi nerviosa cando os Reis Magos nos enviaron un e-mail".

PAULO: "Cuando soy encargado porque puedo escribir frases largas y números".

LAURA R.: "O mellor momento, os rincóns e xogo ás mamás na cocinita".

ALEJANDRO S.: "A min gústame o patio, o pasamos fenomenal".

PAULA: "O mellor foi empezar o cole porque fixen moitos amigos".

CARLA: "Cando bailei con Marta e Paula como as "Divinas"".

ZAIDA: "Paseino moi ben este antroido cando vin ao cole de Winx".

HUGO: "Divertinme cando aprendemos cousas de Exipto".

AARÓN: "Pásoo xenial cando baixo polo tobogán con Alejandro M.".

IZAN: "Encántame escribirlle mensaxes secretas ao profe porque me da abrazos".

ALEJANDRO P.: "Encántame xogar aos espías no patio".

ALEJANDRO O.: "Gústame moito facer fichas para ser maior".

CÉSAR: "Os contos de Disney do rei Baltasar... o mellor!!!".

CANDELA: "Cando fomos ao zoo de Vigo porque quero ser veterinaria".

MARTA: "Cando empezou o cole porque coñecín a Adriana".

IVÁN: "O mellor foi o festival dos gatos porque levaba o pelo de punta".

ALEJANDRO M.: "Este curso coñecín ao meu mellor amigo Aarón".

SAMUEL: "A obra de teatro "Patito", foi o mellor".

LAURA L.: "Cando lemos contos porque me gusta moito ler".


CON SABOR A DESPEDIDA...

viernes, 10 de junio de 2011

Uf, decatástesvos de que tan só quedan uns días para que o cole remate!!!...
Estamos tristes, excitados, emocionados... raros! e é que estamos en xuño, e percíbese na nosa aula certo sabor a despedida coa chegada das vacacións do verán, unhas vacacións máis que merecidas por todo o traballo e os logros obtidos ao longo do curso.
Nesta ocasión, a despedida será especial, xa que para o vindeiro curso estaremos, xa sen o mandilón, na planta dos maiores, un feito que se traduce para moitos de nós en incertidume e, sobre todo, en ilusión, mooooooita ilusión.
(tranquilo profe, que cumpriremos a nosa promesa)
Estas semanas son intensas no que a traballo e actividade se refire e entre todos e todas estamos pechando moitas das actividades que levamos a cabo ao longo do curso como a da “Mochila Viaxeira” na que as familias tivestes un papel esencial, esta semana tamén compilaremos o “Dossier de Lectura” elaborado a partir da actividade do préstamo bibliotecario...
Por todo isto, tivemos dous respiros que nos fixeron recargar as pilas para enfrontarnos con entusiasmo a todo o que levaremos a cabo durante estes días.

Así, o martes fomos visitar o “Museo do Mar” e a “Casa Museo de Manuel Antonio” que se atopan en Rianxo, e o xoves realizamos a excursión de final de ciclo á “Granxa Serantellos” en Cambados (Pontevedra).
No que respeta á saída por Rianxo, primeiro acudimos a visitar a “Casa Museo de Manuel Antonio” onde descubrimos algunhas curiosidades da súa vida como que foi mariñeiro, que escribía poemas dende o seu camarote, vimos o barco veleiro no que navegaba, a súa habitación e... baixamos en ascensor!... todo unha odisea para máis de un.


Asemade, nesta visita resultou interesante comprobar nas fotografías que se atopan na exposición como cambiou a nosa vila, ata tal punto que non nos resultou nada doado identificar lugares emblemáticos tales como a Rúa de Abaixo ou o parque da tirolina.
Por outra parte, e xa no “Museo do Mar”, situamos Rianxo nun mapa inmenso, tamén coñecimos o proceso de elaboración dun barco, -dende que se tala a árbore ata que se poñen as velas e o motor-, vivenciamos distintas artes de pesca coma o arrastre ou a técnica da rede mediante xogos que lograron distender a visita ao museo...


Aproveitando a saída, fixemos un roteiro polas rúas do noso pobo descubrindo a casa de ilustres escritores nados en Rianxo como Rafael Dieste, Manuel Antonio e A.D.R. Castelao. Unha mágoa que a choiva fixera a súa aparición unha vez máis e tivéramos que meternos na biblioteca, pero ollo, aquí non perdimos o tempo... co que nos gustan os contos!




Pero aínda quedaba o mellor, xa que moitos de nós dende que o profe nos comentara nunha asemblea que desta vez non iriamos nin ao zoo nin á “Casa dos Peixes”, senón que iriamos visitar unha granxa, raro foi o día no que non preguntamos canto faltaba para...
A nova fíxonos moita ilusión, xa que nos fascina todo o relacionado cos animais, e boa proba diso foi o traballo que levamos a cabo a partir das aportacións de distintos libros e contos relacionados coa vida da granxa. Ademais, dous compañeiros trouxeron cadansúa granxa para xogar no momento reservado en cada xornada ao xogo libre nos recantos.
A saída á “Granxa Serantellos” estivo ateigada de anécdotas curiosas e divertidas: houbo nervios na viaxe en bus antes de chegar á granxa, bágoas de medo na visita aos porcos, ilusión cando elaboramos o noso propio pan que despois levamos para as nosas casas, ledicia nos xogos do parque... e, sobre todo, diversión, moooooooita diversión na derradeira excursión que fariamos co noso profe.

Para o día seguinte, e xa no colexio, dado o cúmulo de experiencias vividas, adicámoslle parte da xornada á saída á granxa: comprobando as hipóteses formuladas os días previos, comentando o que máis/menos nos gustou... en definitiva, seguimos propiciando descubrimentos e xerando aprendizaxes.

Como que estades tristes?... Noooooon, eso está prohibido!!!
Si, faltan poucos días para que o cole remate, pero serán días únicos e inesquecibles. Sabedes que os soños poden facerse realidade?... Atrevédesvos a SOÑAR?...

Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!

2011: ANO INTERNACIONAL DOS BOSQUES.

viernes, 3 de junio de 2011

A ONU declarou o 2011 “Ano Internacional dos Bosques”; por este motivo, desde o 2º trimestre, vimos realizando actividades relacionadas co medioambiente encamiñadas a coñecelo mellor e fomentar o seu coidado facendo un especial fincapé na importancia da reciclaxe.
É a segunda vez que se asigna aos bosques o seu propio “Ano Internacional”.
Esta celebración resulta útil para tomar maior conciencia de que os bosques son parte integrante do desenvolvemento sostible do planeta debido aos beneficios económicos, socioculturais e ambientais que proporcionan. Con este fin, promoverase a acción internacional a favor da ordenación sostible, a conservación e o desenvolvemento de todo tipo de bosques.
A FAO, estima que cada ano, máis de 130.000 km² de bosques pérdense debido á deforestación.
Deste xeito, co motivo do "Día Mundial do Ambiente" (5 de xuño), organizamos na aula de audiovisuais do cole unha exposición con todos os traballos que aportamos elaborados a partir de material de desfeito e refugallo sobre a temática do mar e o medio ambiente; e á que estades convidados a visitar o vindeiro luns 6 de xuño de 16:00h. a 18:00h… non podedes faltar!!!

Un saúdo e non esquezades que... o noso blog se alimentará dos vosos comentarios!